O venres 19 de maio celebramos a XXVII EDICIÓN DO MARATÓN DAS LETRAS GALEGAS na zona do CEIP Laredo e a praia de Arealonga. Alumnado, profesorado, pais, nais, avós e avoas, toda a comunidade educativa do IES Chapela xunto coas dos CEIP Igrexa, Alexandre Bóveda e Laredo participamos nunha xornada festiva chea de deporte, xogos, compañeirismo, natureza e moita diversión!!
Desde os máis pequenos e pequenas ata os máis grandes, todos e todas participamos nesta xornada para reivindicar o uso da nosa lingua e honrar nesta edición a Francisco Fernández del Riego.
Con motivo da conmemoración do 8M, todo o alumnado do centro participou o martes 7 de marzo en diversas iniciativas para reivindicar os dereitos das mulleres. Durante os recreos, tanto da mañá como da tarde, realizouse un mural colectivo, repartíronse pulseiras violetas e escoitamos música feminista. Grazas á Brigada Violeta por coordinar todas estas accións aínda tan necesarias para loitar por un mundo xusto e igualitario.
Así mesmo, o alumnado de 1º de APSD e 1º de Dietética asistiu o xoves 9 de marzo á obra de teatro "Tabú", de Carmen Conde, á que nos convidou o Concello de Redondela como parte da programación do consistorio polo 8M. A obra nace dun traballo de investigación da autora arredor dos testesmuños de mulleres de entre 70 e 95 anos para sacar das tebras as súas vivencias máis íntimas, poñendo de manifesto a importancia de lembrar o pasado a través das voces das mulleres que nos precederon para reconstruír a nosa identidade e romper tabús. Todo isto, acompañado da música ao vivo de Su Garrido.
Rematando o curso celebramos no IES Chapela a 3ª Semana da Diversidade, coa que demostramos unha vez máis que somos un centro inclusivo, que defende e loita pola liberdade das persoas e a diversidade sexual. Cada día, nos segundos recreos, a Brigada Violeta organizou unha iniciativa diferente co fin de visibilizar e apoiar a diversidade: izamos a bandeira LGTBI, creouse un mural colectivo, repartíronse pulseiras, engadimos unha frase no noso banco da diversidade e ata se realizou unha performance.
Só un mundo diverso poderá ser un mundo libre, e nós sempre estaremos de lado da liberdade.
A alumna de 4º ESO B Lidia Bastos representou este martes 15 de marzo ao IES de Chapela no Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela, centrado nesta ocasión na exposición de propostas para remozar tres espazos públicos: a zona deportiva e de lecer no campo de San Pedro, en Cesantes; o espazo deportivo coñecido como “O Campito”, en Chapela; e a zona deportiva anexa á Senda Verde, tamén en Chapela. E xunto ás valiosas achegas do alumnado do resto de centros de Primaria e Secundaria de Redondela, Lidia ofreceu un relatorio de algo máis de cinco minutos recollendo as inquedanzas dos seus compañeiros e compañeiras.
Así, en relación á zona deportiva e de lecer de San Pedro, en Cesantes, propuxo a construción dun parque canino, un escenario para concertos e un parque infantil cunha zona de céspede. No referente á zona deportiva de "O Campito", en Chapela, formulou a petición de instalar un muro para arte urbana, ben para uso da rapazada do Concello ou ben para a elaboración dun mural a cargo do artista Diego As, galardoado co premio ao mellor mural do mundo pola súa obra coa imaxe do emperador Xulio César en Lugo; tamén propuxo a instalación de mesas e asentos con cargadores para dispositivos electrónicos e taboleiros de xadrez para o uso de persoas de todas as idades; e por último, reclamou a instalación de fontes de auga e a presenza de árbores para facer máis agradable e natural ese espazo. Finalmente, respecto da zona anexa á Senda Verde, tamén en Chapela, avogou igualmente por colocar árbores e sombra abondo ao longo da senda, así como fontes de auga e bancos; indicacións de distancia para as persoas que utilicen esta zona para facer deporte; carteis informativos sobre lugares de interese en Chapela e a contorna, poñendo en valor espazos concretos como a mámoa do Rei; e barras para facer calistenia como outro modo de fomentar o deporte.
