Cualificacións da 2ª avaliación, Fin do Trimestre

Estimadas familias:

Chega ao seu fin un trimestre “estraño”. Cando se suspenderon as sesións lectivas apenas quedaban 3 semanas de clase, algunha menos para as sesións de avaliación da metade dos grupos. Ao longo destes días de non asistencia ao centro ofertámoslle ao alumnado actividades non avaliables: actividades de repaso, reforzo ou mesmo introdutorias cara á continuación e reanudación, canto antes, do curso escolar. As tarefas propostas durante o período de confinamento ocasionado polo estado de alarma o foron en base ao traballo previsto durante esas datas axustado ás sesións lectivas semanais, pondo á disposición do alumnado os recursos a través de medios dixitais: páxina web do centro, aula virtual e Abalar Móbil.

O vindeiro venres 3 de abril, ás 10 h, poderedes visualizar os resultados da 2ª Avaliación do alumnado por Abalar Móbil. Estes resultados refírense ao traballado no trimestre ata o 12 de marzo, é dicir, ao traballo realizado presencialmente no centro. Adiántase a publicación dos resultados para que, de ter algunha dúbida sobre as cualificacións, poidades dirixirvos ao profesorado a través dos correos electrónicos facilitados para resolvelas.

Asemade, se fose preciso engadir calquera información adicional, a persoa titora enviaravos a mesma por mensaxe a través de Abalar Móbil.

Chegan as vacacións de Semana Santa, tempo de descanso para o noso alumnado no que poden ler, xogar e pasar tempo de calidade coa familia. Nós seguiremos artellando recursos para mellorar a atención ao alumnado.

Son momentos de incerteza, nos que imos recibindo novas instrucións pouco a pouco, pero compre estar preparados por se a situación se mantén no tempo. Por iso solicitamos que nos comuniquedes as dificultades que poidades ter para, de ser preciso, seguir coa teleformación: equipo informático, conexión a internet,... Por favor, facédenos chegar calquera dificultade que teñades e na que nós vos podamos axudar.

Moitas grazas pola vosa colaboración, polas vosas palabras de alento e agradecemento, son de gran valor para nós. Moito ánimo e coidádevos moito, esperamos vernos moi pronto.

Un saúdo.

O Equipo Directivo.

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930