Hora de Ler. 1ª semana [1ª sesión]

Xa está connosco un ano máis no Aguiar,  "Hora de Ler" . 

 

No ambente aboia unha cuestión. Cantos anos máis teremos que camiñar? cantos mares haberemos de sucar? antes de que a utopía que iniciamos poida chegar a ser realidade.

 

Seguramente a resposta está nun inasible vento... pero temos a certidume de que os tempos xa levan varios anos anos cambiando no IES Francisco Aguiar co labor calado de profesores e profesoras que animan a ler nas súas aulas, que dirixen, animan ou dinamizan clubs de lectura, que extenden a experiencia nas redes sociais ou a traves de blogs .

 

Ás veces tropezando como se camiñasemos por brumosas montañas, chocando como tolos en autopistas cheas de curvas, empapándonos sen entender ben por que a choiva poder ser tan dura.  Esvarando pola aba abaixo como unha pedra que se precipitase, lacerada, cara ao val,  imos realizando  o soño que nos congregou.

 

Tantas veces loitando contra a sensación de que as rúas que percorriamos, antigas e vacías, estaban demasiado mortas para soñar.  Golpeando unha e outra vez ás portas do ceo e atopando, non sempre, resposta...e ás veces non era outra que a dunha loira rapaza de ollos tristes que Joaquín chamaría soidade ou un home delgado chamado Jones ao que lle preguntaban "que se sentía sendo un freak?"

 

 

 Porén a liña quedou xa trazada e marcado o destino. Os lentos agora, serán rápidos máis tarde como o que agora é presente será pasado. A orde herdada esvaece paseniño e o que antes era o menos importante acada o posto que lle debía corresponder... porque os tempos están a mudar

... e nós quixemos ser testemuñas e protagonistas  

 

 

 

 

1ª SEMANA [1ª SESIÓN] 

 

 

Comezamos este curso Hora de ler cunha proposta imperfecta: unha lírica que non soa!

Sirvan os poemas de Petando nas portas de Dylan de Antonio García Teijeiro(enlace) e mesmo unhas traducións como preámbulo para escoitar (e ler) ao Premio Nobel de Literatura 2016(enlace).