concurso

Entroido no Cova Terreña e novo concurso!

Entroido larafuzán, comiches a chicha e deixaches o pan e mais un novo concurso da Biblioteca!!!

Entre máscaras, disfraces, bailes e moitas sobremesas saborosas (mmmmm...), deixámosvos unha nova entrega dos nosos sapoconchos máis festeiros, nesta ocasión na compaña de dous novos amigos, a Nanci Tanxugueira e mais Fofinho, o animal de estimação do alumnado de lingua portuguesa do centro.

 

 

Quen ousa participar neste reto que vos propoñen Lentiña, Cova e Terreña? Só tedes que adiviñar de que catro personaxes do Entroido tradicional galego van vestidas Lentiña, Cova, Terreña e mais un dos novos amigos, Fofinho.

Agardamos as vosas respostas, mentres imos rillando marruchos a fartar! 

E ti, de quen vés sendo?

6ª muller – día 17 de marzo

A muller que procurabamos o día 16 de marzo era Sonia Villapol Salgado.

 

Vida

Nada en Bretoña o 8 de maio de 1977.

Estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela, especializándose en Bioloxía molecular e Biotecnoloxía en 2003. Completou os seus estudos cun máster en Neurociencia e iniciou os estudos de doutoramento na Universidade Autònoma de Barcelona nos campos da Bioloxía celular, a Fisioloxía e a Inmunoloxía, que finalizou no 2007 coa lectura da súa tese sobre os mecanismos da morte celular no cerebro.

 

Traballo

Foi investigadora posdoutoral no Centre National de la Recherche Scientifique da Universidade Pierre et Marie Curie en Francia e logo no Instituto Nacional Francés de Investigacións en Saúde e Medicina (INSERM) en París. Posteriormente trasladouse aos Estados Unidos onde exerce como Neurocientífica no Texas Medical Center de Houston, ademais de ser unha das colaboradoras do Instituto Nacional de Saúde (NIH) e do Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa.

Alén diso, en 2014 iniciou a súa etapa docente como profesora asistente no Departamento de Neurociencia da Universidade de Georgetown e hoxe en día forma parte do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19, ocupándose dos estudos sobre o dano que este virus provoca no cerebro e no sistema nervioso.

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 17de marzo?

Pois... Emma González Leyenda de 1ºB!!

 

 

 

E ti, de quen vés sendo?

5ª muller – día 16 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 16 de marzo era Ramona Vaamonde Fernández.

 

Vida

Ramona Vaamonde Fernández naceu en Santiago de Compostela o 28 de abril de 1907 e morreu na mesma cidade o 8 de agosto de 1997. Era filla do doutor Joaquín Vaamonde Rodríguez, médico compostelán pioneiro da Radioloxía en Galicia.

Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1930, con Premio Extraordinario de Licenciatura e con 12 sobresalientes e matrículas de honra das 14 materias da carreira. En 1937, durante a Guerra Civil e na súa etapa no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago, obtivo o título de enfermeira. Doutorouse en 1957 cunha tese sobre o metabolismo dos ácidos nucleicos das bacterias.

Traballo

Desde 1967 exerceu como profesora de Microbioloxía e Técnica microbiolóxica; nese mesmo ano tamén foi nomeada profesora agregada de Parasitoloxía. En setembro de 1975, detectou moi axiña en Santiago de Compostela a presenza do virus do cólera evitando así unha pandemia. Xubilouse en 1977.

Repercusión

Entre os recoñecementos que recibiu destaca que recentemente foi rescatada do esquecemento para pasar a formar parte do Álbum de Mulleres do Consello da Cultura Galega.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 16 de marzo?

Pois…Jara Otero Gelpi de 1ºA!!

E ti, de quen vés sendo?

4ª muller – día 15 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 15 de marzo era Antonia Ferrín Moreiras.

 

Vida

Antonia Ferrín Moreiras, tamén coñecida como a galega que se namorou das estrelas, naceu en Ourense o 13 de maio de 1914 e finou en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2009.

A súa familia era humilde, pero os seus pais quixeron que as súas catro fillas tiveran estudos superiores, polo que se trasladaron a Santiago de Compostela.

En 1930, Antonia comezou os seus estudos superiores na Facultade de Ciencias da USC; a situación económica da súa familia propiciou que tivese a matrícula gratuíta e que se lle concedesen bolsas, grazas ás que, na época da II República (concretamente, en 1935), Ferrín puido licenciarse en Química e acadar o título de Maestra Nacional.

