Aprendendo en compañía de persoas con diversidade funcional

Ao longo da segunda avaliación, o alumnado de APSD modular recibiu a visita de varias persoas con diversidade funcional do noso propio contorno: Secundino Curro (diversidade funcional visual), Eva Rodríguez Rodríguez e Beatriz Rodríguez Rodríguez (diversidade funcional auditiva), e Natalia García (diversidade funcional física / acondroplasia). Estas visitas, xunto co obradoiro de teatro inclusivo que estamos a levar a cabo en colaboración coa asociación Xaruma (para a integración de persoas con problemas de saúde mental) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo, permitíronnos seguir dando forma ao proxecto “En compañía”, dirixido a achegarnos á realidade de distintos perfís de persoas con diversidade funcional ou usuarias de servizos de atención sociosanitaria a través do contacto directo coas mesmas para coñecelas mellor e derrubar mitos, prexuízos e barreiras.

Moitas grazas a todas estas persoas pola súa colaboración! Así mesmo, moitas grazas ao Concello de Redondela, que está a cedernos o auditorio do Multiusos Piñeiral do Crego para as sesións de teatro e que nos facilitou de balde o servizo de interpretación de lingua de signos para a charla de Eva e Beatriz!