EDLG

Eloi Zabala González gaña o IV Concurso de Videopoemas

Hoxe, 15  de maio, en  Outeiro  de  Rei, lugar onde  está  a  Casa-Museo  Manuel  María, déronse  os premios  de  videopoemas da  IV Edición  do  Concurso de  videopoemas  sobre  composicións poéticas  de  Rosalía  e  Manuel  María. Eloi  Zabala  González, alumno  de  4º ESO A, conseguiu  un  dos premios  outorgados  cun vídeo realizado  a partir  do poema "Cando non  haxa"  de  Manuel  María.

                                  

Lusofonia

Hoxe, 5 de maio, é o Día da Lingua portuguesa, segundo instaurou no ano 2009 a CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa). O galego, como lingua irmá, permite comunicarnos con falantes da CPLP, con todo o mundo lusófono. Pero, ademais, hai alumnado que estuda portugués no instituto e que fixo un par de programas aproveitando o que aprendeu nas aulas.

O grupo de 3º ESO C gravou un programa específico sobre o Día da Lingua portuguesa, e o grupo de 4º ESO fixo, para o 25 de abril, día da Revolución dos Cravos, un programa especial. Este contou coa colaboración de alumnado que non estuda portugués pero que se implicou aprendendo a canción da revolución, Grándola, vila morena. Co agradecemento a Eloi Zabala e a María Iglesias, deixámosvos os podcast para que escoitedes e mais tamén a gravación que se fixo da actuación en directo destes dous artistas, acompañados polo profesor de música Manolo Maseda, o pasado luns 26 de abril.

 

Enreguéifate 2021

O proxecto Enreguéifate foi adiante tamén este curso. Con máscaras, con distancia e con grupos reducidos, o alumnado de 2º ESO aprendeu a regueifar da man de Lupe Blanco, mais tamén  aprendeu moitas cousas sobre improvisación oral. Nos seguintes vídeos podedes ver a potencialidade dalgún alumno do IES, e mais unha "lección" en verso sobre a improvisación oral no mundo.

 

 

Contos para Pi

 O número Pi é o protagonista de dous contos realizados no marco das actividades organizadas para o 14 de marzo (Día de Pi). Xa vistes que se fixeron bastantes actividades para esta conmemoración, demostrando ademais que se pode usar o galego para tratar de cuestións matemáticas, neste caso, do número Pi.

Paula Mosquera e Elena Núñez conxugaron literatura e matemáticas con cadanseu conto: Pi, o doutor inesperado é o título de Paula, Crimes detrás de Pi o de Elena. Non deixedes de escoitalos!

 

"Vida infinita": a canción para conmemorar o Día do número Pi

O pasado 14 de marzo celebrouse o Día do número Pi e no noso IES a rapazada de diferentes niveis fixo bastantes actividades arredor do famoso 3,14...

Mary Iglesias Bermúdez, alumna de 2º ESO A, compuxo unha peza musical titulada Vida infinita, que ademais interpretou cantándoa acompañada do ukelele. Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega gravouse o vídeoclip coa canción, nunha actividade na que participaron os departamentos de Matemáticas e de  Música e na que colaborou todo o alumnado de 2º ESO A.

 

O MillaFalaDoiro estrea novo programa: "Sinag" de Yomara Ferreiro

Arranca un novo programa dirixido por Yomara Ferreiro. Chámase Sinag, que quere dicir "raio de luz", un nome aberto para un programa que non está enfocado a un tema concreto.

O primeiro podcast recollía unha reflexión a propósito da situación que levamos vivindo este ano e o segundo centrouse nos conceptos que se manexan para atender a diversidade sexual.

 

 
 

Día de Rosalía 2021: Photocall no centro e participación no acto do concello

Neste vídeo recóllense as imaxes do Photocall feito o pasado mércores para conmemorar o Día de Rosalía. A actividade, organizada polo EDLG en colaboración co Comité de Igualdade, titulouse "Rosalía tamén tivo teito de cristal" e estivo centrada no papel da autora como defensora dos dereitos da muller.

 

Pola tarde, Aroha Brandón, Ana Caamaño, Uxía Reyes e Alba Vidal foron as encargadas de ler parte do manifesto que escribiu Anne Figueirido para a AELG e que se leu nun acto sinxelo diante da casa de Barbazán en Bertamiráns, onde Joseba Muruzabal pintou "as Rosalías"

 

Día de Rosalía 2021: Rosalía internacional

 A primeira actividade que deseñou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro, deu como resultado este vídeo, titulado "Rosalía internacional". Aproveitando a riqueza que supón a multiculturalidade do noso centro, vinte alumnas e alumnos de nacionalidades diferentes, leron un dos poemas máis coñecidos da autora. A rapazada que se está a integrar no Milladoiro do século XXI ponlle voz á internacional poeta galega que lle cantou á emigración.