Traballo

Ao rematar a carreira, Ferrín comezou a traballar como profesora axudante en prácticas das materias de Física e Matemáticas da Facultade de Ciencias e como axudante interina no Departamento de Ciencias do Instituto Arcebispo Xelmírez de Santiago. Ao mesmo tempo, estudaba a carreira de Farmacia. En 1937, despois do estourido da Guerra Civil, sancionárona pola súa ideoloxía política e abríronlle un expediente de depuración por unha denuncia anónima. Por esta razón foi sancionada e apartada da docencia na Universidade, ata que se revisou a súa causa e puido volver exercer. Da man de Ramón María Aller -director e fundador do Observatorio Astronómico da USC- introduciuse no mundo da Astronomía e converteuse na primeira astrónoma galega. En 1950, conseguiu licenciarse en Matemáticas na Universidade Central de Madrid estudando como alumna libre os últimos tres años de carreira. Entre 1954 y 1956 acadou o doutoramento en Astronomía en Madrid. Ferrín foi a primeira muller profesora da Facultade de Ciencias da USC. En 1963 leu a súa tese de doutoramento, a primeira que trataba de Astronomía defendida por unha muller en España. Traballou como profesora adxunta de diferentes cátedras ao longo da súa vida, como a de Estadística ou a de Astronomía da Facultade de Matemáticas. Xubilouse en 1984.

Repercusión

O labor de Antonia Ferrín foi recoñecido con diferentes honores, como a súa inclusión, en 2018, na Táboa Periódica das Científicas ou o seu nomeamento como madriña no 50º aniversario da Facultade de Matemáticas da USC.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 15 de marzo?

Pois…Nadia Rodríguez Piñeiro de 1ºB!!

E ti, de quen vés sendo?

3ª muller – día 12 de marzo

 

A muller que procurabamos o día 12 de marzo era Jimena Fernández de la Vega Lombán.

 

Vida

Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega Lombán naceu naVeiga (Asturias) o 30 de maio de 1895 e finou en Santiago de Compostelaen 1984.

O seu pai, médico liberal de Castroverde, foi membro da Institución Libre de Enseñanza, centro no que se defendía a liberdade de cátedra en tempos nos que en España se quería axustar o ensino a normas dogmáticas.

Xunto á súa irmá xemelga, Elisa, foron as primeiras mulleres en estudar nunha universidade galega, ao seren admitidas na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Remataron xuntas a carreira, e a Jimena concedéuselle o Premio Extraordinario (só se concede un por ano). Orientou o seu labor ao ámbito da Xenética e en 1922 presentou a súa tese doutoral, Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico.

 

Traballo

Foi profesora na Cátedra de Patoloxía Xeral da Universidade Central de Madrid (a hoxe coñecida como Universidad Complutense de Madrid). Durante a Guerra Civil exerceu como médica militar en Santiago de Compostela e, ao mesmo tempo, fíxose cargo dos tres fillos de Elisa á morte desta e tras o exilio do seu pai á Arxentina. Cando rematou a guerra volveu a Madrid, deu clases na Facultade e traballou no hospital de San Carlos, en Atocha. A finais dos anos 40, sacou as oposicións a médico de balneario e fíxose cargo do de Guitiriz, entre outros. Finalmente trasladouse ao balneario de Lanjarón (Granada), onde permaneceu ata a xubilación. Morreu nun sanatorio de Santiago dunha enfermidade cerebrovascular.

 

Repercusión

Entre os recoñecementos que recibiu destacan que, en 2006, se inaugurou a Vicerreitoría de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela baixo o nome de Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega e que, en 2021, a Real Academia Galega de Ciencias a escollese Científica galega do ano.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 12 de marzo?

Pois… Pedro Leyenda da Silva de 1ºB!!

E ti, de quen vés sendo?

2º muller – día 11 de marzo

A muller que procurabamos o día 11 de marzo era Olimpia Valencia.

Vida

Naceu en Baltar o 14 de decembro de 1898 e morreu en Vigo o 10 de xullo de 1987 aos 88 anos.

Realizou os seus estudos de Bacharelato no Instituto de Pontevedra, hoxe IES Valle-Inclán, a continuación prosegue coa súa formación en Maxisterio mais, como non manifestaba ningunha vocación docente, en 1919 decide iniciar os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela que culmina en 1925 obtendo o Premio Extraordinario. Cinco anos máis tarde, defende en Madrid a súa tese de doutoramento centrada na colesterinemia en sangue e a súa relación coa anestesia cirúrxica.

