EDLG

O IES do Milladoiro no encontro ca Ministra de Ciencia e Innovación en Espazo A Proa

Hoxe tivo lugar un encontro en Espazo A Proa, de empresarios e galardonados  cos premios Innovames , no que o noso centro, dentro dos proxectos educativos, foi un dos premiados. O acto estivo presidido polo alcalde amesano, Blas García e a Ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant. Acudiron, acompañados pola vicedirectora Sonia Magariños, os alumnos Breogán Fajundes, Diego Madarnñas, Hugo Mateos e Carolina Rey.  No seguinte video podedes ver a explicación que fixeron das actividades que se desenvolven no centro:


 

Saída didáctica a Braga e Guimarães

O alumnado de 2º, 3º e 4º ESO participou o pasado martes 9 de maio na saída didáctica a Portugal. Nesta ocasión as cidades escollidas foron Braga, Guimarães e Ponte de Lima.

Na primeira dela puideron escoller entre a visita guiada ao estadio de fútbol do equipo local (Sporting Clube de Braga) ou facer un percorrido didáctico polo centro da cidade.

En Guimarães parte do alumnado estivo no Museo de Ciencia Viva e logo fixo a visita guiada á cidade que o resto do alumnado comezou con anterioridade. Pechouse a saída nun breve recorrido por Ponte de Lima.

No seguinte vídeo pódese ver unha reportaxe da xornada.

 

DÍA DAS LETRAS 2023

Onte, martes 16 de maio, o alumnado do EDLG de 1º e 2º ESO participou nunha homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Escolleron unha árbore das plantadas no centro o curso pasado dentro do proxecto "Ao son da paisaxe"  para dedicarlla ao escritor de Lourenzá. A especie elixida foi un bidueiro ao que lle colocaron o cartaz identificativo. A idea é seguir con esta iniciativa en anos vindeiros.

 

Concerto de Xoán Curiel

 
O luns 8 de maio o alumnado de 3º ESO asistiu a un concerto de Xoán Curiel grazas á colaboración do Departamento de Lingua galega e o EDLG. O autor recoñecido cos Premios da Música Independente, os Martin Codax e os Frei Martín Sarmiento centrouse no seu último traballo, Treides comigo, un disco de once versións de cantigas medievais, que reactualiza sen perder a conexión co trobadorismo. Mais transitou tamén pola poesía popular, a neotrobadoresca e a lusófona.
Foi unha actividade moi didáctica e aberta á participación do alumnado.
 
 
 
 
 

Euterpe, terceiro posto na Gala Final Quero Cantar 2023

Noraboa a Euterpe polo seu sensacional éxito na Gala Final "Quero Cantar" que se desenvolveu hoxe, 23 de abril de 2023, no Teatro Colón da Coruña. ontendo o terceiro posto no certame.

 

O IES do Milladoiro consegue o primeiro premio na fase comarcal do Club de debate

Participamos este venres 21 de abril na fase comarcal do Club de debate organizado polos Servizos de Normalización Lingüística de varios concellos galegos celebrada este ano en Teo.

 

Desde o IES do Milladoiro acudiron dous grupos: Xente que fala (composto por Diego Madarnás, Javier Conde, Andrea Caramés, Sara Antón , Mario Campos, e Óscar Pin) e Debáteme esta! formado por Clara Barral, Sara Rey, Emma Medina, Xiana Cambeiro, Martina Bretaña, Iago Varela, Anthony Rivera, Brayan Colina e Carmen Fandiño

 

O equipo Xente que fala tivo que debater co IES de Bertamiráns defendendo a postura a favor do tema do debate “Somos menos sociais coas redes sociais?” e co IES Eduardo Pondal de Santiago defendendo a postura en contra. O equipo Debáteme esta tivo que defender a postura a favor diante do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e a postura en contra diante do CPI dos Dices de Rois.

 

Os gañadores da primeira xornada da primeira fase foron: Xente que fala (IES do Milladoiro) que conseguiu o primeiro premio, Ames a palabra (IES de Ames-Bertamiráns) que acadou o segundo premio e o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que conseguiu o terceiro premio.

