Excelente actuación do IES Laxeiro na fase zonal do campionato escolar de orientación

Este martes, 18 de febreiro, cincuenta estudantes de 2º de ESO do IES Laxeiro participaron no campionato zonal de orientación, celebrado no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. Un total de seis centros escolares competiron na modalidade de carreira de orientación, na que o IES Laxeiro acadou un éxito notable. Na categoría máis concorrida (infantil) logramos meritorios postos.
Así, en infantil masculino, Luís Alejandro León Rivas, acadou o 2º posto seguido no 3º por Diego Carral García.
Na categoría infantil feminino Alicia Castro Sesto, Maria Jiménez Crespo e Carme Rivero Montoto coparon os postos 3º, 4º e 5º respectivamente.
Igualmente destacada foi a participación das/os deportistas lalinenses nas categorías cadete masculino e feminino.
A boa actuación de todas/os membros do equipo do IES Laxeiro, fixo que, na clasificación por equipos, quedaramos no 1º posto nas categorías infantil feminina e na suma das categorías infantil masculina e feminina. E nas categorías infantil masculino, cadete feminino e masculino concluímos cun notable terceiro posto por equipos.
A carreira de orientación é unha carreira individual, contra reloxo e en terreo descoñecido, na que o deportista ten que pasar por unha serie de puntos chamados controis, os cales están sinalados con exactitude no seu mapa, e situados no terreo mediante unha baliza. O deportista completará o percorrido máis ou menos rapidamente dependendo da súa habilidade para interpretar o mapa (xunto co apoio do compás) e o seu nivel de condición física.
Parabéns a todas/os participantes por ter gozado desta grata experiencia deportiva en contacto coa natureza e por apostar por un estilo de vida activo e saudable.

 

     orienta