Teatro no MGB

"Elisa e Marcela" no MGB

O próximo luns, 16 de decembro, ás 12:30h en Usos Múltiples para o alumnado de 2º de Bacharelato se representará a obra de teatro "Elisa e Marcela" da compañía "A Panadaría"

Elisa_Marcela.jpeg

"Diálogo entre números primos" e "A Liberación da potencia"

No mes de Novembro de 2008 naceron dúas obras baixo a dirección de Mary Villar (profesora de E.F.), Regina Puente (profesora de matemáticas), e Marga Vidal (profesora de Lingua e Literatura Castelá), que recibiron axuda de distintos departamentos, como o de Artesanía. As obras son: "Diálogo entre números primos" e "A liberación da potencia". As obras foron representadas no Teatro de A Estrada, no festival do MGB no mes de Febreiro, destinado á recaudación para a viaxe a París. As dúas obras entrelazábanse facendo unha única. A primeira, "Diálogo entre números primos", está protagonizada por números primos, un logaritmo e unha potencia. A trama da obra é un debate no que os números reflexionan sobre a súa importancia, e todo se resolve cunha gran celebración. Logo intervén un novo número primo co que se crea unha nova dúbida, e son o logaritmo e unha potencia os que resolven o caso. Os actores son alumnos do instituo que no ano 2008-09 cursan primeiro de bacharelato.

Reparto de actores: Cristina García, Begoña Bascuas, Mateo Vázquez, Carina Díaz, María López, Sara Barrantes, Pablo Tosar, David Otero, Germán Sanmartín e Luca Silva.

Vídeo da obra:  

Lourenzo Álvarez cóntanos o seu paso polo teatro do MGB

ENTREVISTA A LOURENZO ÁLVAREZ (xunho 2009)

Lourenzo Álvarez é un dos profesores de lingua galega e literatura do noso instituto. Respecto á historia teatral do instituto, pensamos que nos podería aportar datos en información. Sabemos que participou nalgunha obra.

P: Na súa actividade teatral, qué obras representou?
Lourenzo: Pois representei unha obra de Eduardo Blanco Amor, que se chamaba "Anxélica no umbral do ceo"

P: De onde sacaba o tempo para esta actividade?
Lourenzo: Pois quedábamos unha vez á semana, a tarde dos mércores moitas veces. Dúas ou tres horas, cando non había ningunha outra actividade, e cando se podía. A verdade é que era bastante problemático, porque despois estaban os exames, faltaba xente...

P: Cómo diría que é a experiencia de traballar con adolescentes?
Lourenzo: Dende o principio sabíamos que a obra non ía a ser algo profesional, sobre todo porque tíñamos moi poucos medios técnicos para traballar. O que a nós nos interesaba realmente era o proceso de traballo, ver como pouco a pouco se ían formando as personaxes. Ó principio saían ao escenario sen lanzarse, falando baixiño, ata que chegaban a coller seguridade e confianza. A moitos destes rapaces veulles moi ben a nivel persoal. Axudoulles a conseguir máis confianza e a se sentir máis seguros de sí mesmos.

P: Prefire o traballo na aula ou ao mando dun escenario?
Lourenzo:

O traballo era un pouco colectivo, eu organizaba as actividades, pero non considerei en ningún momento que estivera ó mando. Nunha clase sí é necesario levar o mando, é dicir, ordear, agora tócanos isto, logo isto... No teatro as decisións tomabámolas entre todos, e é mellor así, traballar en grupo como se foramos un só. E é mellor así,
traballas no grupo e que todos decidan... e nunha clase non é tan fácil, tampouco o alumno está capacitado para decidir qué é o mellor para facer en cada momento.

P: Colaboraron no proxecto outros profesores?
Lourenzo:
Si bueno, coa representación empezou Charo Bellot, e despois tamén participou aínda que non moito outra profesora de Francés, que se chamaba Esther. Logo quedei eu ó mando da obra. Houbo tamén un momento no que coincidimos os tres, e bueno despois Charo por cuestións persoais non puido continuar, e esta profesora tampouco e ao final quedei eu. A parte dos que diriximos nalgún momento a obra houbo bastante participación, con valoracións puntuais de outros mestres, para o vestiario, para a escenografía... houbo colaboración de varios departamentos.


P: Que cree que aportan os alumnos?

