Saídas didácticas

Coñecendo o Teatro Clásico

 

O martes 20 de febreiro o alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato que cursa as materias de Latín, Grego e Filosofía acudiu, xunto coas profesoras de Filosofía e de Latín, ao Teatro Municipal de Tui para asistir a unha función teatral: Antígona de Sófocles, obra que forma parte do Festival de Teatro Grecolatino, organizado pola SEEC-Galicia, e representada polo Grupo Corzos Reunidos, casa de Castilla la Mancha (A Coruña).

En Antígona desenvólvese un gran combate de ideas entre as leis divinas, santas e inviolables, e as leis civís, útiles e oportunas; dunha parte, unha moza, Antígona, doutra, un rei poderoso e autoritario, Creonte. Moitas son as interpretacións ás que deu pé unha obra tan maxistral e complexa. O que si queda de manifesto é que a oposición entre ambos se considera como a pugna entre dúas esferas de poder igualmente válidas, a divina e a humana, a da familia e a do Estado, a do mundo dos vivos e o dos mortos e, por último, o enfrontamento entre unha muller e o poder dos homes.

Esta actividade permitiu ao noso alumnado gozar dun espectáculo que mantén os ingredientes do teatro clásico, teatro do que somos herdeiros, e entrar en contacto cos numerosos mozos e mozas de diversos centros educativos que alí acudiron e que son, como así manifestaron os organizadores, os que fan posible a presenza e continuidade na escena do mundo clásico.

CROS XOGADE 9/11/2023

O alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO participou na carreira modalidade Cros organizada por Xogade en Zamáns. A chuvia deunos un respiro hoxe e puidemos correr ao aire libre, iso si modificáronnos o percorrido e en vez de ser a carreira polo monte foi por unha zona de pista. Fomos case 100 rapaces e rapazas e trouxemos varias medallas e diplomas!! Moitas grazas pola participación e polo esforzo!! 

RESULTADOS CROS

Pincha aquí para ver mais fotos.

Visita á Xunta e ao Parlamento de Galicia

O venres 3 de novembro, alumnado de 4º da ESO realizou unha visita dobre en Santiago: ao edificio central da Xunta de Galicia e ao Parlamento Galego. 

Dende as 10:00 ata as 11:00, na Xunta de Galicia en San Caetano, recibiron a información sobre o funcionamento das diversas Consellerías e as reunións do Consello da Xunta, visitando as distintas salas onde se reúnen.

No Parlamento, a visita realizouse entre as 11:30 e 12:30. Percorrimos diversas salas onde se poden atopar diversas exposición sobre os parlamentarios e parlamentarias, retratos dos Presidentes do Parlamento Galego, salas dedicadas a Comisións Parlamentarias, incluída a Sala Dos Pasos Perdidos, onde se encontran os parlamentarios e parlamentarias durante as sesión dos plenos parlamentarios e o propio hemiciclo onde sentan os parlamentarios e parlamentarias para debater e votar. Os propios alumnos e alumnas tomaron “posesión” dos diversos escanos e houbo quen de subir á tribuna para falar e propor algunha iniciativa.

En ambos casos, as guías felicitaron expresamente o bo comportamento e a actitude do grupo, tanto do alumnado en xeral como de xeito particular.

Unha boa xornada!

 

 

 

 

III Torneo de Xadrez Intercentros de Redondela

 

Hoxe, venres 26 de maio, celebrouse o III Torneo de Xadrez Intercentros do Concello de Redondela. O torneo tivo lugar na Alameda e nel participaron máis de 150 alumnas e alumnos de Primaria e 1º e 2º da ESO dos colexios e institutos do Concello, incluíndo 17 alumnas e alumnos do noso centro. O noso alumnado fixo un gran torneo, obtendo Mateo Pena Montenegro (2º ESO C) o primeiro posto e Santiago Díaz Casal (2º ESO B) o segundo. Parabéns a todas e todos os xadrecistas! 

 

Na Biblioteca Pública Municipal Xela Arias

 O último día de febreiro, este martes pasado, foi un día diferente para o alumnado e a profesora do módulo de Desenvolvemento socioafectivo da quenda modular do ciclo de Educación Infantil no Chapela.

Achegámonos ata a Biblioteca Pública Municipal Xela Arias, no Multiusos de Chapela, para descubrir como se artella unha biblioteca por dentro, para comprobar se poderiamos levar no peto un, ou un cento de libros, e que libros! e aproveitamos tamén para facernos unha idea dos espazos e dos recursos que poderemos empregar cando, alá por abril ou principios de maio, voltemos con propostas para mergullarnos nos afectos, nos valores e na coeducación.