 

O último programa de "Igualdade e Saúde" centrouse na coeducación

"No día a dia reproducimos estereotipos machistas sen nos decatar porque vivimos nunha sociedade patriarcal; as familias, os medios de comunicación e tamén o sistema educativo contribúen a perpetualos. A incoherencia entre o que pensamos e o que facemos (curriculum oculto) delata o peso da socialización do que non somos conscientes, unha influencia tan sutil que resulta moi eficaz. Polo tanto hai que estar alerta, e para desvelar a desigualdade teremos que por os lentes violeta". Con estas palabras de Chis Oliveira e Amada Traba arrancan Paula García e Carlota Vicente o terceiro podcast do seu programa "Igualdade e Saúde", centrado na coeducación.

A entrevista fixéronlla a Carme Moure, profesora no IES Xelmírez I de Santiago, das materias de Igualdade de xénero (2º ESO) e Coeducación para o século XXI (1º BAC).

 

Novo podcast no MillaFalaDoiro. Programa Igualdade e Saúde

Xa temos a segunda entrega do programa Igualdade e Saúde.

Dirixido por Carlota Vicente e Paula García. Nesta ocasión trataron o tema das mulleres na física. A entrevista fixéronlla a Encina Calvo, profesora no grao de Enxeñaría química da USC.

Estade atentas e atentos que xa vai saír en breve o podcast seguinte deste programa.

Peche do ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES do Milladoiro quixemos pechar o ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero coas seguintes accións:

  • Actuación de Serafín Marcos para o alumando de 4º ESO.
  • Programa de radio coa entrevista a dúas ex-alumnas do autor, unha delas a profesora de inglés do noso centro: Rosa López Boullón.
  • Proxecto "Aos quatro ventos"- Leitura colaborativa-expansiva da obra do autor.

Imos por partes:

 Serafín Marcos achegouse ao centro o pasado 18 de decembro. No blog do ENDLG hai unha breve crónica sobre a actividade e mais a dedicatoria que nos deixou. Tamén lle concedeu unha entrevista a Diego Madarnás, que se pode escoitar na sección de podcast da radio MillaFalaDoiro.

         

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 Sara, Alba e Lucía fixeron o último programa de radio do trimestre dedicado a Carvalho Calero e decidiron entrevistar a dúas profesoras que foran alumnas do autor homenaxeado. Unha delas, Rosa López Boullón, do departamento de inglés do noso centro; a outra, a profesora de Lingua galega e literatura, Merche Espiño, docente nos últimos anos do IES Eduardo Pondal de Santiago. Entre as dúas achegan unha panorámica, desde a propias experiencia persoal, da calidade humana e profesional do profesor Calero, tanto no instituto Rosalía de Castro, coma na universidade compostelá.

 

O proxecto "Aos quatro ventos" naceu no noso centro coma unha proposta de acción cooperativa-expansiva entre os centros de Galicia que se quixesen sumar. Lanzouse a principios de decembro e, a pesar das datas, sumáronse 30 centros desde os que se fixeron lecturas de fragmentos de obras do autor, tanto literarias como non literarias. O repositorio está colocado desde este 22 de decembro na canle de Youtube do EDLG e a partir del, desde o IES Perdouro de Burela, coa colaboración do profesor Bernardo Penabade, realizaron un espectacular programa de radio.

 

 

Desde aquí podedes acceder a todos os centros que leron: poesía, teatro, novela (con varios capítulos d'A xente da Barreira, algunha mostra de Scórpio ou todo o relato As pitas baixo a chuvia, moitos fragmentos da súa obra en prosa  ensaística, xornalística...

 

 

 

 

 

Entrevistas con Diego

Entrevistas con Diego é o programa de entrevistas que Diego Madarnás Iglesias (2º ESO) vén de botar a andar. A primeira entrevista fíxolla a unha compañeira, Lucía Sobrado, alumna de 4º ESO, que vai comezar  co seu programa Diario  dunha  estudante, dedicado aos libros e outras cuestións relacionadas e que vai soar en breve. 