Lourenzo: Eu creo que o aportan todo, todo... a creatividade sobre todo, as ideas... Igual non tiñan claro como concretar os asuntos máis técnicos, pero as ideas sí que eran deles. Ideas para resolver así algunha escena, para a escenografía, como elexir a música ou os traxes... son cousas que parecen secundarias, pero que ó final dan moito traballo.

P: E que cre que lle aportou a vostede?
Lourenzo: Aprender un pouco desa creatividade, a capacidade de sacar cousas de onde non hai, cando hai poucos medios e poder atopar algunha solución cando parece que non hai ningunha. A min serviume de moito, creo que foi moi enriquecedor, tanto para eles como para min. 


P: Entre que idades se levou a cabo a representación?

Lourenzo: Eran do que daquela se chamaba COU, que sería o nivel máis alto, o que agora é segundo de Bacharelato.

P: Onde se representou a obra?
Lourenzo: Representouse un par de veces aquí no centro, era un
local pequeniño, os medios eran escasos, recompiláramos de onde puidemos de outros centros, ou de algún rapaz que traballaba nalgún grupo de teatro. pero eran poucos medios, quedamos todos moi contentos. 

P: Cal foi o reparto de personaxes da obra?

Algúns dos personaxes que participaron a día de hoxe son algúns bastante coñecidos.

  • Anxélica: María do Carme Ruzo Lodeiro
  • Gabrieliño: Eva María Villamor Chedas
  • Miguel: Isi
  • Deus: david Senén Otero Rodríguez
  • Madalena: Margarita Bragaña Vinseiro
  • Demo: Victor Manuel Fuertes Viaño
  • Poeta: Susana Sánchez Arines


P: A obra conseguiu algúnha mención ou premio?
Lourenzo: Non, simplemente foi unha actividade para o centro. Entón representouse dúas veces, vírona case todos os alumnos do centro, pero non saiu do centro.

P: Podería voltar a formar parte dalgunha representación?
Lourenzo: Sí, si aínda que agora teño menos tempo libre, e entón seríame complicado, e a parte xa hai outra xente levando as actividades, e moi ben por certo. Non se presentou a ocasión pero sí que nun futuro podríamos plantexar.

P: Gustaríalle que fose coa mesma xente?
Lourenzo:
Bueno a verdade é que algúns xa estarán casados e con fillos, pero non me importaría traballar con outro grupo de características parecidas. O alumnado daquela época é moi parecido á de hoxe. Algúns dos actores da obra fixéronse algo famosos, ou coñecidos, como Isi, que representaba un dos arcanxos. E tamén facendo de Deus, David Senén, que foi logo cantante de Xenreira, un grupo de rock moi bo que gravou algún disco.

P: Qué momento ou anécdota recorda?
Lourenzo: Pois a verdade é que todo foi moi especial, e ó ver as fotos da representación recordo a situación como si non pasase o tempo.

Galería de fotos do teatro no MGB en Flickr 

Miguel Carbajal falanos da súa labor no teatro do MGB

(Luns 1 de Xuño)
Entrevistamos a Miguel Carbajal



Miguel Carbajal
é un dos profesores de música do centro. No seu tempo libre ademais de adestrar ao seu cabalo, adícase a preparar proxectos teatrais, pensados para ser representados polos alumnos do centro. Agora mesmo atópase no cume do éxito con "Dormes?", xa que case cada día o chaman para comunicarlle que el e os seus alumnos acadaron un novo premio, sempre merecido.


P: De onde xurde a súa iniciativa teatral?
Miguel Carbajal:
Xurde de cando eu era un cativo, moi pequerrecho. Porque tiña un veciño que agora vive en Madrid, que se chama Manuel Pereira Valcárcel, que é escritor e mestre e el foi o que nos iniciou na aldea, en Ouzande donde vivo eu. Iniciounos cando eramos nenos, nun teatro de aldea. Alí faciamos as actividades teatrais.

P: É  un traballo que realiza no tempo libre ou en horas de clase?
M. Carbajal:
Si realízoo no tempo libre, pero  o que pasa e que o meu tempo libre xa se chama tempo ocupado, porque teño tantas cousas...

P:De onde saca o tempo para esta actividade?
M. Carbajal:
É todo extraescolar, dentro do horario que tiña que ser para o descanso, e dicir eu non lle quito nin unha sola hora ao traballo para darlla ao teatro.

