Complementarias

O alumnado de Artes visita a Galería Dispara de A Estrada

O pasado mércores 26 de abril o alumnado de Artes visitou este espazo que integra estudo, galería e librería especializada en fotografía. Da man do fotógrafo Tono Arias, fixeron prácticas con cámara de placas e descubriron algúns dos fotolibros máis interesantes e únicos que poden atoparse na librería.

Gañadores do 1º concurso de Esopías, marzo de 2023

Con motivo do día de pi (14 de marzo) os días 15 e 16 de marzo leváronse a cabo no centro unha serie de actividades para poñer en valor as matemáticas na actividade cotiá e a súa significación no mundo actual. Con diversos xogos mostrouse ao alumnado aquelas "facetas" que as matemáticas tamén teñen e que a veces non se mostran.

Unha das actividades foi a creación de Esopías, composicións de 25 palabras onde cada unha delas ten unha lonxitude igual que os sucesivos decimais do número pi . Presentáronse a concurso un bo número de composicións de moi alto nivel para ser unha experiencia de recente creación, e xa temos aos tres premiados!. Noraboa por mostrarnos tan fermosas creacións e desexamos que a experiencia se repita nos próximos anos para que non decaia o nivel.

Charla de Economía "Finanzas para mortais"

Os días 12 e 14 de abril os alumnos de Economía participaron dentro do programa EDUEMPRENDE na charla Finanzas para mortais impartida por Francisco Javier Vidal Ferro, director da oficina do Banco Santander de A Estrada. O programa ten por obxecto fomentar a cultura financeira entre o alumnado de ESO e Bacharelato, acercando a xestión e manexo das contas bancarias, os aforros, operacións financeiras e medios de pago no estranxeiro. A actividade resoltou de gran interese para todo o alumnado.

Viaxe do grupo de Artes á Coruña

O alumnado do bacharelato de Artes participou neste 2º trimestre nunha das actividades programadas polo departamento viaxando á cidade de A Coruña para:
  • Coñecer de primeira man a Escola de Arte e Superior de Deseño EASD Picasso, cunha visita guiada pola escola, a ver os obradoiros, equipamento e posibilidade de estudos que se poden cursar nela.
  • Visita a unha exposición relevante do momento: a exposición MEISEL93, dedicada á fotografía. Organizada tendo en conta o ano 1993 no que o autor Steven Meisel fixo até 28 portadas de Vogue. Coñeceron nunha visita guiada a un dos grandes autores da fotografía de moda de todos os tempos.
  • Visita a unha exposición con obras de Pablo Picasso no museo de Belas Artes da cidade.

Entroido 2023

O 17 de Febreiro celebramos o entroido 2023, que por fin se puido celebrar sen restriccións e xa pareceu de novo un día de festa e divertimento. Agradecemos a todo o alumnado que tivo a ben disfrazarse para pasar un bo rato e rirse deles mesmos, e tamén a aqueles máis osados que crearon e escenificaron coreografías diante dun público entregado.

II Mostra de orientación , Marzo 2023

     Martes 28 e mércores 29 de marzo

                      Programa

   Noticias en prensa:

                                            Faro de Vigo            A voz de Galicia

Recollendo o premio deporte galego 2019-2022 en Ribeira

O luns 20 de marzo en Ribeira, as profesoras de Educación Física Alejandra Pérez e Norma Pillado, acompañadas da vicedirectora, Patricia Pérez, e da directora, Ana Fernández, recolleron o premio Galicia Saudable, ao centro como entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. 

Día internacional das matemáticas, 3.14 (día de pi)

Con motivo da celebración do día internacional das matemáticas (14 de Marzo), no centro organizáronse os días 15 e 16 uns talleres lúdicos para alumnado da ESO con diversos xogos matemáticos, de estratexia, xeométricos, probabilísticos, etc. A creatividade, reflexión e constancia afloraron nos nosos alumnos e alumnas demostrando que son perfectamente capaces de comprender e superar algúns desafíos que non eran doados de resolver. O noso agradecemento aos membros do departamento de matemáticas por tan interesante experiencia.