RadioMillaFalaDoiro empeza a emisión co programa Remendando Música

Este curso vén de botar a andar o proxecto de radio que se desenvolve desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) e da Biblioteca do IES do Milladoiro, proxecto que comezou o curso pasado, pero que non se puido concretar en ningún programa, porque a pandemia non deixou gravar. Mais agora, coas medidas de seguridade pertinentes, arranca o primeiro dos varios programas deseñados pola rapazada do EDLG: Remendando música. Pensouse este programa para dar a coñecer a música que se fai en galego e, en especial, a música feita por mulleres.

Este primeiro programa empeza forte, cunha entrevista a Guadi Galego coa primicia do seu novo disco, Costuras. Sara Rey, Alba Sueiro e Lucía Romar, alumnas de 2º ESO e xa formantes do Equipo de Dinamización desde o curso pasado, foron as encargadas de presentar e entrevistar á artista, ao tempo que pincharon cancións do seu novo disco, que vén de presentarse este pasado venres 20, pero que Guadi lles adiantou en exclusiva.

Escoita o programa  aquí!

Xurxo Mariño falounos de teléfonos móbiles e saúde

 

O doutor en Ciencias Biolóxicas e especialista en neurofisioloxía, Xurxo Mariño,  estivo este venres no IES con motivo do Día da Ciencia en galego, organizado polo EDLG. Debido ás restricións impostas pola COVID, só un grupo de 1º de  bacharelato puido escoitar en persoa a súa charla sobre móbiles, radiación electromagnética e cerebro.

Presentárono  Paula García e Yomara Ferreiro, alumnas desa clase e membros do Equipo de dinamización. A exposición de Xurxo ocupou dúas sesións de clase e o alumnado tivo oportunidade de facerlle preguntas.

 

 

 

 

O Samaín ou as orixes celtas da cultura galega

Este ano a celebración do Samaín no centro foi algo estraña, pero quixemos facer un vídeo para celebrar este Samaín confinado.E sobre todo, quixemos volver incidir nas semellanzas desta galega coa festa irlandesa, reivindicando as orixes celtas da nosa cultura.

A rapazada do equipo, axudada por algunha voluntaria máis, elaboraron un vídeo que ten versión galega e versión inglesa. Sara, Lucía e Alba puxeron as voces do relato sobre as orixes e significado do Samaín en galego e Paula e Carlato locutaron a versión en inglés.

Deixámosvos os dous vídeos:

 

Grazas a todas as persoas participantes que axudaron a que, un ano máis, fagamos a nosa pequena homenaxe a esta tradición milenaria que nos liga coas nosas orixes celtas.

Rosalía no IES

 

Un número importante de alumnado e profesorado participou na homenaxe que desde o Equipo de normalización e dinamización da lingua galega quixemos renderlle a Rosalía.

Esta actividade, que desenvolvemos en colaboración coa biblioteca, realizouse desde a volta do entroido e ata o 4 de marzo. Durante os recreos houbo lecturas por parte de profesorado e alumnado, ademais un grupo de alumnas e alumnos inscribíronse no concurso de recitado. O xurado estivo composto por dúas profesoras: unha representante do EDLG (Maruxa Fernández) e unha da biblioteca (Margarita Rodríguez), e mais cinco membros do alumnado que son axudantes de biblioteca (Manuel Caamaño, Claudia Bretaña, Miriam Villaverde, Clara García e Aida Otero)

Os premios foron para Diego Madarnás (1º premio), María Pampín (2º premio) e Adrián Dubra (3º premio).

 

Rosalía no IES

Un número importante de alumnado e profesorado participou na homenaxe que desde o Equipo de normalización e dinamización da lingua galega quixemos renderlle a Rosalía.

Esta actividade, que desenvolvemos en colaboración coa biblioteca, realizouse desde a volta do entroido e ata o 4 de marzo. Durante os recreos houbo lecturas por parte de profesorado e alumnado, ademais un grupo de alumnas e alumnos inscribíronse no concurso de recitado. O xurado estivo composto por dúas profesoras, unha representante do EDLG (Maruxa Fernández) e unha  representante da biblioteca (Margarita Rodríguez), e mais cinco membros do alumnado que son axudantes de biblioteca (Manuel Caamaño, Claudia Bretaña, Miriam Villaverde, Clara García e Aida Otero)

Os premios foron para Diego Madarnás (1º premio), María Pampín (2º premio) e Adrián Dubra (3º premio).