P: Como é a experiencia de traballar con adolescentes?
M. Carbajal
: Marabillosa, sinceramente é unha experiencia que nos rexuvenece moito, que nos mantén moi ao día cas cousas que estades facendo, co que pensades... Podémosvos observar, ver como veñen as novas xeracións, entón sabemos que temos anos porque os imos cumplindo pero ao mesmo tempo estamos cun contacto moito máis directo. Por exemplo a xente que non ten este contacto cos adolescentes teñen unha visión deteriorada dos mesmos, porque pronto din que a xuventude e moi aloucada, a xuventude e así... Porque ao mellor venvos nunha situación de festa como pode estar calquera, entón nos temos unha visión diferente, bueno, eu polo menos.

P:
Que cree que lle pode aportar vostede a eles?
M. Carbajal:
Bueno eu podo dicirche o que intento aportarlle, se o aporto ou non teríasllo que preguntar a eles. Eu quero que aprendan varias cousas; unha disciplina, non soa ben pero é fundamental ter unha disciplina de traballo. Se queres conseguir algo tes que ter unha disciplina extrema. Entón dende o primeiro día aprenden a ser disciplinados no traballo. Quero dicir, que se somos vinte traballando un non pode permitirse non saber o papel porque prexudica a dezanove. Despois creo que trato de ensinarlle a estar nun esceario, a controlar os nervios e a poder dominarse, creo que aprenden a comunicarse doutra maneira. Intento que descubran o maior amor posible pola arte en xeral, pola música, polo cine, pola escena... Creo que é o máis importante.

P: Prefire o traballo na aula ou ao mando dun escenario?
M. Carbajal:
Pois, non sei contestarche. Creo que son diferentes pero teñen un punto en común. A min gústame moito ensinar en xeral. De feito, sempre que fixen cousas acabei ensinando todo ao que me pregunta, é dicir non teño ningún interese en gardarme nada. Entón, creo que o feito de estar enriba dun escenario para min sigue sendo un traballo de aula, porque de feito no escenario solo estas no momento da representación ou uns días antes, entón este traballo e un traballo de formación de aula. Para min considéroo case o mesmo, non me decantaría nin por unha ou outra.

P: Que obras preparou durante a súa actividade docente?
M. Carbajal: A verdade e que preparei poucas, porque a miña cabeza non da para máis. A primeira foi a obra "Danza das Bruxas", teño que dicir que preparei poucas porque tamén son obras bastante complexas, tiven que facer o guión, adaptar a dirección, os persoaxes... entón lévame moito tempo organizar todo iso. Na "Danza das bruxas" participou unha compañeira deste centro, que é Mary Villar que foi a responsable das coreografías, pero eu tiña que cargar co resto.

P: En que ano se representou?
M. Carbajal: Esta obra foi moi importante que se representou no ano 2004, é foi onde naceu a idea de chamarlle Taller de Expresión Artística, por darlle un nome, unha identidade. Foi a primeira obra, e presentámonos a un certame que se chamaba Teatro na Vangarda, que era para a comunidade galega, e fomos gañadores. Aquí non solo podían participar centros escolares, senón calquera compañía non profesional, e gañamos o primeiro premio. Un premio económico moi importante de seis mil euros.

P: Colaboraron no proxecto outros profesores do centro?
M. Carbajal:
Empecei con "Dormes?" no ano 2004/2005 e aquí as coreografías correron por parte dos alumnos. A dirección, guión, etc... tiven eu unha parte e outra os alumnos, neste caso foi unha cousa compartida entre profesor e alumnos. Hai moitos profesores que están colaborando, está Álvaro encargado de toda a parte de informática, e da páxina... Sindo, profesor de tecnoloxía fixo as escaleiras e outras cousas para a escenografía, Xoán Xosé de plástica que se encargou de que os seus alumnos debuxaran o reloxo, profesores de normalización lingüística, e dicir, hai moitos profesores que axudaron, que eu llo pedía e me axudaron. Non é un traballo solo meu, non podo esquencer ao alumnado que foi moito máis importante ca doutra vez.

