Chegou aos nosos oídos...novidosa aportación á música tradicional

Chegou aos nosos oídos... a participación de tres das nosas ex alumnas, as irmás Montero (María, Alejandra e Andrea), nunha novidosa experiencia arredor da música tradicional e nomeadamente da percusión.  Ás participacións con Carlos Núñez,  ou nunha película sobre a xota de Carlos Saura, engádese agora este proxecto de Aliboria con Xosé Lois Romero agromado na publicación dun disco  que pode ser unha auténtica revolución no panorama da percusión tradicional. 

 

  (enlace)

 

ALIBORIA. A REVOLUCIÓN PERCUSIVA CHEGA Á RÚA

Sae á venda o primeiro disco da Xosé Lois Romero e Aliboria, que leva por título o propio nome da banda. Este proxecto procura unha revolución da percusión tradicional, facendo arranxos contemporáneos nos que se combinan bombos, pandeiros, latas, pandeiretas, tixolas, tarrañolas e até piñas. A iniciativa parte da teima de Xosé Lois Romero por facer avanzar a percusión popular, que ficou estancada “sen acadar esa normalidade evolutiva que si acadaron outros instrumentos como a gaita ou a zanfona”, explica. 

 

O proxecto foi posíbel grazas ao encontro de Romero, intérprete experimentado e referente da música tradicional galega, coa frescura dunha nova xeración de músicos que, malia seren mozos, se criaron na música tradicional e posúen un coñecemento profundo do folk. [AS NOSAS ADMIRADAS EX-AGUIAR:  MARÍA, ALEJANDRA E ANDREA)

 

O disco preséntase nun estoxo de deseño coidado, que garda no seu interior un libreto con gráficos que explican como se tocan os instrumentos empregados polo conxunto. Inclúe nove pistas de temas populares interpretados desde unha perspectiva actual, baixo un concepto militante e moi minimalista, pero con toda a complexidade de facer un espectáculo só de voces e percusión. A produción do disco, a cargo de Noa López, tamén foxe do convencional. Tivo lugar na Casa Gasamáns (Ames), onde os integrantes do grupo fixeron unha residencia artística durante catro días, combinando as sesións de gravación técnica con tres concertos privados. Noa López sinala que isto responde á vontade de recoller no disco “esa sonoridade e esa forza do tocar en directo”, tan importante para a música tradicional.