Participación na Gala de Rosalía no Concello

O pasado venres celebreouse na Casa de Cultura de Bertamiráns a Gala de Rosalía, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do concello. Convidouse, coma todos os anos, a todos os centros de ensino de Ames para que o alumnado fose homenaxear a Rosalía de Castro, lendo, recitando, cantando...

Un grupo de alumnas do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, composto por Martina Bretaña, Irene Enríquez, Clara Barral, Uxía Riveiro, Sara Iglesias, Sara Antón e Nuria Lamas, fixo unha lectura dramatizada do poema de Follas Novas "A pobriña que está xorda". A escolla deste poema foi debido a que fala da Costa do mar de ovellas, un dos topónimos cos que andamos a traballar este curso.

 

 

Neste enlace da páxina do Concello, podedes oír e ver a dramatización durante a gala.

Arrancamos coa radio!

Moi pouco a pouco, pero case estamos xa preparadas e preparados para saír nas ondas da radio, grazas aos dous días en que nos impartiu o obradoiro Chema Bará. Xa vos avisamos cando teñamos listo o primeiro programa. Non vos habemos facer esperar moito.

 

Conseguímolo!

Lembrades que contamos que desde o Equipo de normalización e dinamización da lingua galega pediramos que mudasen o indicador do IES? Tratábase do que temos na entrada do aparcadoiro, que non respectaba a forma correcta do topónimo. Escribímoslles á concelleira de normalización lingüística e mais ao alcalde. A concelleira contestounos de alí a uns poucos días dicindo que tomaban nota do aviso e que ían proceder a mudar o indicador por outro correcto e... efectivamente! Xa está o cambio feito! Agradecemos moito a atención e a dilixencia con este tema.

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

 

 

O  Día Internacional da  Muller  e  da  Nena  na  Ciencia  foi  celebrado hoxe, 11  de  febreiro,  no  noso  IES  coa  realización dun cartel por  parte  da  rapazada  do EDLG e  que  foi  colocado  na  parede  central  do corredor  do  Andar 0 xunto  con  algunhas  sinopses  biográficas  de importantes científicas.

 

 

 

Ao  mesmo  tempo, o  dpto.   de  Física  e  Química  organizou  a  actividade  Científicas  que  experimentan para  o  alumnado  de  2º  de  ESO:  o  alumnado tivo a  oportunidade  de   participar ao  longo  da  mañá na  realización  de  diversos  experimentos  dirixidos  por  catro   mulleres. 

 

                                            

Homenaxeamos a Rosalía.

O  día  28  de  febreiro  e  o  2  de  marzo o  EDLG  en colaboracion  coa  Biblioteca  organizan  nos  recreos  sesións  de lectura  dos  poemas  en  galego  de  Rosalía  de  Castro. Poderá  ler  non  só  o  alumnado,  senón  tamén  o profesorado  e  o persoal  non  docente. O  día  3  durante  o  primeiro  recreo  haberá  un  concurso  de  recitado.

En   O  Millafaladoiro  pode  accederse  a  toda  a  información  sobre  a  actividade. 

Animádevos  a  participar!

Club de debate 2020

O  venres 24  tivo  lugar  a  xornada  de  formación  conxunta  para  os participantes  no  Club  de debate 2020; celebrouse  na  Casa da  Cultura  do  Milladoiro  e   o noso  alumnado  tivo  ocasión  de  xuntarse  co  do  resto  dos  centros  da  contorna.

A  xornada  estivo  orientada  á  explicación do  procedemento  do debate  e á  práctica  de  habilidades  comunicativas  para  mellorar  as  intervencións  públicas  orais  en  lingua  galega. A  formación  completarase  con  catro    sesións  máis, esta  vez  xa  no  noso IES  e  para  o  noso  alumnado: os días   6 e 20 de  febreiro, 26  de  marzo e 16 de  abril en  horario  de 16.30 a 18.00 h.

                                      

Somos do IES do Milladoiro

 

Un grupo de alumnas do Equipo de Dinamización da Lingua aGalega estiveron a facer unha campaña para que o concello mude o letreiro que ten colocado na entrada do aparcadoiro da Casa da cultura e que indica onde está o noso IES. Debido a que no EDLG estamos a comezar un proxecto de toponimia, o alumnado reparou en que o indicador pon "IES Milladoiro" cando debería poñer "IES do Milladoiro", xa que o topónimo da localidade é "O Milladoiro", con artigo.

 

 

 

 

Ademais de elaborar un cartaz reivindicando o nome correcto do instituto, redactaron unha carta para a concelleira de normalización lingüística e mais para o alcalde, solicitando que se mude o devandito letreiro.

