Chegou aos nosos oídos...Terceira entrega do Encontro de Teatro Afeccionado: "Enciclopedia Álvarez"

 

 

Chegou aos nosos oídos...que o sábado 17 de febreiro, ás 20 horas, terá lugar  a 3ª XORNADA DO IX ENCONTRO DE TEATRO AFECCIONADO DE BETANZOS 

A compañía "Colectivo Cultural Ollomao" de Barreiros (Lugo)   porá en escea a obra "Enciclopedia Álvarez"

Enciclopedia Álvarez é a historia de catro nenas e catros nenos sometidos á absurda e ilóxica "des-educación" da escola franquista. Os problemas de matemáticas aos que "lles faltan datos" ou están "mal planteados", as preguntas de catecismo que se contestan de determinada maneira "porque lo pone el libro", as clases de ximnasia impartidas por mutilados de guerra, as de "hogar" para as nenas a cargo de mulleres da Sección Femenina ou a visita do inspector de Falange, entre outras, poñen sobre o escenario algunhas das incoherencias máis notorias daquel sistema. Unha historia contada con humor, porque desde o humor é máis agradable exercer a sempre necesaria memoria histórica. Unha historia que nos axuda a comprender o absurdo dun sistema educativo autoritario e irracional. Un absurdo incrementado polo paso do tempo, pero que durante máis de corenta anos foi un dogma imposto pola forza.

 

Tendo en conta que o noso instituto está a traballar este curso (enlace) en colaboración con Afundación na experiencia piloto  interxeneracional titulada "Falamos da escola", o noso alumnado de 2º da ESO  foi convidado a asistir a esta representación. Seguros estamos de que han disfrutar da experiencia teatral a que nos convida a Agrupación Teatral Mariñán e o Colectivo Ollomao.