Despois da intervención dos representantes dos distintos centros, tomaron a palabra a das ANPAS e o da Asociación de Veciños de Redondela, seguidos dos concelleiros e concelleiras dos grupos da oposición e o equipo de goberno do Concello, coincidindo todos eles no interese e valor de todas as propostas e louvando o esforzo e compromiso da mocidade redondelá coa mellora da súa vila.
Parabéns a Lidia e ao resto do noso alumnado polas súas achegas!
O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller, a educación é a vía que nos permitirá a todos e todas vivir nunha sociedade xusta e igualitaria, o equipo de Igualdade "Brigada Violeta" do IES de Chapela lémbrao ao son dos tambores:
E agora que estamos xuntas,
e que agora que si nos ven,
abaixo o patriarcado, que vai caer, que vai caer
arriba o feminismo, que vai vencer, que vai vencer
Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, dende o IES Chapela levamos a cabo a iniciativa “25N – tirando no fío”, un acto coordinado polo Equipo de Igualdade do centro, “Brigada Violeta”. Este ano quixemos darlle visibilidade a diferentes manifestacións de violencias contra a muller no mundo: o feminicidio, a mutilación xenital feminina, o matrimonio infantil concertado, a trata de mulleres, as agresións sexuais e o control por parte dos mozos nas relacións adolescentes. Para isto, dende as diferentes zonas do patio, o alumnado da Brigada Violeta destapou unhas caixas previamente cubertas cunha tea. Cada unha destas caixas –que conteñen imaxes, textos e outros datos– está centrada nun destas violencia. A exposición pode verse no vestíbulo do centro durante toda a semana próxima.
Ademais na xornada da tarde co alumnado de FP modular completouse cun acto de denuncia e reivindicación no que se cantou o tema “Hymne des femmes” do grupo Habelas Hainas, un recital poético dun poema de Sesé Mateo así como se reproduciu un poema colectivo realizado polo alumnado de APSD modular (H2).
Ademais, ao longo deste mes, en colaboración co Concello e outras entidades, estanse a realizar no centro diversos obradoiros e actividades para a sensibilización e prevención da violencia machista na mocidade.
As actividades do noso centro foron obxecto de seguimento en medios de comunicación como RadioVigo, que entrevistou a nosa orientadora e profesora da materia Igualdade de Xénero, Tamara Bermúdez Garea.
A alumna de 4º ESO B Lidia Bastos representou o pasado xoves 18 de novembro ao IES de Chapela no Pleno Infantil e Adolescente do Concello de Redondela, centrado nesta ocasión no coidado do medio ambiente e no que alumnado dos distintos centros educativos do municipio achegaron as súas propostas para que Redondela sexa un concello máis sostible.
Lidia, que ofreceu un relatorio de arredor de cinco minutos, achegou e desenvolveu propostas acordadas no noso centro como facer saídas mensuais a praias e espazos naturais para facer recollidas de lixo; reforestar a contorna con árbores autóctonas; a instalación de máquinas en diversos puntos do concello que recompense a reciclaxe, como xa acontece en países nórdicos e centroeuropeos; fomentar a iniciativa Residuos Cero, reducindo ou eliminando o emprego de alimentos envasados; a instalación de composteiros e hortos urbanos; a colocación de contedores de cabichas e dispensadores de bolsas para os excrementos dos cans en distintos puntos; a creación dun xardín botánico; promover o uso de transporte público e reducir o emprego de vehículos a motor, para o que propuxo a creación de carrís bici e máis zonas peatonais; o fomento de obradoiros e charlas de concienciación sobre a necesidade de coidar o medio ambiente impartidas polos propios alumnos e alumnas; ou o fomento de mercados de segunda man para darlle unha segunda vida a infinidade de produtos.
O equipo de goberno do Concello e os representantes da oposición atenderon a estas e outras propostas con grande interese, e comprometéronse a estudar boa parte delas e a poñer en marcha as máis viables. E, sobre todo, animaron á nosa representante e ao resto de participantes a seguir achegando proposicións como as anteriores para construír unha Redondela mellor.
Parabéns a Lidia e ao resto do noso alumnado polas súas achegas!
Esta pasada semana despedimos ás profesoras do Departamento de Sanitaria Asunción Gómez e Concepción Bandín. As dúas desenvolveron unha boa parte da súa carreira profesional no IES de Chapela. Aquí deixaron Asun e Chiti parte dos seus folgos e ilusións para construír o centro que hoxe en días somos, e ser xa, memoria compartida das nosas aulas. Longa vida compañeiras!