Escoitar, Aprender e Compartir

Mes da Ciencia en Galego - Feira Científica

Como todos os anos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en colaboración cos departamentos didácticos de ciencias preparou unha programación de actividades para conmemorar o MES DA CIENCIA EN GALEGO co obxectivo de visibilizar que a nosa lingua é perfectamente válida para o traballo científico. Adaptándonos á situación excepcional na que nos atopamos, ao igual que o ano pasado decidimos reformular a habitual Feira Científica en 15 vídeos gravados polo alumnado aos que podes acceder na canle de youtube do EDLG de Chapela ou directamente premendo sobre cada un deles.

 

  

   

  

  

   

Fin de trimestre

 

 

O fin de trimestre foi unha explosión de actividades do máis variado. Coñecemos a nosa contorna natural, recibimos a visita da cruz vermella, intercambiamos postais do IES de TEIS, sementamos landras, realizamos o mercado de troco, fixemos o concurso das aulas acolledoras, levamos adiante gran número de charlas e obradoiros... Todo para despedir 2021 e recibir un 2022 no que agardamos o mellor para todas e todos.

   
     
     

Boas festas e Feliz 2022

Obradoiro sobre sostibilidade - 1º APSD

O venres 17 de decembro, o alumnado do 1º curso de APSD do IES Chapela desfrutou dun obradoiro a mans de Manolo González Garrido, socio fundador e expresidente da Cooperativa de Consumo Consciente Árbore (Vigo). A través do obradoiro impartíronse nocións básicas no coidado do noso planeta e como integralo nos coidados propios do desempeño profesional dun/ha TAPSD. Do mesmo xeito, afondouse no concepto das 4R (reducir, reciclar, reutilizar e... recuperar) e nas pequenas accións sostibles que se poden levar a cabo no día a día. O noso planeta é  finito e nós queremos contribuír co noso grao de area dende as nosas aulas.

Obradoiro de locución oral - Educación Infantil

O luns 20 de decembro, o alumnado do 1º e 2º curso de Educación Infantil do IES Chapela desfrutou dun obradoiro de locución e narración oral impartido por Damián, da empresa Solo Voz. Esta actividade contribuíu a mellorar a expresión oral do alumnado e a perfeccionar a súa capacidade de empregar a voz como ferramenta fundamental do seu futuro desempeño profesional. 

Discamino no IES de Chapela

A semana pasada unha delegación especial do proxecto Discamino, coa nosa alumna Lara Urdiales, acompañounos coas súas experiencias de aprendizaxe e motivación. O alumnado de APSD participou nesa charla con grande interese. Grazas!! Por gardar un anaquiño do voso importante tempo para estar en Chapela.

Obradoiro de teatro en colaboración coa asociación Xaruma: retrospectiva de outubro a decembro

                    

O alumnado do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (horario 2) do réxime de persoas adultas está a desenvolver este curso un obradoiro de teatro inclusivo en colaboración coa asociación Xaruma, centrada no traballo en prol da integración das persoas con trastornos mentais. Neste obradoiro, que se leva a cabo cada dous luns no auditorio do multiusos Piñeiral do Crego, está a participar alumnado e profesorado do ciclo, persoas usuarias e profesionais de Xaruma, e profesorado e alumnado da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática).

O obradoiro inscríbese no proxecto de aprendizaxe “En compañía”, co que perseguimos que o alumnado se achegue aos colectivos de intervención a través do contacto directo con persoas reais do noso contorno pertencentes a estes colectivos, dándolles voz e protagonismo para coñecermos as súas características e necesidades a partir dos seus propios testemuños e experiencias.

Ao longo destas primeiras sesións do obradoiro puidemos tomar contacto coas outras persoas participantes, desinhibirnos pouco a pouco, apropiarnos do espazo, iniciarnos nalgunhas técnicas de teatro-imaxe e reflexionar sobre o que cada unha de nós podemos aportar no que esperamos que culmine cunha pequena peza teatral de creación colectiva. E agora somos xa todas e todos un só grupo ao que decidimos denominar Xanela (de Xaruma + Chapela).

Volveremos en xaneiro con moitas ganas de seguir dándolle forma a esta iniciativa de arte comunitaria. Moitas grazas a todas e todos os que estades a facer posible esta aventura!

O alumnado de APSD presencia a final da I Liga Galega de Fútbol adaptado

O mércores 15 de decembro, o alumnado do 1º e 2º curso de APSD do IES Chapela achegouse ao complexo deportivo de A Madroa para presenciar a final da I Liga Galega de Fútbol Adaptado 8, que organiza a Federación Galega de Deporte Adaptado. Nesta xornada puideron desfrutar do encontro entre o Celta Integra e o Saladino Cortizo.

Esta actividade foi o peche a varios encontros entre a Fundación Celta Integra e o alumnado do CFGM en APSD, no que intercambiaron información, experiencias e opinións. 

Novidades Biblioteca-decembro 2021

Novidades Biblioteca decembro 2021

Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional

     
“Baixo o paraugas da diversidade", o IES de Chapela únese á campaña da asociación Andaina de Redondela  para visibilizar a nosa realidade diversa do centro. Reclamamos que a sociedade é a que debe adaptarse buscando a normalización coma un dereito fundamental.    
     
Distribuir contido