Por outra parte, foi unha firme defensora do Estatuto de Galicia durante a República, e inclusochegou a encabezar un chamamento de apoio aos candidatos galeguistas pola pronvicia de Pontevedra,por mor do que foi detida ao comezo da Guerra Civil acusada de militar no Partido Galeguista.

Traballo

Foi a primeira muller galega titulada en Medicina e tamén a primeira que se dedicou á especialidade de Xinecoloxía, de feito abriu a súa consulta na rúa do Principe de Vigo no ano 1928 onde permaneceu até a súa xubilación nos anos 60.

Unha constante na súa vida é o interese pola investigación e os avances médicos de cara a implementalos na súa práctica cotiá. Por este motivo en 1929 solicitoulle unha bolsa de ampliación de estudos á Xunta para formarse en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza e posteriormente publicou varios artigos.

Alen diso, foi unha das fundadoras no 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo e da Alianza Francesa de Vigo.

Repercusión

Foi tal a súa importancia no eido da Medicina que o Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, leva o seu nome, ao igual que a biblioteca da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 11 de marzo?

Pois… Carolina Vázquez Acuña de 1ºA!!

E ti, de quen vés sendo?

 

Co fin de descubrirvos a figura de mulleres galegas relevantes en diversos ámbitos científicos e facelas máis próximas no voso día  a día puxemos a andar este concurso durante a semana do 10 ao 17 de marzo.

A muller que procurabamos o día 10 de marzo era Manuela Barreiro Pico.

Vida

Naceu en Viveiro o 5 de xullo de 1877 e morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953 aos 76 anos.

Neta e filla de mestres, Manuela cursou os estudos primarios en Ribadeo e, máis tarde, examinouse por libre, sen acudir ás aulas, dos cursos correspondentes ao Bacharelato, primeiro no Instituto de Segunda Enseñanza de Tapia de Casariego entre os anos 1890 e 1893 e, posteriormente, no Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo entre os anos 1893 e 1895, sendo deste xeito a primeira muller galega que obtivo o título de Bacharelato.

Do mesmo xeito que foi pioneira na consecución do título de estudos secundarios tamén o será na súa etapa universitaria, pois ela vai ser a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1896 e, ademais, tamén será a primeira licenciada galega en Farmacia, e a sétima de España, no ano 1900.

Mais non todo foi tan doado como parece, xa que por ser muller, e falarmos de finais do século XIX, para poder estudar tivo que pedir un permiso especial ao mesmo ministro de Instrución Pública, previa autorización familiar, do mesmo xeito que  para exercer a súa profesión debeu solicitar outro permiso especial. Ademais, os convencionalismos e prexuízos da época non permitían que nas aulas se puidera sentar xunto aos seus compañeiros, senón que frecuentemente o facía na mesa do profesor, afastada deles.

Alén do anterior, o carácter pioneiro de Manuela reflíctese no feito de ser noticia nos xornais da época, como na Gaceta de Galicia ou El Eco de Santiago, a súa licenciatura en Farmacia.

Traballo

No 1901 abriu a Farmacia Moderna na actual rúa Rodríguez Murias de Ribadeo, alcumada popularmente como “A das Piconas” por acompañala frecuentemente a súa irmá no negocio e ser ese o seu segundo apelido. A nova desta apertura foi amplamente difundida nos xornais, igual que o seu traspaso 31 anos máis tarde.

Manuela foi unha muller moi activa e colaborou en todas as campañas de axuda aos necesitados, doando quer menciñas quer vacinas, e participando en programas de vacinación en parcería co consistorio municipal.

Os últimos anos da súa vida transcorreron en Madrid, na compaña da súa irmá e un sobriño, e alí está soterrada no cemiterio de San Lorenzo e San José.

Repercusión

No seu Ribadeo natal dedicóuselle unha rúa en homenaxe ao labor realizado ao longo da súa vida, mais non son moitas as mostras de recoñecemento desta pioneira no eido científico. De feito, non será até as recentes publicacións da profesora María Isabel Fernández García, da Facultade de Ciencias de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, que cheguemos a coñecer en profundidade as achegas desta valente muller. 

 

Cómpre recuperarmos do esquecemento as mulleres galegas que paseniño abriron camiño na Ciencia.

 

E quen foi a persoa que máis axiña deu no albo o 10 de marzo?

Pois... Iria Rocha de la Iglesia de 3ºA!!

  

 

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930