 

Estes tres equipos, xunto cos tres que pasen na segunda xornada comarcal que se vai celebrar o vindeiro luns, irán á fase final galega que se vai celebrar a principios de xuño.

Kahoot da Historia das Matemáticas

O alumnado de 1º e 2º ESO tivo oportunidade de participar no kahoot da historia das matemáticas o pasado venres 31 de marzo. Desde 15 días antes o alumnado tiña unhas fichas para resolver posibles preguntas cuxas respostas se atopaban na exposición da Historia das matemáticas que organizou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega durante o mes de marzo, mes das matemáticas.

O concurso estivo entretido e o alumnado participou activamente. Déronselle premios ás tres parellas que obtiveron máis puntuación, pero quedaron a pouca distancia varios dos seguintes clasificados. Noraboa para o alumnado gañador  e moitas grazas a todos e a todas as  participantes.

O primeiro premio foi para Sarah Uriona Vázquez e  Xiana Martina Alonso Castro de 2ºESO B

O segundo recibírono Yago Bouzas Durán e Miguel Franco González de  1ºESO D

e o terceiro  para Alicia Abelenda Pazos e Zoe Camila Alonso Castro de 2ºESO D

Preparación do grupo Euterpe para a Gala "Quero Cantar"

Hoxe fixemos sesión  promocional do grupo Euterpe. O video realizado será empregado para a presentación da súa actuación na Gala Final deo certame "Quero Cantar". Será  o próximo domingo, 23 de abril, ás 17:30 h no Teatro Colón da Coruña

Parabens para toda a rapazada pola seu esforzo e creatividade. E elmbrade que coma di a canción: "Con zocos córrese máis"

 

 

Saída didáctica a Portugal

O pasado martes 28 de marzo o alumnado de portugués de 1º ESO participou na saída didáctica a Portugal para poñer en  práctica o aprendido. Visitaron a Fábrica de Chocolate en Viana do Castelo,  onde recibiron as explicacións das guías, información que tiveron que trasladar ao seu caderno de campo. Logo subiron ata Santa Lucía, comeron no centro comercial de Viana e pola tarde foron a Braga onde realizaron un percorrido didáctico polo centro histórico.

"Ao son da paisaxe" replantamos árbores

 
O pasado xoves 23 de marzo realizamos unha nova actuación dentro do proxecto "Ao son da paisaxe", levando a cabo a replantación dunhas árbores que secaran na zona que fora plantada durante o curso 21-22.
 
 
Coa xenerosa colaboración da aula da natureza, de novo, conseguimos as árbores e mais a axuda na replantación. A actividade ía desenvolverse integramente no patio, pero por mor da chuvia houbo que reducción o tempo de estancia no exterior.
 
 
Nun primeiro memento as alumnas do Equipo de dinamización de 2º ESO, encargadas da xestión do proxecto, explicáronlles no corredor da entrada aos alumnos e alumnas de 1º ESO D como se desenvolvera a actividade o curso pasado e mais cales eran os seus obxectivos. Aproveitaron tamén ese espazo para facerlle unha entrevista ao persoal da aula da natureza que acudiu ao centro, co que xa enlazaron a explicarlle á rapazada de 1º ESO o necesario para que logo se axilizase a práctica, que non resultou doada debido ás adversas condicións metereolóxicas. Con todo, o noso alumnado implicouse a fondo na tarefa e deixaron ben chantados os carballos, castiñeiros e érbedos que faltaban.
 
 

Homenaxeamos a Rosalía no IES: Concurso de recitado

O pasado martes 28 de marzo tivo lugar o concurso de recitado para 1º e 2º ESO.

Entregáronse os premios ás galardoadas este venres.

