De 23 vacas en Crendes a mestre en Alemaña

     O luns 24 de outubro pasou polo Aguiar un rapaz . E dicimos rapaz porque, aínda que había 28 anos que deixara as nosas aulas,  o aspecto, a vitalidade e simpatía das que fixo gala foron as propias dun rapaz.

     Estivo connosco unha persoa que se recordou a si mesma, cando estaba no noso instituto, como o rapaz dunha aldea de Crendes cuxos pais tiñan 23 vacas. Daquela na súa aldea había máis vacas que persoas, hoxe hai máis persoas que vacas ("Times there are changing" diría Roberto Z.) Un rapaz que quería cambiar cousas malia non saber como, algo que é normal que ocorra aos xoves.

     Este rapaz de aldea lembrou que daquela só él e outro do Concello puideron ir á Universidade da Coruña,  cando hoxe son máis de cen os que cursan estudos universitarios. Daquela os 28 Kms que separaban a aldea da Universidade eran todo un mundo, físico e de mentalidade.

     Hoxe non podemos pensar en termos tan estreitos. O luns o rapaz ao que nos referimos traía os seus apuntamentos nunha carpeta da Universidade de Heidelberg. Nela podíase ler o lema deste prestixioso centro educativo: "Semper apertus".  Universidade é internacionalización, non ter medo en facer a nosa vida en lugares lonxanos abrindo as mentes a outras formas de vivir e pensar...pero sen perder nunca a memoria de onde vimos e cal son as nosas raices ( comezando pola lingua nai) Por certo, de aquí unha derivada, aínda que o rapaz fose de letras: é indispensable formarse en idiomas. Os mellores?  Os que mellor se adapten ao que che interesa estudiar ou formarte. Con só 8 (!) poderíamos comunicarnos e traballar na inmensa maioría de paises do mundo.

     Falaba este rapaz ao alumnado de 2º de BAC, de responsabilidade social. Recibimos da sociedade moito e debemos devolvelo en forma de propostas para mellorar, cada día, o mundo no que vivimos.

     O éxito non é recoñecemento fácil,  senón realización personal e compromiso social.

     O rapaz de aldea, de raices campesiñas, que falou connosco o pasado luns,  referiuse a unha cultura do esforzo. Falou de leis educativas en España i en Alemaña. Defendeu algún xeito de avaliación ao remate de determinadas etapas educativas pero poñendo dúas condicións: que non sexan un obstáculo que peche portas senón que que as alternativas sexan sempre dignas para as persoas; e que sexa un sistema flexible que permita reintegrarse ao camiño, cecais abandonado noutras circunstancias. O modelo alemán ten aspectos positivos neste senso.

Falou o luns no IES "Francisco Aguiar" un rapaz que estudou nas súas aulas, e que ao dicir dos seus pais,  hoxendía é "mestre en Alemaña".

Falou cos nosos alumnos de 2º de BAC o Vicerreitor da Universidade de Heidelberg, Óscar Loureda.

Grazas!