Información da situación actual relativa ao curso 2019-2020.

Desde a Dirección do IES Laxeiro somos conscientes das inquedanzas que neste momento ten tanto o alumnado coma as súas familas polo futuro do presente curso escolar. A situación que estamos vivindo alterou en gran maneira o curso 19-20.

Por ese motivo e polo que enviamos este comunicado para que de algún xeito aclare e tranquilice na medida do posible todas esas dúbidas que neste intre son evidentes.

Principalmente queremos comunicar o seguinte:

1º.Avaliarase o segundo trimestre co traballo feito e modificaranse os contidos e competencias do terceiro

No IES Laxeiro estamos elaborando o proceso da 2ª avaliación co traballo desenvolvido ata a interrupción das clases presenciais. Agardando as instrucións oportunas cremos qe entre o día 2 ou 3 de abril entregaranse telematicamente as notas correspondentes a esa 2ª avaliación.

En canto a 3ª haberá que agardar as instrucións tanto do Ministerio coma da Comunidade Autónoma para analizar o currículo e competencias da mesma.

2º. A ABAU desenvolverase antes do 10 de xullo, no caso da convocatoria ordinaria, e antes do 10 de setembro, no caso da extraordinaria

As datas para a convocatoria ordinaria se sitúen entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, con marxe para publicar os resultados ata o 17 de xullo, e para a extraordinaria antes do 10 de setembro, coa publicación de resultados antes do 18 dese mesmo mes. Canto ao exame, acordouse manter un modelo similar ao actual, cos mesmos tempos de realización, e aumentar a opcionalidade.

3º. Canto á Formación Profesional, insistiuse na necesidade de garantir que todo o alumnado titule, para o que o Ministerio anunciou a publicación dunha norma que vai fundir nun único módulo os actuais de Formación en Centros de Traballo (FCT) e de Proxecto. No caso dos ciclos de grao medio e na FP Básica, onde non existe módulo de Proxecto, establecerase un traballo final.

Polo tanto agardaremos as correspondentes instrucións para tomar determinacións con este alumnado de 2º ano de ciclos.

Para mais información poden acudir ao portal de Consellería de Educación ou ben no comunicado da Conferencia Sectorial.

Non queríamos deixar pasar esta oportunidade sen recoradar que todo o profesorado, dentro das limitacións que a nivel de medios informaticos poida haber, estase volcando en paliar esta situación con envios de traballos telemáticos que o alumnado de todos os niveis poden realizar e que o profesorado correxirá oprtunamente. Por ese motivo pregamos aos pais que vixien e controlen a realización destas actividades.

 

Peche dos centros educativos

Estimadas familias,

Como ben saben polos medios de comunicación, a Xunta de Galicia tomou a decisión de pechar a partir do luns os centros educativos durante 14 días, como medida preventiva para frear o avance do coronavirus. Polo tanto as medidas adoptadas concrétanse nas seguintes:

  • Suspéndese a actividade lectiva do día 16 de marzo ao 29 de marzo.
  • Suspéndense as prácticas de Formación Profesional (módulo FCT).
  • Suspéndense todo tipo de saídas, excursións e actividades extraescolares en xeral programadas.
  • Suspéndense as segundas avaliacións de ESO, Bacharelato (excepto a xa realizada), Formación Profesional, polo que non se entregarán cualificacións, ata recibir máis instruccións da Consellería ao respecto.
  • O alumnado deberá proseguir o seu proceso formativo a través da Aula Virtual, páxina Web, correos electrónicos ou outras plataformas e canles abertas co profesorado do centro coma E-Dixgal e Classroom.
  • Recoméndase seguir as medidas preventivas que as autoridades sanitarias están a difundir, apelando á responsabilidade individual de todas e todos co fin de frear a expansión do virus.   

Novas instruccións para o proceso de admisión 2020

De acordo coas instrucións do 13 de marzo de 2020, provisionais dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción das medidas a adoptar en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o 16 de marzo de 2020,

AMPLÍASE provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión de Secundaria e Bacharelato que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases.

RECOMÉNDASE a utilización preferente da modalidade telemática ou esperar a esa última semana para a presentación das solicitudes.

Máis información no portal da Consellería de Educación.

Recordamos o Día da Ciencia en Galego no noso centro - 4 Novembro 2019

Xa temos o vídeo editado do Día da Ciencia en Galego!

Aquela xornada fora moi proveitosa, moitos dos nosos alumnos convertíronse en científicos por un día...

Xogos Matemáticos, Impresión 3D, Experimentos Científicos (simulación de impactos de meteoritos) e moito mais!

O que triunfou foi a nosa Táboa Periódica XIGANTE!

Ver o vídeo - > Fai Click na ligazón

ENQUISA: Critical Thinking, Creativity, Collaboration

 Rógase a todo alumnado que participen na enquisa:

 Debe ser cuberto polo alumnado de 12 a 16 anos (ESO).

 Habería que realizalo o antes posible, pois necesítanse os resultados para engadir á aplicación, e esta remata en 15 días.

 Podería ser repartido polos titores e titoras para que o fagan na titoría ou en clases que teñan acceso ao ordenador.

