Chegou aos nosos oídos... Fragas do Mandeo a e custodia do territorio

Chegou aos nosos oídos...unha nova iniciativa de Fragas do Mandeo que impulsa, e  na que participa activamente o noso compañeiro o profesor Juan M. Neira. Trátase da V Semana de Custodia do Territorio. 

 

" Chegou a quinta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Todo está programado e listo para que empece o sábado día 17.

O programa deste ano está centrado na recuperación de espazos naturais, unha tarefa na que hai que combinar un coñecemento detallado das zonas a intervir co dominio das técnicas actualmente dispoñibles. Por este motivo, a xornada de charlas desta edición estará dedicada especificamente a esta cuestión, dividíndose en dúas partes. Na primeira tratarase o caso dos bosques que, baixo un aspecto naturalizado, poden estar moi condicionados polo seu pasado. Na segunda a atención recaerá nas posibilidades de recuperación de espazos degradados, aproveitando para poñer como exemplo un caso próximo: os avances na creación da reserva de anfibios do Catorce. 


De xeito similar a edicións anteriores, as xornadas de voluntariado ambiental estarán centradas en dous tipos de actuacións: a erradicación de especies exóticas invasoras e a retirada de plásticos na costa e nos ríos da bisbarra. As invasoras están consideradas a segunda causa en importancia de perda de biodiversidade a nivel planetario segundo a UICN. Pola súa banda, a plastificación do mar causa a morte cada ano dun millón de aves mariñas e de cen mil tartarugas e mamíferos mariños. Aínda que as actividades programadas son accións modestas fronte á gravidade destes problemas, actuando localmente poñeremos a parte que nos toca para solucionar estes dous graves problemas globais.

A Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo. 

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que cheguen a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Imaxe do cartel da III Eco-regata Ría de Betanzos

Eco-regata na ría de Betanzos: Os refugallos que recollémo-lo ano pasado na marisma encheron dous contedores industriais, sumando un volume total de 16 m3. ¿Repetiremos nesta edición ese récord? Para intentalo animamos a tódolos cidadáns a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos, afanaranse por ver cal é a que máis lixo recolle e a que atopa o refugallo máis singular. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos, onde haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de UntaRoxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil, restaurante Casa Vidal e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 17 de setembro, de 16:00 a 20:30 horas. 
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado en Ponte do Porco: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia da Alameda. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos cinco anos arrincámo-la uña de gato (Carpobrotus edulis), os plumachos (Cortaderia selloana), a santalina de auga (Cotula coronopifolia) e o eixerón (Conyza canadensis). Aparte de revisar se algunha delas apareceu de novo, este ano atacaremos tamén outras invasoras: a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), o Aster squamatus e o Cyperus eragrostis. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 18 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas. 
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Xornada sobre a recuperación de espazos naturais: Como acto central da Semana programouse un conxunto de charlas titulado Recuperando espazos naturais mediante a custodia do territorio. Trala apertura a cargo do alcalde de Betanzos, D. Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo tras seis anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos.

 


O primeiro bloque de conferencias versará sobre as fragas e os bosques de ribeira. A primeira delas correrá a cargo do Dr. José Guitián, investigador e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, que nos explicará as relacións de mutua dependencia entre o arborado autóctono e as aves fruxívoras.

A continuación intervirán o Dr. Javier Amigo e o Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, ámbolos dous tamén investigadores e profesores da mesma universidade. Coñecedores da flora local (acaban de publicar unha guía da vexetación da bacía do río Mandeo), exporán cal é a composición dos nosos bosques e canto se afastaría do que sería totalmente natural.

O segundo bloque de charlas comezará trala pausa de media mañá. O Dr. Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN, informaranos de distintos casos de restauración de hábitats degradados, tanto naturais coma resultado de actividades industriais.

Por último, D. Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo, exporá un exemplo moi próximo de recuperación dun espazo degradado: a creación da reserva de anfibios do Catorce, que acometemos hai tan só dous meses.


Data: Sábado 24 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Por cuarta vez imos achegarnos ó río Mendo para participar na novena edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Aínda que este ano adiouse a causa das eleccións, nós mantémo-la data inicial por razóns organizativas. O ano pasado participamos 691 persoas de 54 entidades, e logramos retirar máis de 13 toneladas de refugallos en 47 ríos. En función do número de inscritos repartirémo-los tramos, coa intención de recoller canto refugallo atopemos entre a ponte das Moas e a ponte de Taibo. Son 8 km de percorrido de gran beleza, no que boa parte está integrada no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de levar luvas e un bastón. O Concello de Coirós colaborará transportando e procesando todo o que recollamos. Continuarémo-la xornada pola tarde recollendo lixo dende embarcacións no tramo navegable do río Mandeo, coa colaboración da  Amigos dos Ríos de Betanzos. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 25 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas. 
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é algo máis que outro evento da axenda cultural local. Busca proporcionar unha ocasión ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

É tempo de moverse polo noso patrimonio natural: ¡Apúntate!

Foto de voluntarios na praia da Alameda