 

Participamos na Gala de Rosalía que organizou o concello de Ames

O noso IES participou, o pasado sábado 25 de febreiro,  na Gala de Rosalía que organizou o concello, coas seguintes actuacións:

Saínza Ruíz recitou "Eu ben vin estar o moucho" Claudia, Sara, Lena e Antía interpretaron as coplas que elas mesmas compuxeron: María Iglesias e mais Dora Iglesias interpetaron "Negra sombra"

A poeta e profesora do IES, Lara Rozados, recitou "Tecín soia a miña tea"

Participamos na Gala de Rosalía que organizou o concello de Ames

 

 

Homenaxeamos a Rosalía no IES: Faladoiro con María López Sández

María López Sández estivo no noso centro o pasado martes 28 de febreiro para pechar os actos que o EDLG desenvolveu en homenaxe a Rosalía. A profesora da USC desenvolveu un relatorio baixo o título "Rosalía ao son da paisaxe",  conectado co proxecto do mesmo nome ("Ao son da paisaxe") que estamos a desenvolver no Equipo de dinamización desde o curso pasado. A autora do Herbario de Rosalía fixo un percorrido pola intención de Rosalía en relación á paisaxe galega e presentoulle ao alumnado de 3º ESO o herbario elaborado a raíz da súa obra.

 Foi presentada aos seus compañeiros por Erik Cadavid, quen deu a coñecer tanto as súas obras ensaísticas como as súas novelas, das que temos exemplares na biblioteca. María L. Sández vai ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o próximo 11 de marzo baixo o título: Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego.

Pechamos as xornadas dedicadas a Rosalía co enlace ao proxecto Ao son do paisaxe, plantando unhas roseiras cedidas pola Aula da natureza, xa que estas plantas, igual ca os pensamentos cos que decoramos o espazo Rosalía,  eran as preferidas da autora.

Homenaxeamos a Rosalía no IES: lecturas da obra

O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, unha das nosas autoras máis significativas. Tal e como anunciamos, desde o EDLG estivemos a organizar actividades para esa comemoración.

Entre o 23 e o 28 de febreiro durante os recreos, realizáronse as lecturas da obra de Rosalía no espazo que lle dedicamos á autora no corredor do 1º andar. O seguinte vídeo recolle a participación de gran parte da comunidade educativa.

 

 

Actividades arredor do Día de Rosalía

Volvemos do Entroido xusto o xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, momento en que comezan as actividades de homenaxe dunha escritora que tivo relación co noso concello. Así, durante os recreos desde o xoves 23 ao martes 28 vanse realizar lecturas da súa obra por parte de toda a comunidade educativa. Se non tes elixido un poema, desde o EDLG temos á disposición.

O martes 28 vaise celebrar o concurso de recitado (ver bases), ao que aínda vos podedes anotar, e ese mesmo día vai achegarse ao centro María López Sández para falarlle á rapazada de 3º ESO sobre a presenza da flora na súa obra, tal e como estudou para o seu recente libro: O herbario de Rosalía.

 Ademais destas actividades de lectura e recitado abertas á comunidade educativa en xeral,  vanse realizar outras, como a plantación de máis árbores de Rosalía, acción que comezou o curso pasado, así como a colocación dunhas roseiras na entrada do IES. Mais disto xa daremos conta no seu momento.

Unha música no insti

"Unha música no insti" é o último proxecto da artista multidisciplinar Laura Romero Pereira
 
Temos a sorte de contar no IES do Milladoiro coa súa primeira proposta de murais interactivos con información sobre referentes na música galega. É un proxecto artístico presencial e virtual pensado para xente moza, que consiste na creación de diferentes murais de pequeno formato espallados en diferentes IES e CPIs da provincia da Coruña. O obxectivo é familiarizar ás novas xeracións coas mulleres referentes da nosa música. 
 
No noso caso, o mural conta con artistas como Guadi Galego, Ameixeiras e Caamaño, Elba Souto e Aida Tarrío (Tanxugueiras). 

 

Obrigado compañeiras por tanto talento e creatividade!!!

