Os Labardeiros de Toén

Fotografía de Zenay Studio

Un dos personaxes menos coñecidos dos noso Entroido tradicional é o Labardeiro de Toén, concello veciño da capital ousensá, e cuxo nome parece proceder do utensilio co que se mallaba o trigo antigamente e que esta figura porta na man ou leva apoiado nun dos seus ombreiros.

Fotografía de Zenay Studio

Tradicionalmente eran só os homes novos os que se vestían con esta colorida máscara, pois as mulleres ían caracterizadas de Señoritas coas saias brancas, os panos de cores sobre os ombreiros, unhas luvas tamén brancas e os sombreiros inzados de fitas e flores de cores.

Fotografía de Zenay Studio

O Labardeiro, pola súa parte, viste unha camisa e mais un pantalón brancos, un pano ou cinto escuro, botas negras e unhas luvas tamén brancas. As súas camisas e pantalóns van enfeitados con múltiples flores e fitas de cores vivas adheridas, mentres que só engaden colares prendidos á parte superior do traxe, na camisa.

Fotografía de Zenay Studio

Alén diso sobre o cinto, na súa parte traseira, levan seis campaíñas que van soando ao son dos seus pasos e carreiras polo lugar.

Por último, este traxe complétase cun gorro cónico composto por unha chea de flores das máis variades tonalidades e mais unhas fitas de tea que penduran desde o extremo superior do gorro. Alén diso, protexen a cabeza con outro pano de cores tradicional e, a modo de máscara para cubrir o seu rostro, portan unha rede de cor verde ou vermella que os converte nese ser ancestral que chama pola primavera empregando tanto o reclamo das cores como o son das campaíñas para tentar espertala do seu letargo e deixar atrás o inverno dunha boa vez.

 

Fotografías de Zenay Studio

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031