Eventos

Select event terms to filter by
Select event type to filter by
Xoves Xaneiro 18, 2024

O xoves 18 de xaneiro o alumnado de 2º ESO C e D visitou o parque eólico experimental de Sotavento, situado na Serra da Loba, entre os termos municipais de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña).
Alí os rapaces e rapazas, ademais de comprender como funcionan os aeroxeradores dos parques eólicos,
puideron coñecer as diferentes fontes de enerxía que se utilizan para producir electricidade no noso país, destacando a importancia das fontes de enerxía renovables.
A última parte da saída estivo enfocada á eficiencia e ao aforro enerxético coa visita a unha vivenda bioclimática, onde lles ensinaron diferentes técnicas para aproveitar ao máximo os recursos naturais dos que dispoñemos na nosa contorna, reducindo deste modo o impacto ambiental e contribuíndo a un desenvolvemento sostible.

Domingo Xaneiro 21, 2024
Start: 21/01/2024 17:34
Na pasada semana a prensa daba a noticia da recuperación dun picasso e o chagall co que ilustramos esta entrada de Hora de ler, roubados a un coleccionista no 2010. 
As propostas de lectura (un relato literario de Katherine Anne Porter e un conto recollido da colección do Museo do Pobo Galego) comparten a súa temática: o roubo.
Luns Xaneiro 22, 2024

Os nosos estudantes Aida García, Elisa Galdón e Miguel Luces participaron este luns no Torneo de Debate organizado pola Fundación Barrié. Parabéns aos tres pola súa dedicación e esforzo na construción de argumentos sólidos e persuasivos!

 

Martes Xaneiro 23, 2024

Dous grupos de 2º da ESO realizaron prácticas de escalada no rocódromo de Lugo. Esta actividade enmárcase dentro do Plan Proxecta de Proxectos de Vida Activa e Deportiva.

O xenial Abraham Cupeiro encandilou ao alumnado de 2º e 4º da ESO sacando magníficos sons tanto de instrumentos guerreiros, coma o carnyx, coma de humildes tubos sonoros.

O alumnado tivo ocasión de preguntar, e así o fixo, deixando patente o seu interese e curiosidade.

Por último, Abraham fixo soar o shofar, instrumento que derrubou na antigüidade as murallas de Xericó.

Esperemos que as de Betanzos sigan no seu sitio tras este concerto!

O pasado 23 de xaneiro tivo lugar o Obradoiro de Iniciación á Astronomía, organizado conxuntamente entre o profesorado do Club de Ciencia e do Proxecto MeteoEscolas.

O alumnado recibiu unha charla acerca da evolución do concepto de gravidade ao longo da historia e dos principais movementos da Terra, aclarando cales causan as estacións e por que estas dependen do hemisferio no que se estea. Ademais, traballáronse nocións básicas de orientación, constelacións, eclipses e mitoloxía.

Non se puido levar a cabo a observación posterior ao non se teren dado as condicións meteorolóxicas adecuadas.

Hoxe celebramos a entrega de premios do Concurso de Cómic convocado por Delia Vázquez, ex-alumna do noso instituto, e auspiciado por José Manuel Rey Bao, xefe do departamento de Educación Plástica e Visual.

O gañador foi Enrique Barreiro Sánchez, de 1º de Bacharelato D, co seu traballo "Misión del queso".

En palabras da xuíza, "el cómic presenta ritmos adecuados y una premisa interesante desde la primera viñeta." Además, "muestra originalidad y frescura".

Parabéns ao gañador!

Domingo Xaneiro 28, 2024
Start: 28/01/2024 17:54

A muller que pintou Edward Hooper está a ler (a Biblia?). 

O cadro leva o título Habitación de hotel [1931].

A muller que está sentada na sala 45 do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, aínda que sexa na pantalla do seu móbil, probablemente estea a facer o mesmo: por que non pensar que estea a ler o que se di do pintor da soidade.

Entre as suxestións de lectura desta semana, dous textos nos que a literatura dialoga coa arte.

Martes Xaneiro 30, 2024

O alumnado de ESO2D lerá uns textos relacionados coa paz e a non violencia que servirán de preámbulo para a inauguración dos murais realizados por José Manuel Rey Bao, xefe do departamento de Educación Plástica e Visual: un do Guernica e outro dun retrato de Gandhi que luce a frase: Non hai un camiño para a paz, a paz é o camiño.

Agradecemos a colaboración de Claudia Blanco, Pedro de Farias, Elisa Galdón, Daniela Varela, Julia Caamaño, Sabela Gómez e Rubén Orgeira, todos de 3º da ESO, na realización dos murais.

Xoves Febreiro 01, 2024

Catro representates do noso IES participan na Fase III do Programa Observa-Acción, que consiste en visitas de observación a centros situados noutras comunidades autónomas.

Neste caso, o centro elixido e o IES Valle de Piélagos de Cantabria. Durante dous días, conversarán e tomarán nota das boas prácticas educativas que se realizan nese instituto. Máis adiante, serán os nosos compañeiros cántabros os que nos virán visitar.

Domingo Febreiro 04, 2024
Start: 04/02/2024 15:10

 

 

 

Preámbulo de entroido...

Entroido, antroido, entroito... son nomes que proceden do termo latino Introitus: entrada. O termo carnaval procede de expresión Carne vale (adeus á carne).
 