 

 

Premio á mellor interpretación para o IES do Milladoiro

Na Gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a Lingua 2019, que vén de celebrarse este xoves 19 de decembro, concedéronlle o Premio á mellor interpretación ao grupo Sacarina, formado por tres alumnas de 1º ESO do noso IES: Martina Bretaña, Carla Gato e Sara Iglesias.

Os outros dous premios que outorgaba o Concello, mellor guión e mais o premio do público, recaeron en dous grupos do IES de Bertamiráns.

A gala celebrouse este ano na Casa de Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida por Isabel Risco e Marián Bañobre, que lle fixeron pasar a todo o público un momento moi divertido. Os premios entregáronos a Concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística e mais o Concelleiro de Educación.

Parabéns a todo o alumnado participante polo traballo feito e o esforzo realizado e, en especial, ás premiadas!

Palabra galega do ano 2019

Desde    o  2014 a  Real  Academia  Galega  e a   Fundación  Barrié  levan  a  cabo  unha  iniciativa  que  nos  permite   elixir  a  que  será  logo a  palabra galega do  ano. A  través  da  web  Portal  das  palabras pódese  votar  a  palabra do  ano 2019.

 Ata  o  15  de  decembro  puidéronse  facer  suxestións; entre  as  palabras  elixidas  atópanse  quecemento  global, ecocidio, sentidiño  ou  feminicidio. O período  de  votación  remata  ás 23.59 do  día  25  de  decembro.

Vota no Concurso Radiofónico de Teatro lido

Desde hoxe luns, 2 de decembro, xa se poden escoitar as pezas do alumnado do IES que participou no Concurso Radifofónico de Teatro lido na edición Desata a lingua, 2019. A partir de mañá, martes 3, e ata o domingo 8, pódese votar pola peza que máis vos guste enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa que se sumarán para outorgar un dos tres premios: o premio do público. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación.

Tamén podedes escoitar todas as pezas en Ames Radio, emite do 2 ao 5 de decembro, no 107.2 FM ás 13.30h e ás 21.30 horas.

Os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 19 de decembro de 2019, á que asistirá todo o alumnado participante.

O alumnado do IES do Milladoiro que participou neste concurso é o que aparece no vídeo. Abaixo deixamos os enlaces ás súas pezas para que vos sexa doado escoitalas:

Literatura contra a violencia no 25N

Hoxe, 25 de novembro, celebrouse no noso IES o Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Desde hai un par de semanas o alumnado do EDLG, coa colaboración de alumnado de 1º de Bacharelato e mais de 4º ESO, estivo a preparar esta actividade. Ademais de preparar a cartelaría e mais as pulseiras que se repartiron en 1º ESO o pasado venres, léronse dúas obras que tratan o tema da violencia de xénero: en 4º ESO a novela Senllerias de Antía Yáñez e en 1º de Bacharelato o poemario Dos días escuros de Mª Carme Caramés Gorgal. Esta autora achegouse hoxe ao centro. En colaboración co biblioteca organizouse un encontro co alumnado de bacharelato que lera o citado poemario da autora. 

Gravación das obras de teatro lido

   

 

O alumnado do IES anotado no Concurso radiofónico do teatro lido foi gravar as súas pezas esta semana. Tiveron que achegarse a Bertamiráns aos locais de AmesRadio. Catro grupos foron o luns  e tres foron onte xoves. Todos en horario de tarde. 

Lembramos que este alumnado leva neste proxecto desde principios de outubro, elaborou os seus guións, asistiu aos ensaios cos profesionais de "Ibuprofeno teatro", preparou as pezas na casa, escolleu todos os sons para facer os efectos sonoros e agora xa deixaron as súas obras gravadas. Só nos queda escoitar e votar para outorgar o premio do público.

Obradoiro de Danza contemporánea para a igualdade

 

O  xoves  levouse  a  cabo o  Obradoiro  de  Danza  contemporánea para  a  igualdade, tal  e  como  estaba  anunciado. O  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato tivo  a oportunidade  de pór  en  prática técnicas  relacionadas  coa  expresión artística  da  danza  da  man  da  bailarina  e  coreógrafa  Xiana  Vilas. 

A  actividade foi  realizada  ao  abeiro  de  programa  IGUAL-SON  da  Secretaría  Xeral  de  Política  lingüística e organizada polo  departamento  de Música  en  colaboración co EDLG.

Distribuir contido