Castelao "ao son da paisaxe" e "ao son da paz"

O venres 27 de xaneiro foi o primeiro dos dous días nos que lle fixemos unha pequena homenaxe a Castelao no noso IES, con motivo de celebrar o seu nacemento (29 de xaneiro). Unimos esta pequena homenaxe coa terceira fase do proxecto "Ao son da paisaxe" coa que quixemos "humanizar" unha parte do noso patio, a que está atrás do pavillón.

Antes, o alumnado do EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega) de 1º e 2º ESO foi á parroquia de Ameixenda buscar varas de salgueiros, bidueiros e vimbios que logo plantamos nese espazo traseiro onde tamén colocamos a faixa coa mítica frase de Castelao, faixa que a rapazada pintou durante toda a semana previa. Abaixo podedes ver algunhas imaxes dese día.

 Ademais de ligar a Castelao co noso proxecto plurianual "Ao son da paisaxe", tamén o ligamos coa celebración do Día da paz na bibliteca, onde se lle fixo tamén unha pequena homenaxe. Rapazas do ENDLG leron viñetas de Castelao, tanto en contra da guerra, como en contra de calquera inxustiza, empregando como arma a retranca. Para finalizar, as irmás Dora e María Iglesias interpretaron o famoso poema de Castelao musicado (Lela):

Durante os dous días dedicados a Castelao proxectáronse os dous vídeos relacionados, un sobre a súa vida e obra do rianxeiro como retranqueiro universal e outro sobre o que entendemos no EDLG que é a paz lingüística.

Participamos na inauguración da carballeira

Convidados pola Concellaría de medio ambiente fomos á inauguración das figuras de madeira que se colocaron nesta carballeira de trasnos que arranxaron en Paramuíño, xusto detrás do CEIP de Ventín. A rapazada de 1º ESO D, e mais alumnado do EDLG de 1º ESO, compartiu espazo con alumnado da súa antiga escola, por grupos "apadriñaron" un carballo e leron uns textos sobre cada un dos posibles habitantes da carballeira (donosiña, píntega, curuxa...)

A nova na páxina do Concello de Ames

Na prensa: La Voz, El correo

30 de xaneiro: Día Escolar da Non Violencia e a Paz

PAZ LINGÜÍSTICA

"Lela" de Castelao. Interpretación: María Iglesias (piano) e Dora Iglesias (frauta)

30 de xaneiro: Día de Castelao

CASTELAO: O SUPERHEROE RETRANQUEIRO

Actividades do Día da Non Violencia e a Paz

 

Actividades do Día Internacional da Non Violencia e a PAZ. Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Biblioteca. Departamento de Música

1º recreo
Proxección e lectura de viñetas en homenaxe a Castelao.
Lectura dun manifesto pola paz.
Exposición de recortables realizados polos axudantes de biblioteca.

2º recreo
Interpretación de Lela de Castelao  a cargo de María Iglesias (voz e piano) e Dora Iglesias (frauta)
Cancións pola paz.

Vozes da lusofonia: Homenaxe a José Saramago no centenario do seu nacemento

 Volve o programa Vozes da lusofonia, que dirixen Uxía Reyes e Saínza Ruiz. Comeza a edición deste ano cunha homenaxe a José Saramago, para comemorar o centenario do seu nacemento.

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO fixeron unha breve presentación da súa biografía que introduce a lectura dunha das súas obras máis coñecidas (Ensaio sobre a cegueira) realizada por alumnado de 3º e 4º, coa colaboración dalgunha profesora.

Dentro do programa Vozes da lusofonia, podedes escoitar varios podcast coa a lectura (dramatizada) das primeiras páxinas do Ensaio sobre a cegueira. Neste artigo deixámosvos dous, pero vanse publicar máis.

Comeza a lectura: presentación da historia, unha rúa dunha cidade, xente nos carros, un home deixa de ver... Thiago e María Isabel póñenlle voz: Continúa a lectura, agora dramatizada polo alumnado que estuda portugués en 3º ESO:

Foliada solidaria "o poeta que baila"

Durante a última semana lectiva de decembro (do luns, 19 ao xoves, 22)  o EDLG (Equipo de Dinamización da Lingua Galega) do noso centro desenvolve unha campaña solidaria de recollida de alimentos (produtos de Nadal) para entregarlle ao banco de alimentos do Concello de Ames.

