Escoitar, Aprender e Compartir

Consellos de VIDA

O alumnado de 1º de APSD quere reunir todos os consellos de vida das persoas maiores que nos rodean, eses sabios consellos da experiencia que necesita a xuventude.

Participa con nós e pregúntalle ao teu avó ou avoa cal sería a súa mensaxe, faille unha foto cun cartel co seu nome, idade e o consello. Envía a foto a: servizoschapela@gmail.com De seguro aprenderemos un montón!

  

Ciao Ramiro

Trinta anos non é nada!

Trinta anos non é nada pero é toda unha vida como docente. Trinta pasaron dende que Ramiro Fernández chegaba a Chapela, alá polos noventa, cando o instituto levaba apenas un ano de actividade e o departamento de Sanitaria, do que foi un pilar fundamental, iniciaba a impartición da formación profesional. Ao longo destes anos foi moito o alumnado  que pasou polas súas clases e poido empaparse das súas ensinanzas. Tamén moitos os compañeiros e compañeiras que tivemos a sorte de compartir con el o día a día do seu traballo como docente, e que recibimos os seus sabios e desinteresados consellos médicos.

Despedímoste agora coa nostalxia de todos estes anos pasados pero co mellor desexo para esta nova etapa da túa vida. Unha aperta, compañeiro!

Premios II Certame Literario "Xela Arias"

Dígocho eu no IES de Chapela

    O vindeiro mércores, a organización do tan soado Dígocho Eu realizará un encontro dixital en directo por Twich cos centros de ensino de Galicia, para dar a coñecer o programa e o seu valor para a nosa lingua. Dende o IES de Chapela, o alumnado de 2º da ESO terá a honra de poder interactuar directamente con Esther para coñecermos un pouco máis do Dígocho Eu. Poderedes ver o directo a través deste enlace: http://twich.tv/crtvg   Non volo perdades!

Xela Arias no IES de Chapela - 2021

Humilde e digna chegou sen facer ruído ao IES de Chapela no curso 2000-01, sen saber que vinte anos máis tarde Galicia lle rendería a máis prezada homenaxe que se lle pode ofrecer a quen escribe no noso idioma. Arroibaríase de saber que o Días das Letras Galegas está dedicado a súa figura, e faría unha listaxe de posibles candidatas e candidatos a ocupar o seu posto. Mais por mérito propio perténcelle esta honra a quen dixo poder escribir só desde muller, desde miope e desde galega. Si, chegou naquel 2000-01, e conquistounos a todas e a todos, con esa fermosura que só teñen as persoas boas e xenerosas. Longa vida ao teu verso, Xela!

Foto: Entroido 2001 – 4º ESO C (IES de Chapela)

Obradoiro de Teatro - 3º ESO

O alumnado de 3º ESO participou hoxe 5 de maio nun obradoiro de teatro e bo trato impartido por Ánxela, do colectivo 100tolas, que propón a arte como ensaio de alternativas para situacións que se revelan como opresións na vida cotiá. Unha experiencia tan enriquecedora como necesaria.

XXV Maratón das Letras - IES de Chapela

Xa chega o maratón, e estamos de aniversario. 25 anos correndo pola nosa lingua. Temos preparado un amplo calendario de actividades para desfrutar o venres 14 de maio. Quentamos motores! Deixámosche o plano e indicacións do novo percorrido.   

Comunidades en liña (Érguete) - Encontro coas familias

Estimadas familias:

 

Durante o mes de Abril, diferentes profesionais do Equipo de Prevención da Asociación Érguete, levaron a cabo un programa de prevención do uso seguro e saudable das novas tecnoloxías denominado Comunidades en liña. Este programa estivo destinado ao alumnado de 2º ESO e tivo por obxectivo proporcionar estratexias e ferramentas áxiles para axudar a previr e actuar ante os principais riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías.

Agora gustaríanos ter unha charla telemática coas familias para dar a coñecer as conclusións extraídas no traballo realizado co alumnado, propoñer certas pautas de actuación e tentar resolver todas as dúbidas que expoñades.

A reunión terá lugar o Mércores, 5 de Maio de 2021, ás 17.00 horas a través da aplicación Cisco Webex co seguinte enlace:

https://eduxunta.webex.com/eduxunta/j.php?MTID=mf3be349e3445387596039a8976c1a678

 

Número de reunión (código de acceso): 121 223 8137

Contrasinal da reunión: KMnvR36KWF3

UNIRSE POR TELÉFONO: +34-91215-8236

Animámosvos a participar!

Cambio no calendario de admisión de probas libres 20-21

Consultar no apartado de PROBAS LIBRES

Charla sobre o arsénico con Xosé Lois Otero

Hoxe, 28 de abril, o grupo de 1º Bacharelato de ciencias contou coa visita a través da rede de Xosé Lois Otero, profesor do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O profesor Otero compartiu con nós os avances da investigación en relación ao arsénico (o veleno dos reis vs beneficios no tratamento da sífilis), o tóxico e non tóxico, e a súa existencia no arroz que consumimos. Moitas grazas a Xosé Lois por compartir con nós os resultados da súa investigación.

Distribuir contido