Abriunos a porta Mª José, a bibliotecaria, e contounos contos marabillosos, como o de Nariz de ouro, ademais de facernos ver que as bibliotecas de hoxe en día non son meras conserveiras de libros, senón que pousan a mirada nas persoas que, por curiosidade, ou por despiste, que haberá, deciden levar para casa un libro, ou dous, ou achéganse a consultar os xornais ou para atopar un recanto tranquilo para ler e gozar de abrir un libro que, durante un tempo, lles acompañe.

Gustounos tamén descubrir que temos a posibilidade de preguntarlles ás bibliotecas por fontes documentais ao respecto da temática que nos interese, e sempre obteremos resposta, tan só, temos que preguntar na ligazón do servizo: Pregunte: as bibliotecas responden.

Hai moito máis, malia que o mellor é que vos acheguedes ata alí e descubrades todas as posibilidades que achega unha das bibliotecas máis dinámicas do mundo (e non esaxeramos!).

O vindeiro martes, por poñer só un exemplo, poderemos disfrutar, dentro da Programación municipal do 8 de marzo, da magnífica Raquel Queizás, quen dá máis? Que máis poderiamos dicir? Grazas por estar! Por ser!

Pechamos a información abrindo unha porta a un dos libros que máis nos chamou a atención: El muro en mitad del libro, de Jon Agee, oxalá o publiquen en galego!

 

Saída didáctica Asturias

O alumnado dos ciclos de Farmacia e Parafarmacia e de Dietética participou nunha saída didáctica a Asturias para coñecer distintos modelos de emprendemento no sector sanitario, entre os días 19 e 22 de decembro.

Os segredos da enxeñaría de camiños, ao descuberto

Fonte: Consello da Cultura GalegaO alumnado de 2º de Bacharelato do IES de Chapela participou o pasado 11 de outubro nunha nova cita do proxecto "Diálogos interxeracionais en ciencia e tecnoloxía", organizado polo Consello da Cultura Galega encamiñado a fomentar vocacións científicas entre a mocidade a través de encontros distendidos entre profesionais e alumnado.

A actividade tivo lugar no Museo Meirande (Centro de Interpretación da Batalla de Rande) cun protagonismo indiscutible da icónica ponte que une as dúas beiras da ría de Vigo, xa que no encontro participaron varios profesionais do ámbito da enxeñaría de camiños que compartiron explicaron diversos aspectos relacionados co seu traballo.

A cita espertou un grande interese tanto no alumnado, que entre outras cuestións coñeceu algúns dos segredos da construción e ampliación da ponte de Rande, como en diferentes medios de comunicación.

Saída didáctica no Día sen coches

 

O alumnado do IES de Chapela realizou este xoves, día 22 de setembro unha camiñata pola senda verde que une a antiga estación de trens de Chapela con entorno de Vialia en Vigo para reivindicar o Día sen Coche.

A camiñata levouse a cabo polo alumnado de 2º e 3º da ESO, así como por unha parte do profesorado do centro co obxetivo de reivindicar un mundo máis sostible promovendo o uso doutras vías de transporte.

Dende o IES de Chapela mostramos unha intención clara na protección do medio ambiente, tanto con esta iniciativa, así como con outras que se van a implementar nos próximos meses, como vai ser o caso daquelas relacionadas cun consumo de productos de próximidade, que sexa máis responsable e respetuoso co medio, así como cun novo proxecto de reciclaxe que irá dirixido tanto ao alumnado da ESO como do Bacharelato.

1º Educacion Infantil visita o Salón do Libro

O pasado luns, 14 de marzo de 20202, as alumnas de Educación Infantil visitaron o Salón do Libro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Encadrada a formación no módulo de Expresión e Comunicación, o alumnado puido gozar dunha visita guiada e de tempo suficiente para visitar a multitude de mostras das diferentes editoriais, asociacións e entidades que colaboran nesta edición. Neste senso, desfrutaron da riqueza educativa que se aglutina nesta iniciativa, engadindo á súa formación múltiples estratexias e recursos didácticos.

Análise dos parques infantís de Chapela - 1º Educación Infantil

   

No marco do módulo Desenvolvemento Cognitivo e Motor o alumnado do Ciclo de Educación Infantil visitou as instalacións do parque infantil María Miramontes (Piñeiral do Crego) e o parque infantil da Alameda Rosalía de Castro, ambos os dous pertencentes á parroquia de Chapela.

A actividade, levada a cabo o pasado 17 de febreiro, consistiu en realizar unha análise dos recursos presentes nos mesmos para comprobar que as súas características se adaptaban aos fitos evolutivos das crianzas en función da idade recomendada polos fabricantes.

A maiores, o alumnado confeccionou un rexistro fotográfico do estado de conservación parques, os seus recursos e os arredores, así como dos medios de seguridade existentes. A finalidade do mesmo foi verificar o cumprimento da normativa vixente, traballo encadrado no módulo O Xogo Infantil e a súa Metodoloxía.

Distribuir contido