Chegou aos nosos oídos...unha nova meta deportiva de Fabiola, unha conserxe "corrente"

Chegou aos nosos oídos...a participación da nosa conserxe Fabiola Pérez Mosquera, na Toxiza Classic Xtreme. Trátase dunha carreira de campo través que reuníu o pasado 8 de abril en Mondoñedo a máis de 600 atletas.

A nosa "corrente" conserxe acadou, inesperadamente para ela, pero felizmente, o primeiro posto da súa categoría (Veteranos A Mulleres)

Fabiola, que corre integrada nas filas do Club Atletismo Sada realizou o percorrido nun tempo de 2 horas, 47 minutos e 16 segundos, a unha velocidade media de 7:58 min/Km.

Parabéns!

NOTA ( de erudito repelente)

Nalgunha das súas obras Miguel de Cervantes refírese a un dos seus personaxes como un "criado corriente" usando esta palabra como participio de presente do verbo correr. Neste senso é Fabiola "corrente", porque corre ... e non vexas como!