Esta acción serve de marco da Foliada Solidaria que se vai desenvolver o vindeiro mércores 21 de decembro, ás 11:00h, no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta gala vanse presentar dous vídeos musicais que, a partir de dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán, musicou o alumnado do noso centro e mais do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces.

A maiores teremos unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario.

As familias que desexen asistir ao acto poderán entrar para ocupar as prazas libres que fiquen, unha vez entre o alumnado.

Agradecemos a vosa axuda para colaborar, na medida das vosas posibilidades, se vos presta, nesta iniciativa achegando turrón, mazapáns, polvoróns… no espazo que estará habilitado na conserxería do IES desde o luns ao mércores 21.

 

Sede na Nova Galiza (O poeta que baila, Florencio Delgado Gurriarán)

O IES do Milladoiro en Innovames

Accesit e 3º premio forn os resultados obtidos polo IES do Milladoiro no Primeiro Premio Innovames Proxectos Educativos, orientados a promover a cultura do emprendemento e a innovación e que situáronse dentro da xornada desenvolvida  0 16 de decembro no Pabillón do Milladoiro, Innovames, organizada polo Concello de Ames e destinada a amosar as últimas tendencias das empresas de Ames no mundo da innovación 

Noraboa aos premiados!

Entrega dos premios do concurso de relatos de terror

 
Este pasado venres entregáronse un primeiro premio e un accésit do concurso de relatos de terror que organizamos polo Samaín.
 
O xurado reuniuse  o 29 de novembro do 2022 e acordou por unanimidade entregar o 1° Premio da modalidade A a Paula Ramos Vilar, de 1° da ESO D, pola obra Vaticinios. Así mesmo, o xurado decidiu outorgar un accésit, na mesma modalidade, a Gael Rodríguez López, por Un Nadal diferente.
No acto de entrega de premios que se celebrou na biblioteca, a premiada e mais o galardoado co accésit resumíronlles aos asistentes os seus textos, e logo recibiron de mans do director do centro cadanseu vale para gastar na librería, así como cadanseu caderno.

Regueifesta e o IES do Milladoiro na illa de Sardeña

Dentro do Proxecto Regueifesta, no que participa o noso centro xunto  ao CFR de Vimianzo, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces  e o CEIP Labarta Pose da Coruña, da man dun proxecto de Erasmus +, e que se centra na recuperación e impulso da Regueifa, desenvolveuse unha visita á illa de Sardeña, para contactar con distintas asociacións culturais da zona ou intérpretes como Bernardo Zizi, unha das grandes figuras da improvisación oral en verso de Europa.

A actividade non pasou inadvertida para os diferentes medios de comunicación do país. Velaquí tedes algúns exemplos da súa recpercusión nas seguintes ligazóns:

LA VOZ DE GALICIA

EL CORREO GALLEGO

FARO DE VIGO

NH DIARIO

Cabo Verde un pouco máis preto

O pasado xoves 24 de novembro, os profesores da Universidade de Cabo Verde, Lourenço Gomes e Elter Carlos, presentáronlle ao alumnado de portugués de 3º e 4º ESO o seu país e os aspectos máis destacados da súa historia, paisaxe e cultura.

Nesta actividade, organizada polo departamento de lingua galega e o EDLG, a alumnado asistente descubriu o batuko, unha expresión artística cantada, tocada e bailada por mulleres, que estivo prohibida mentres non acadaron a independencia de Portugal. Na actualidade o batuko está vivo, tamén entre a comunidade caboverdiana de Burela, que formou o grupo Batuko-Tabanka.

Ao final o noso alumnado interesouse por aspectos concretos da educación, da sanidade, do turismo ou da música caboverdiana sobre os que os profesores amablemente responderon.

 

 

 

25-N. O iceberg da verdade

Distribuir contido