P: Conserva algún recordo especial da súa labor nas obras?
M. Carbajal:
Especial...son todos especiais. Non sabería destacar un máis especial. A miña vida é especial cando fago iso, e dicir, síntome tan ben e estou tan ben que é especial en si facer esas cousas, non hai un detalle que che diga isto e máis importante que aquel.  É especial estar nos ensaios, é especial ver como saen as cousas, é especial actuar... moitas cousas.

P: Este último premio do Teatro do Miño era esperado?
M. Carbajal: Non, o último de todos non. Bueno, houbo dous premios do Teatro do Miño. Primeiro comunicaronnos que eramos finalistas, entón seleccionaban seis para actuar nesa mostra, iso para min foi unha sorpresa inmensa. Ademais eu xa tiña olvidado de cando me presentara ao concurso. E logo o do público, cando fomos ver a representación final, foi unha alegría inmensa, coma se me chaman agora para dicirme que me tocou a lotería. Eu estaba vendo a última obra, e cando din o nome do gañador foi esaxerado , saltoume o corazón do sitio, non o esperaba. Sinceramente non o esperaba.


P: Sabemos que o prazo para participar no concurso co que acadaches un premio coa obra "Danza das Bruxas" é en xuño, pensas que "Dormes?" merecese tamén ese premio?
M. Carbajal:
Non nos permiten participar, o cal me molesta bastante. Chameille pero non hai maneira, porque nas bases e certo que o pon, se gañamos algún premio quedamos descartados para todo. Eu chameille porque iso téñeno que cambiar. Agora a ese certame chámase Certame Galicia Crea, para novos creadores, e eu dígolle como se pode premiar aos creadores galegos se estades descartando aos que gañaron premios, entón só queren premiar aos que non gañaron nada. Coa "Danza das Bruxas" solo nos presentamos a ese, pero neste ao ter gañado o premio do Teatro do Miño  non nos permiten presentarnos. Eu tiña moita ilusión en presentarnos, para min "Dormes?" é mellor obra que "Danza das Bruxas", porque está máis traballada, máis recursos, máis medios técnicos, con proxección de vídeo, os bailes son marabillosos, pero este ano non podemos.

P: Que gañou "Dormes?"?
M. Carbajal: 

"Dormes?" ten varios premios, un foi o de Goián e outro son os Premios Buero Vallejo, neste último fomos gañadores da fase autonómica, e o Xoves 4 de Xuño xogámonos a final Nacional, de toda España van seleccionar tres.

P: Sabemos que todos os alumnos de "Dormes?" adórano, como se sinte un?
M. Carbajal:

Bueno, iso eu non o sabía. Eu síntome moi ben, eu aos alumnos quérolle moito. Xa vai máis alá de ensinarlles, téñolles cariño. Entón cando lle tes cariño a unha persoa iso se transmite, eu síntome moi ben con eles. Non sabía iso, pero non quero que me tomen como un icono ou unha representación porque todos cometemos erros, pero vamos síntome ben.

Fotografías do Teatro no MGB

 

     
   
 

 

 

 

 

   

 

Os mellores momentos das representacións foron inmortalizados en imaxes dende os seus comezos. Imaxes en branco e negro que posteriormente deixaron paso a fotografías en cor. Recuperadas e organizadas por obra: imaxes do teatro no MGB.

Catálogo de obras representadas

Obras Levadas a cabo entre 1971 e 1984

A actividade teatral no MGB naceu da man de Charo Bellot, antiga profesora do centro. Coa súa colaboración leváronse a cabo varias obras.

1971 "Os vellos non deben namorarse". Dirixida por Charo Bellot.

1972 "La muñeca perdida" obra de Alfonso Sastre. Fíxose unha adaptación desta obra, de carácter serio, para nenos de 10 anos. Dirixida por Charo Bellot.

1973 "La excepción y la regla" de Bertold. Esta representación obtivo o Terceiro Premio de Interpretación no Concurso Provincial de Teatro Xuavenil. Dirixida por Charo Bellot.

1974 "La lección". Esta obra, do autor Eugéne Ionesco, tiña unha moralexa en contra do franquismo. Acadou o Primeiro Premio de interpretación no Concurso Provincial de Teatro Xuvenil. Dirixida por Charo Bellot.

1974 "La mordaza". de Afonso Sastre.
Dirixida por Charo Bellot.

1974 "Asamblea General" dos autores Lauro Olmo e Pilar Enciso. Dirixida por Charo Bellot.