Premios deporte galego 2019 - 2022

O noso centro recibirá o luns 20 de Marzo  o  Premio Galicia Saudable, por ser unha entidade educativa destacada no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa. O noso agradecemento ás profesoras de Educación Física, Alejandra e Norma, polo seu traballo, e a todo o profesorado que nestos anos se animou a saír cos rapaces nas gardas activas e a participar nos seus proxectos.

Olimpíada de Xeografía

   O xoves 09 de marzo o noso alumnado viaxou a Santiago á facultade de Xeografía e Historia para participar na Olimpíada de Xeografía. Estiveron acompañados pola profesora Esther Sánchez.
Parabéns ao noso alumno David Carballeda que acadou o terceiro premio!

Visita a Padrón do alumnado de 1º de Bacharelato

   O pasado martes 28 de febreiro o alumnado de 1º de bacharelato realizou unha saída didáctica cos departamentos de LLG e de Bioloxía. Puideron visitar a Casa Museo de Rosalía Castro, onde recibiron unha breve explicación e realizaron unha visita guiada e lectura de textos. Tamén fixeron unha visita ao Xardín Botánico situado dentro da alameda padronesa. Este punto de conservación de especies particulares vén de recibir a cualificación de Destino Observer pola súa riqueza como patrimonio científico e cultural.

Alumn@s do MGB na Masterclass Europea de Física de Partículas

   Os alumnos de 2º Bacharelato-A do noso centro:  Carlota Brea Martínez, Miguel Ángel Gómez Rey e Manuel Míguez Sangiao  participarán o venres 3 de marzo na MASTERCLASS EUROPEA de FÍSICA (“Física de Partículas coas mans”), organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.

   É unha xornada na que profesores do Dpto. de Física de Partículas da Facultade de Física da USC, en colaboración co CERN, tentarán achegar o mundo das partículas elementais a estudantes de último curso de Bacharelato.

   Os detalles da xornada poden consultarse facendo clic na imaxe.

Homenaxe a Rosalía de Castro

   O xoves 23 de febreiro (186 aniversario do seu nacemento) celebrouse a homenaxe a Rosalía de Castro no Teatro Principal.
   Como vén sendo habitual, neste acto participou alumnado representante de todos os centros da Estrada recitando poemas da escritora. Por parte do noso instituto colaboraron Noa de Oliveira e Manuel Verde (ambos de 2º ESO), que realizaron un magnífico labor. 
Parabéns aos dous polo seu esforzo e polo seu bo facer.

11 de Febreiro, día internacional da nena e a muller na ciencia

   O mércores 8 de Febreiro, o noso alumnado máis científico de 2º Bacharelato e 4º ESO, participou na III Edición de CONÓCELAS. Este ano contamos coas científicas-

divulgadoras Aurora Gómez (xefa de grupo no CIMUS), Cristina de Jesús (investigadora no CIB) e Cristina Cardona (doctoranda no CIB), que nos explicaron as

súas motivacións para loitar contra o cancro e orientarnos na decisión de continuar os nosos estudos.

Grazas ASEICA polo voso esforzo en mellorar a sociedade.

Viaxe a Santiago EASD Mestre Mateo, Expos IMAXINARIA e Sempre Máis

   O Martes 7 de Febreiro, o alumnado de Artes do IES participou en Santiago nas seguintes actividades:

  • Visita guiada á Escola de Artes e Deseño Mestre Mateo. 
  • Visita a dúas exposicións que había na cidade: a primeira foi a Exposición "Imaxinaria" IV Mostra internacional de Ilustración Contemporánea na sede de ABANCA na rúa do Vilar, e a seguinte a de Sempre Máis co gallo do 20 aniversario do afundimento do Prestige.

Distribuir contido