Este é o enlace:

 https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSfYWuCEQtLU8sysa--KUIQ59ZLksx23Dwe4VerbcTlinRQFXg/viewform

 Grazas pola axuda

Coordinadora Mar García Rodríguez

Intercambio co Auguste Viktoria Schule de Itzehoe (Alemaña)

Elbphilarmonía

Un grupo de dezaseis estudantes de 3º de ESO participa no intercambio co Auguste Viktoria Schule (AVS),  situado na localidade alemá de Itzehoe, no estado federado de Schleswig-Holstein. Esta pequena cidade duns 30.000 habitantes atópase a 50 km de Hamburgo e acolle aos estudantes dezaos do 2 ao 9 de marzo. Alí conviven coas familias e asisten a clase no Gymnasium AVS, o equivalente aos nosos institutos pero que só acolle estudantes que optan  á universidade ou outros estudos superiores. A escola conta coa materia de español como optativa e son estes estudantes acollen aos do Laxeiro. Esta experiencia educativa permite a inmersión na cultura e vida diaria das familias alemás pois conviven con elas e asisten ás clases cos seus anfitrións. O programa tamén contempla actividades culturais e deportivas e a visita á cidade de Hamburgo. O alumnado da Auguste Viktoria Schule (AVS) estará no IES Laxeiro do 11 ao 17 de maio.

VISITA A CATEDRAL DE SANTIAGO E PÓRTICO DA GLORIA

O día 30 de xaneiro o alumnado de 2º de Bacharelato de Arte visitou en compañía da súa profesora M. Milmanda Cajaraville e a profesora de Debuxo Artístico Mar García Rodríguez a Catedral de Santiago, obra emblemática do Barroco galego. 

 

A pesar da chuvia disfrutamos do entorno, das distintas portadas, Praterías, a praza da Quintana e por suposto da Fachada do Obradoiro, magnifíco exemplo de fachada telón de Casas e Novoa.

 

Despois adentrámonos na fachada medieval, o Pórtico da Gloria, sendo un placer coma todos os anos admirar esa policromía que saíu a luz tras a restauración e limpeza. 

 

Sin duda un día magnífico en compañía dun alumnado tan motivado e con tanto interés.

 

Ver máis Fotos, fai Click na Imaxe -> FOTOS

VISITA AO PARLAMENTO DE GALICIA

Visita ao Parlamento O 30 de xaneiro as alumnas e alumnos de 3º da ESO do IES Laxeiro participaron na visita á sede do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela. A actividade, organizada polo Departamento de Xeografía e Historia permitiulles achegarse á institución e ver “in situ” as actividades que se levan a cabo nesta institución.

 

A través dunha visita guiada foron coñecendo os diferentes espazos que conforman o Parlamento galego, coñecer o funcionamento dos órganos de goberno, as función, e visitar as distintas dependencias dos grupos parlamentarios, ademais de ver as diversas coleccións artísticas e bibliográficas coas que conta o Parlamento.

 

Ademais, puideron poñer en práctica a actividade iniciada na aula de: creación de grupos parlamentarios e iniciativas político-cidadáns. Os/as vocais de cada grupo parlamentario puderon subir á tribuna do Salón de Plenos, defender as súas propostas que foron sometidas a votación dos compañeiros e compañeiras que ocupaban as cadeiras do hemiciclo.

 

Para ver mais Fotos da nosa visita, fai click -> FOTOS

Excelente actuación do IES Laxeiro na fase zonal do campionato escolar de orientación

Este martes, 18 de febreiro, cincuenta estudantes de 2º de ESO do IES Laxeiro participaron no campionato zonal de orientación, celebrado no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. Un total de seis centros escolares competiron na modalidade de carreira de orientación, na que o IES Laxeiro acadou un éxito notable. Na categoría máis concorrida (infantil) logramos meritorios postos.
Así, en infantil masculino, Luís Alejandro León Rivas, acadou o 2º posto seguido no 3º por Diego Carral García.
Na categoría infantil feminino Alicia Castro Sesto, Maria Jiménez Crespo e Carme Rivero Montoto coparon os postos 3º, 4º e 5º respectivamente.
Igualmente destacada foi a participación das/os deportistas lalinenses nas categorías cadete masculino e feminino.
A boa actuación de todas/os membros do equipo do IES Laxeiro, fixo que, na clasificación por equipos, quedaramos no 1º posto nas categorías infantil feminina e na suma das categorías infantil masculina e feminina. E nas categorías infantil masculino, cadete feminino e masculino concluímos cun notable terceiro posto por equipos.
A carreira de orientación é unha carreira individual, contra reloxo e en terreo descoñecido, na que o deportista ten que pasar por unha serie de puntos chamados controis, os cales están sinalados con exactitude no seu mapa, e situados no terreo mediante unha baliza. O deportista completará o percorrido máis ou menos rapidamente dependendo da súa habilidade para interpretar o mapa (xunto co apoio do compás) e o seu nivel de condición física.
Parabéns a todas/os participantes por ter gozado desta grata experiencia deportiva en contacto coa natureza e por apostar por un estilo de vida activo e saudable.

 

     orienta     

 

 

 

O 1º Concurso de Ciencia "Luis Gustavo Rodríguez Taboada" amplia a súa recollida de traballos ata o 3 de abril

O xurado e o Equipo Directivo do IES Laxeiro toma a decisión de ampliar o prazo de presentación de traballos para esta 1ª edición ata o 3 de abril alegando motivos técnicos e informáticos de soporte  que crearon problemas a hora de enviar traballos. Ademais atendemos con esta decisión a petición de varios centros que nos solicitaban mais tempo para elaborar os seus proxectos.

Por estes motivos e comprendendo as dificultades que se orixinan na 1ª edición, anunciamos esta ampliación de prazo de entrega , facendo constar que todas as demais datas e prazos son as que figuran nas bases do concurso , polo que a resolución do xurado manterase para o 17 de maio, día no que se darán a coñecer os gañadores dos premios que figuran nas bases do concurso.

Agardamos que esta medida sirva para aumentar o número de participantes nas diferentes categorías.

Distribuir contido