1975 "A lebre das ánimas", "A Garouta" e "A tía Lambida", de Eduardo Blanco Amor. Que tiña un teatro máis cómico. Dirixida por Charo Bellot.

1976 "Romance de Micomicón e Adhelala" de Eduardo Balnco Amor.
Dirixida por Charo Bellot.

1977 "Anxélica no umbral do ceo" Eduardo Blanco Amor. Dirixida por Charo Bellot.

1982 "Unha petición de man" de Antón Chejov. Dirixida por Charo Bellot.

1982 Lectura Teatral de "Picnic" de Fernando Arrabal.
Dirixida por Charo Bellot.

1983 Reposición de "Romance de Micomicón e Adhelala". Dirixida por Charo Bellot.

1992 Reposición de "Amxélica no Umbral do ceo". Inicialmente dirixida por Charo Bellot, logo Lourenzo acolleu o cargo.

Tamén se prepararon obras que se ensaiaron pero por diversos motivos non se puideron expoñer ben porque faltaba o director ou ben porque ao director non lle parecía apropiado.

Obras Levadas a cabo entre 2005 e 2009

A partir da actividade teatral de Charo Bellot, houbo un período de tempo no que non se levou a cabo ninguna representación (1993-2004). No ano 2005 volveuse a recuperar o teatro no MGB.

2005-06 Representación de "A Danza das Bruxas" que participou en diversos concursos. Dirixida por Miguel Carbajal e Mary Millar .

2007 Obra de "Dormes?", que debido ao seu éxito séguese representado na actualidade e participando en novos concursos. Dirixida por Miguel Carvajal.

2009 "Diálogo entre números primos" e "A liberación da potencia". Dirixida por Mary Villar, Regina Puente, e Marga Vidal.

Charo Bellot lembra os inicios do teatro do MGB.

Entrevista a Charo Bellot (31 de Marzo de 2009)

Charo Bellot
 
P: Durante a súa docencia no centro levou a cabo una intensa labor teatral. De onde xurdiu a súa iniciativa?
Charo Bellot: Sempre me gustou moito. Desde nena sempre fun moito ao teatro. Entón, cando empecei a dar clase no curso 1969-1970, non empecei a facer un grupo de teatro porque aínda non estaba fixa, e non sabía canto tempo iba a estar no centro, pero sempre me apeteceu. Así que no ano 1971 empecei a facer xa teatro e formamos un grupo que se chamaba "Tinglado" e comezamos a facer representacións.

P: En que anos se levou acabo?
Charo B.:Entre os anos 1971 e 1984.

P: De onde sacaba o tempo para esta actividade
?
Charo B.: Antes había clase pola mañá e pola tarde tódolos días, e os rapaces tiñan que comer aquí na Estrada., xa que non lle daba tempo a ir a casa e voltar. Dende que acababamos de comer, de tres a catro, ensaiabamos tódolos días. Iso é algo que hoxe non se podería facer.

P: Como foi a experiencia de traballar con adolescentes?
Charo B.: Eso fixeno ao longo de toda a miña vida, a verdade que moi satisfactoria, concretamente no teatro. Á xente que ten algún problema de timidez, de saber estar, ou pouca seguridade en sí mesma, isto vénlle moi ben.

P: Qué pensa que lle puideron aportar os alumnos co seu traballo?
Charo B.: Os alumnos sempre che aportan moitas cousas, en calquera tipo de actividade. Con eles aprendes a coñecer a xuventude, ser sempre máis nova do que realmente se é. Estar ao tanto do que é a xuventude e aprender as novas maneiras de ser da xente nova. E moita satisfacción porque ves que co que estás a facer a xente divírtese, reláxase, atópase a sí mesma...

P: Que pensa que lle puido aporta vostede a eles?
Charo B.: Ensinarlles a ler, a estar... e sobre todo a traballar en grupo, aínda que sempre hai problemas; a puntualidade...eso velo co día a día pero cando xa pasan os anos realmente o queda é o bó.

P: Prefire o traballo na aula ou ao mando dun esceario?
Charo B.: Aínda que é difícil decidilo, penso que a miña satisfación maior foi na aula, exercendo como profesora de sociais, moi concretamente ensinando Historia da Arte.

