Escoitar, Aprender e Compartir

1º Educación Infantil co ARTELIXO

O grupo de 1º de Educación Infantil participou este ano novamente en Artelixo cun xogo de mesa adaptado con probas e preguntas sobre o coidado dos nosos montes. Está exposto na entrada ao Multiusos Piñeiral do Crego. Podedes pasar a coñecelo.

Aprendendo en compañía de persoas con diversidade funcional

Ao longo da segunda avaliación, o alumnado de APSD modular recibiu a visita de varias persoas con diversidade funcional do noso propio contorno: Secundino Curro (diversidade funcional visual), Eva Rodríguez Rodríguez e Beatriz Rodríguez Rodríguez (diversidade funcional auditiva), e Natalia García (diversidade funcional física / acondroplasia). Estas visitas, xunto co obradoiro de teatro inclusivo que estamos a levar a cabo en colaboración coa asociación Xaruma (para a integración de persoas con problemas de saúde mental) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, permitíronnos seguir dando forma ao proxecto “En compañía”, dirixido a achegarnos á realidade de distintos perfís de persoas con diversidade funcional ou usuarias de servizos de atención sociosanitaria a través do contacto directo coas mesmas para coñecelas mellor e derrubar mitos, prexuízos e barreiras.

Moitas grazas a todas estas persoas pola súa colaboración! Así mesmo, moitas grazas ao Concello de Redondela, que está a cedernos o auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego para as sesións de teatro e que nos facilitou de balde o servizo de interpretación de lingua de signos para a charla de Eva e Beatriz!

Charla-Obradoiro sobre Lingua de Signos - ASPD Modular

O pasado 30 de marzo alumnado e profesorado de APSD modular asistimos a unha charla-obradoiro sobre lingua de signos ofrecida pola entidade "AZ Lengua de signos". Nela puidemos coñecer as vantaxes e aplicacións da lingua de signos, non só para comunicarnos con persoas xordas senón tamén con outras persoas usuarias, tivemos a ocasión de practicar o alfabeto dactilolóxico e quedamos con moitas ganas de aprender máis!

CLUB DE LECTURA O BERETE LECTOR

PLAMB Biblioteca

CLUB DE LECTURA O BERETE LECTOR

 Este martes 29 de marzo, ás 15:15 horas o club de lectura O berete lector celebrou a terceira xuntanza. Alumnado de diversos grupos de Secundaria e profesorado de distintas materias fixeron unha posta en común ao redor das narrativa xuvenil. A partir dunha lectura responsable, cada participante realizou a súa intervención expositiva que deu lugar a una agradable e interesante tertulia. A través das historias noveladas, a maioría con protagonismo adolescente, destacaron as reflexións sobre as relaciones persoais e familiares, a enfermidade, o feminismo, a homosexualidade, o acoso, a superación, a lectura, os sonos, as aventuras, a censura. Nalgúns casos púidose debater sobre literatura e cine.

 
Club de lectura 1 Club de lectura 2
Club de lectura 3 Club de lectura 4

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2021/2022

PLAMB Biblioteca
A BIBLIOTECA DO IES CHAPELA NO PLAMBE
Como integrante do programa PLAMBE, a Biblioteca do IES Chapela estivo presente na xornada de formación Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2021/2022 que se celebraou en Santiago de Compostela o xoves 24 e venres 25 de marzo de 2022.  Como é habitual nestes últimos cursos, nos Encontros PLAMBE faise unha exposición de pósters nos que se presenta algunha iniciativa ou experiencia das bibliotecas. A biblioteca do noso centro participou cun póster no que se describe a segunda xuntanza do club de lectura O Berete lector celebrada el 1 de marzo de 2022 ao redor das novelas gráficas.
 
Encontros Cartaz encontros

Bolsas de estudos 2023-24

O prazo de presentación de solicitudes de bolsas de estudos destinadas a persoas que se matriculan en Bacharelato, Formación Profesional (Básica, Ciclos Medios e Superiores) e Universidade (Grao e Mestrado) no curso 2023-24 abriu o 27 de marzo e remata o 17 de maio.

É importante que o alumnado pida a bolsa neste prazo aínda que non saiba o que vai estudar nin onde, nin se vai seguir estudando, xa que, doutro xeito, non a poderá solicitar para o curso 2023/24. Os datos académicos son provisionais.

Máis información nesta ligazón.

 

 

A Morada - Fundación Salma / APSD e Integración Social

O xoves 24 de marzo de 2022, as alumnas de APSD e Integración Social entramos no patio de veciñas de A Morada, unha nova cooperativa viguesa que trata de pór no centro ás coidadoras. Debatemos sobre a economía social, a importancia dos coidados, escoitamos as dificultades e, sobre todo, as ilusións, dun proxecto do que saímos naMORADAS.

Continuamos a tarde coa interesante charla organizada pola Fundación Salma sobre a situación e o tratamento da saúde mental no SERGAS. Participamos dos retos institucionais, coñecemos as dificultades coas que se atopan as profesionais e abordamos a accesibilidade aos recursos para algúns colectivos.

Foi unha xornada estupenda de aprendizaxe, ilusión e convivencia entre grupos e asociacións.

Visita de Selene

O pasado luns 28 de Marzo o alumnado do ciclo medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia e do ciclo superior en Integración Social en modalidade a distancia, tivo a sorte de poder escoitar a Selene, promotora da Casa do Maior "A Lavandeira" e cunha grande experiencia no eido das persoas maiores e persoas con discapacidade. Grazas Selene por facernos pasar unha tarde tan amena e produtiva escoitando as túas experiencias!

Día Metereolóxico Mundial

Coincidindo coa conmemoración o mércores 23 de Marzo do Día Meteorolóxico Mundial, acabamos a instalación da nosa estación meteorolóxica, coa que nos próximos días comezaremos  as medicións co alumnado de 1º ESO no marco do Plan Proxecta de Meteoescolas. Agradecemos o bo traballo de confección da caseta a cargo do alumnado de 2° ESO no taller de Tecnoloxía, co apoio da profesora Begoña Fernández, seguindo as instrucións proporcionadas por Meteogalicia. 

1º Educacion Infantil visita o Salón do Libro

O pasado luns, 14 de marzo de 20202, as alumnas de Educación Infantil visitaron o Salón do Libro, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Encadrada a formación no módulo de Expresión e Comunicación, o alumnado puido gozar dunha visita guiada e de tempo suficiente para visitar a multitude de mostras das diferentes editoriais, asociacións e entidades que colaboran nesta edición. Neste senso, desfrutaron da riqueza educativa que se aglutina nesta iniciativa, engadindo á súa formación múltiples estratexias e recursos didácticos.
Distribuir contido