Plan de convivencia

PLAN DE CONVIVENCIA DO CENTRO: PRIMEIROS PASOS PARA A MEDIACIÓN ENTRE IGUAIS

Este mércores pasado, 25 de maio,contamos coas compañeiras Kety e Begoña do IES Xulián Magariños de Negreira, que se encargan da coordinación de mediación e da orientación neste centro.


Compartiron a súa experiencia tanto na posta en marcha da mediación como na formación, difusión e continuidade do seu proxecto, no que se prima a mellora da convivencia, a autonomía e mellora das competencias sociais do alumnado participante e o fomento do diálogo na resolución de conflitos.

Foi unha pequena introdución para os interesados/as que acudimos: do IES  Laxeiro, do IES Aller, do IES Colmeiro…

Graciñas a Kety, Begoña e aos asistentes.

 

 

Xornada de Convivencia co alumnado de 1º ESO

O venres 5 de outubro, 88 alumnos de 1º da ESO e oito profesores participamos nunha xornada de xogos cooperativos, castañas e refrescos á sombra da carballeira do Rodo. A actividade, promovida desde a Comisión da Convivencia, ocupou un recreo e as tres últimas sesións de clase. Con ela perseguíase un mellor coñecemento e achegamento entre alumnos e docentes de 1º da ESO. Fixemos moitas fotos.

Xornada de Convivencia

Plan de Convivencia do I.E.S. Laxeiro

Despois de moitas reunións e moito traballo xa foi elaborado o Plan de Convivencia. Desde a Comisión de Convivencia tratamos de que sexa un plan aplicable e práctico e que, sobre todo, axude a mellorar a convivencia no centro. Esperamos que sexa un punto de partida, xa que é un plan que revisaremos tódolos cursos, mellorando ou cambiando as actividades segundo a avaliación final que fagamos de cada unha delas.

Tamén trataremos de darlle unha maior participación ao alumnado mediante a creación dos Consellos de Aula e mediante a dinamización da Asemblea de Delegados.

O Plan xa foi aprobado polo claustro e polo Consello Escolar e será aplicado no vindeiro curso 2010-2011.

Estudo-diagnose do estado da convivencia no centro.

A primeira tarefa que nos propuxemos, unha vez constituída a Comisión da Convivencia, foi realizar un estudo-diagnose do estado da Convivencia no Centro. Para iso decidimos consultar manuais, páxinas web de varias Comunidades Autónomas (Galicia, Aragón, Castela-León, Andalucía…), o Plan Valora, etc.  e elaborar unhas enquisas dirixidas ao alumnado e ao profesorado para avaliar os diferentes aspectos da convivencia desde as diferentes ópticas dos principais axentes que interveñen no proceso educativo.

Ao longo do curso reunímonos cunha periodicidade quincenal e, ás veces semanal, para redactar, corrixir e consensuar as cuestións que se ían plantexar.  Posteriormente traballamos na tabulación e valoración das enquisas.

Os tipos de enquisas que lles presentamos a alumnos e profesores, os resultados das mesmas, así como a valoración dos datos obtidos, quedan recollidos no documento Word que se adxunta.

Distribuir contido