   No Libro de Buen Amor, un texto do século XIV aparecen mencionados por primeira vez, nunha obra literaria, Don Carnal e Doña Cuaresma. Este episodio é unha alegoría que representa ás Carnestolendas como Don Carnal, un home mundano e amante dos praceres, e do outro lado a Cuaresma como Doña Cuaresma, muller recta e pura.
   Ademáis desta proposta informativa para disfrazarmos con fundamento neste tempo, tamén quedan a disposición do lector un relato de Carlos Casares, un relato de Clarice Lispector e unha antoloxía de poesía amorosa de Jorge Reichman.
 
 
 
Mércores Febreiro 07, 2024
Start: 07/02/2024 14:59

 



 FICCIÓN (OU NON-FICCIÓN) COA CIENCIA: A MAXIA DO NÚMERO π 



A Biblioteca Sebastián Buedo Jiménez, [3,1416 x6,6844] días antes do Día Internacional do número Pi, convoca o VII Concurso de Esopías do IES Francisco Aguiar. 



BASES


Poderá participar calquera alumno matriculado no IES Francisco Aguiar.


  1. Os participantes presentarán unha esopía inédita, en castelán ou galego, segundo a guía que se acompaña nesta convocatoria, e tendo en conta a definición desta: Esopía é un relato, comentario ou poema, de aproximadamente 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π. A esopía terá un mínimo de cinco palabras.
  2. A esopía deberá ir acompañada dunha ilustración orixinal.
  3. Establécense tres categorías nas que o xurado designará un gañador porcategoría: Alumnos de primeiro e segundo da ESO / Alumnos de terceiro e cuarto da ESO, bacharelato e Ciclo Formativo.
  4. Os participantes, que poden presentar ata un máximo de 3 esopías, obtarán a un único premio, que consisitrá nun vale para mercar material informático, audiovisual, didáctico ou educativo.
  5. Os premios poderán ser declarados desertos.
  6. O prazo de entrega remata o 31[4159....] de marzo de 2024.
  7. As esopías, que deberán ser entregadas na Biblioteca, empregarán completamente cuberto o seguinte modelo descargable nesta ligazón.
  8. O xurado, designado polo Equipo da Biblioteca, estará integrado por distintos membros da comunidade educativa.
  9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
***
Esopía é un relato, comentario ou poema, de aproximadamente 140 caracteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π. A esopía terá un mínimo de cinco palabras. A guía para facer esopías ten, entre espazos en branco e letras, 140 caracteres. Hai en total 24 palabras. As comas, puntos e comas, dous puntos, apóstrofos… poden ocupar un espazo en branco. Aínda quedan dous espazos para signos de interrogación ou exclamación, ao inicio ou ao final. 
 
Deste esta ligazón accederás a unha antoloxía dos mellores traballos de anteriores edicións.
 






O alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º da ESO e 1º de BAC participou nunha formación sobre RCP e aprendeu sobre soporte vital básico e o uso do desfibrilador. Para iso, utilizaron o material cedido durante dúas semanas polo Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, que se sumou ao maniquí do departamento de Bioloxía.

Venres Febreiro 09, 2024

O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participa no concurso de disfraces para festexar o entroido.

 

Mércores Febreiro 14, 2024
Start: 14/02/2024 12:08

Sen ánimo de rozar a controversia ou de pecar de heterodoxia... 

Nesta semana curta na que esta outra Rosalía exhibe no seu cuarto, xunto co desorden, vocación lectora, 

deixamos como suxestións de lectura os relatos de Rosalía Fernández Rial e Laia Jufresa.

Xoves Febreiro 15, 2024

Visita organizada polo departamento de Tecnoloxía para alumnado de ESO2.

O bo tempo non acompañou, polo que a visita centrouse nun percorrido polo interior das instalacións do parque.

Alí, o alumnado puido coñecer de primeira man como funcionan os xeradores eólicos, os distintos tipos de placas fotovoltaicas e que fontes de enerxía están involucradas na xeración de electricidade en España. Ademais, experimentaron con pequenos paneis solares para facer uns circuítos nos que se acendía unha pequena lámpada con enerxía xerada pola luz solar.

Por outra banda, tamén puideron visitar unha casa bioclimática na que o aproveitamento dos recursos (electricidade, auga e calor) é máxima, xa que está pensada para minimizar o gasto e optimizar tanto a radiación solar incidente coma o uso da auga nos aseos. Comprobaron que utilizando o o sentido común e con pequenos xestos cotiáns, unha familia pode reducir o consumo enerxético de forma considerable.

Agora toca aplicar o aprendido na casa!

Venres Febreiro 16, 2024

Un ano máis, o departamento de inglés e as seccións bilingües organizan unha VIAXE CULTURAL A LONDRES, que se desenvolverá en setembro-outubro de 2024 e estará destinada ao alumnado que nese momento estea matriculado en 4º da ESO.

Poden acceder á presentación amosada e á documentación entregada nesa reunión nos arquivos que se achegan.

Recordamos que o prazo de reserva remata o 20 de febreiro, e que é preciso facer o ingreso do primeiro pago (300€) e entregar o documento de condicións/protocolo de conduta debidamente asinado para que sexa efectiva.

O 12 de febreiro saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de Axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2024, destinadas a alumnado matriculado en 1º ou 2º de Bacharelato.

 

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Distribuir contido