Homenaxeamos a Rosalía no IES: Faladoiro con María López Sández

María López Sández estivo no noso centro o pasado martes 28 de febreiro para pechar os actos que o EDLG desenvolveu en homenaxe a Rosalía. A profesora da USC desenvolveu un relatorio baixo o título "Rosalía ao son da paisaxe",  conectado co proxecto do mesmo nome ("Ao son da paisaxe") que estamos a desenvolver no Equipo de dinamización desde o curso pasado. A autora do Herbario de Rosalía fixo un percorrido pola intención de Rosalía en relación á paisaxe galega e presentoulle ao alumnado de 3º ESO o herbario elaborado a raíz da súa obra.

 Foi presentada aos seus compañeiros por Erik Cadavid, quen deu a coñecer tanto as súas obras ensaísticas como as súas novelas, das que temos exemplares na biblioteca. María L. Sández vai ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o próximo 11 de marzo baixo o título: Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego.

Pechamos as xornadas dedicadas a Rosalía co enlace ao proxecto Ao son do paisaxe, plantando unhas roseiras cedidas pola Aula da natureza, xa que estas plantas, igual ca os pensamentos cos que decoramos o espazo Rosalía,  eran as preferidas da autora.