Ex....polo mundo adiante: Uxía unha lectora de español en Addis Abeba

Como tantas veces ocorre nas nosas vidas son as situacións que vivimos, as circunstancias as que nos empuxan por camiños insospeitados. Este curso no Aguiar dase a circunstancia de que varias persoas que nos acompañaron en anos pasados (profesoras e alumnas)  atópanse moi lonxe vivindo experiencias enriquecedoras para elas.

Dende a nosa páxina ofrecémos a estes ex do Aguiar que enviasen de cando en vez algunhas liñas para coñecer de primeira man as súas andainas e xa estamos en disposición de comezar este intercambio.

 

Comezaremos por Eugenia-Uxía Conde Noguerol. Profesora de Lengua Castellana no Aguiar durante parte do curso 2014-2015,  logo da xubilación de Alicia Requena. Todos recordamos o seu aire xuvenil, a alegría sempre reflexada no seu rostro...

 Se vos preguntades "andandará" , ímosvolo dicir: En Addis Abeba, a capital de Etiopía.

Atopase alí como lectora de español na Universidade . E dende que soubemos no Instituto que iría para alá propuxémoslle facer de reporteira e que nos mantivese informados da súa aventura. Elá aceptou co sorriso que a caracteriza e por iso podemos dar agora conta das súas  andainas.

 Co expresivo nome: "Addistancia: diario dunha lectora de español en Addis Abeba" (enlace) , mantén un blog que nos mantén informados do seu paso por Addis Abeba.

Por ela sabemos dos taxis colectivos nos que se regatea o prezo como medio habitual de transporte, do costume de preguntarse entre compañeiros descoñecidos de viaxe: "Sempre hai alguén que me fala. De onde son? Que fago? Canto tempo levo na cidade? E cando lles conto que dou clases de español sempre mostran interese por apuntarse. Faime moita graza. Eu dígolles que está todo full full. ". Infórmanos  de casas sen cortinas  nin persianas, do extrano nome da moeda local "birrs". Coñecemos que o soldo mensual dun profesor de universidade vén sendo de 250 euros ( o que se considera unha boa remuneración). E sabemos das primeiras experiencias coa comida local:  un restaurante de comida tradicional onde se serve injera e hai música etíope en directo. O sitio recrea as típicas chozas que hai nalgunhas zonas rurais de Etiopía e hai músicos con bailarines que representan distintas danzas tradicionais. Moi divertido, pero a injera é demasiado forte para min. A masa ben, pero os condimentos pican a rabiar. Non entendo como os etíopes poden estar comendo iso todo o día. Cómese coas mans e o bonito é que é un único prato que compartes entre varios comensais. A xente anímase e algunha sae a bailar ao escenario.

Animamos aos seus compañeiros e antigos alumnos a seguir o seu blog  a participar nel , e desexamos para Uxía o mellor seguros de que deixará en tan lonxanas terras unha pegada tan amable como a que nos deixou en Betanzos.

Agardamos vela de novo polo Aguiar