P: Das obras nas que participou, cal acadou un maior éxito?
Charo B.: Depende que entendamos por éxito, porque con "La excepción y la regla" e con "La Lección" gañamos o 3º e 1º premio nun concurso provincial de teatro. Estas tiveron moito éxito. Aínda que tamén "Anxélica no umbral do ceo" foi, quizais, ca que tivemos máis éxito, xunto con "Unha petición de man". Son unhas obras máis ben curtas e foron das que acadaron maior éxito. De feito outros profesores repuxeron "Anxélica no umbral do ceo", esta levouna acabo o profesor Lourenzo, e Fuco (profesor do centro Antón Losada) "Romance de Micomicón e Adhelala" que anteriormente traballou comigo como actor.

P: Voltaría ao mando dun grupo teatral?
Charo B.: Si, encantaríame, ademáis agora que estou xubilada...(risas)

P: Gustaríalle voltar co mesmo reparto de actores cos que traballou naquel entón?
Charo B.: Si, pero é bastante difícil, porque cada un está nun lugar diferente, pero non me importaría volver a facelo.

P:
Pensa que é o teatro unha boa opción para mellorar o compañeirismo entre os alumnos?
Charo B.: Si, sen dúbida. Non hai máis que ver as obras que este ano se fixeron aquí, que asistín ás dúas, tanto "Diálogo entre numeros primos e a liberación da potencia" e por suposto "Dormes?" pareceronme unha pasada. O teatro inflúe no compañeirismo aínda que calquera actividade en grupo favorece o compañeirismo.


P:Conserva algún recordo especial da súa labor nas obras?

Charo B.: Si. A obra de "Aventuras e desveturas dunha espiña de toxo chamada Berenguela" representamola en Vigo e cando voltabamos para a casa paramos nunha discoteca, chegamos as dúas da mañá a casa, e claro, naquel tempo non había móviles e os pais estaban un pouco desesperados, porque as cousas no eran coma agora. E despois, co "Romance de Micomicón e Adhelala" que é unha fantasía, e o protagonista é un xigante e comeza a ser bó, e nun momento de camibo estaba un dos protagonistas no escenario e caeronlle os pantalóns ao chan.


P: De que representación quedou máis satisfeita?

Charo B.: Quizais da que quedei máis satisfeita foi de "La lección" porque eu sabía que a obra estaba moi ben, e a interpretación era moi boa, pero nunca me imaxinei que nos iban dar un premio. Tamen é certo que era moito máis fácil de dirixir porque tan só contabamos con tres actores, que eran realmente bos. E tamén se prepararon obras nas que ensaiamos máis dun ano pero por diversos motivos non as puidemos expoñer; unhas porque o director do centro non estaba e a nos gustaríanos que estivese presente; outras porque ao director non lle pareceu apropiado...

Nacemento da actividade teatral no MGB: Charo Bellot

A historia do teatro no Manuel García Barros nace no ano 1971 a mans da profesora Charo Bellot. Durante un período de trece anos os alumnos do centro participaron en numerosas representacións, que obtiveron un gran recoñecemento, chegando a conseguir diversos premios de carácter nacional. Por tanto, se queremos mergullarnos na historia teatral do instituto é imprescindible coñecer a súa figura, xa que podemos considerar a Charo Bellot a iniciadora desta labor.

Grazas á súa colaboración, puidemos  coñecer os nomes das obras que naceron durante a súa docencia no centro, os nomes dos actores que executaron o sue papel sobre o escenario, e cómo esta experiencia fomenta valores coma a amizade, o compañeirismo... e ó mesmo tempo axuda aos mozos a medrar como persoas. 

Foi así como retrocedimos até os anos franquistas, o teatro do centro estaba a nacer na época. A falta de liberdades encamiñaba a facer un teatro comprometido coa sociedade. Deste xeito, tratando os problemas destes anos, conseguíase chegar á xente nova. Malia isto, sempre se evitou facer política con el. En xeral, as obras destes primeiros anos seguiron este estilo. Posterior á figura de Charo Bellot outros mestres continuaron coa mesma iniciativa e crearon novos grupos teatrais, dende o ano 1984 até os nosos días. Actualmente destaca a labor de Miguel Carbajal, profesor de música do instituto, que está a traballar co seu grupo de actores na obra Dormes?
  Obra de teatro "A TÍA LAMBIDA" 

 

Distribuir contido