EDLG

Literatura contra a violencia no 25N

Hoxe, 25 de novembro, celebrouse no noso IES o Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Desde hai un par de semanas o alumnado do EDLG, coa colaboración de alumnado de 1º de Bacharelato e mais de 4º ESO, estivo a preparar esta actividade. Ademais de preparar a cartelaría e mais as pulseiras que se repartiron en 1º ESO o pasado venres, léronse dúas obras que tratan o tema da violencia de xénero: en 4º ESO a novela Senllerias de Antía Yáñez e en 1º de Bacharelato o poemario Dos días escuros de Mª Carme Caramés Gorgal. Esta autora achegouse hoxe ao centro. En colaboración co biblioteca organizouse un encontro co alumnado de bacharelato que lera o citado poemario da autora. 

Gravación das obras de teatro lido

   

 

O alumnado do IES anotado no Concurso radiofónico do teatro lido foi gravar as súas pezas esta semana. Tiveron que achegarse a Bertamiráns aos locais de AmesRadio. Catro grupos foron o luns  e tres foron onte xoves. Todos en horario de tarde. 

Lembramos que este alumnado leva neste proxecto desde principios de outubro, elaborou os seus guións, asistiu aos ensaios cos profesionais de "Ibuprofeno teatro", preparou as pezas na casa, escolleu todos os sons para facer os efectos sonoros e agora xa deixaron as súas obras gravadas. Só nos queda escoitar e votar para outorgar o premio do público.

Obradoiro de Danza contemporánea para a igualdade

 

O  xoves  levouse  a  cabo o  Obradoiro  de  Danza  contemporánea para  a  igualdade, tal  e  como  estaba  anunciado. O  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato tivo  a oportunidade  de pór  en  prática técnicas  relacionadas  coa  expresión artística  da  danza  da  man  da  bailarina  e  coreógrafa  Xiana  Vilas. 

A  actividade foi  realizada  ao  abeiro  de  programa  IGUAL-SON  da  Secretaría  Xeral  de  Política  lingüística e organizada polo  departamento  de Música  en  colaboración co EDLG.

Danza contemporánea para a igualdade

 

 O  vindeiro  xoves  o  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato  participará  nunha  actividade  de  danza  levada  a  cabo  por  Xiana  Vilas, coreógrafa  e bailarina.

 

A actividade está organizada polo departamento de Música en colaboración co EDLG ao abeiro do programa IGUAL - SON que a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove en execución do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para a educación en igualdade entre homes e mulleres, que introduce mensaxes positivas de rexeitamento de condutas machistas en desenvolvemento das actuacións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, NÓS CONTRA A VIOLENCIA.

Día da ciencia en galego

Hoxe, 4 de novembro, celébrase o Día da Ciencia en galego. Desde o EDLG, en colaboración co departamento de Física, de Tecnoloxía e de Matemáticas quixemos celebralo con varias actividades.

Desde cienciaengalego.org propuxeron o lema A prol da ciencia galega e do galego na ciencia, que o alumnado do EDLG rotulou durante os recreos para elaborar o cartel anunciador.Ademais de reivindicar o galego como lingua válida para a ciencia, tamén é obxectivo da asociación promover o interese social pola ciencia e a innovación como base do progreso. Como este é o

Ano Internacional da táboa periódica, ano no que se celebra o 150 aniversario da Táboa Periódica de Mendeleiev, no EDLG do IES do Milladoiro fixemos un vídeo para conmemoralo. Agradecemos a colaboración do alumnado de 2º ESO e mais das súas profesoras de física e matemáticas.

 Pola súa banda, tamén o alumnado de 2º ESO, coordinado pola profesora de Tecnoloxía, elaborou uns traballos sobre os principais inventos da humanidade que se expoñen polos corredores do IES.

Samaín no IES

Nun centro coma o noso, no que hai moito alumnado de fóra, é preciso implicarse na normalización cultural como base para a normalización lingüística.  Por iso estivemos desde o EDLG organizando unha exposición sobre as orixes e significado do Samaín. O alumnado do ENDLG estivo nos recreos elaborando cartaces explicativos ao respecto.

Tamén se organizou  a lectura de contos de medo polas aulas e mais na biblioteca e un concurso de microrrelatos de medo, cuxo gañador foi Adrián Dubra.

 

 

 

 

Xogamos en galego co alumnado de infantil

Hoxe, martes 29 de outubro, tivemos a última xornada de convivio co alumnado de infantil a través dos xogos populares. O alumnado das dúas quendas que viñeron hoxe, ademais de aprender a xogar da man do noso alumnado, recibiu -igual ca os anteriores- as intrucións e a comunicación en lingua galega. O profesorado da Escola infantil, ao final da actividade, agasallou á nosa rapazada con galletas.

 


 

Xogos populares para o alumnado da EEI

Hoxe, luns 28,  continuamos coa actividade "Xogamos no Samaín", organizada polo EDLG, en colaboración co Dpto. de  E.Física. Visitáronnos dous grupos de alumnos e alumnas da EEI Milladoiro: entre as 8.50 e as 10.30 recibimos  un grupo de 50 alumnos e alumnas de 5 anos, que compartiron  xogos co alumnado de 4º ESO A e o alumnado de Portugués de 3º de ESO e de 1º de Bacharelato; entre as 10.50 e as 12.30  o  alumnado  de  3º ESO A e 4º ESO B  recibiu  a un grupo formado por 50 alumnos e alumnas de 4 anos. Toda a  rapazada  puxo  en práctica   os  distintos  xogos  populares  mentres  conversaban  en  galego.

          

                                        

Xogos populares para o alumnado da EEI

Este venres, 25 de outubro, comezou a actividade dos Xogos populares polo Samaín, que este ano se vai realizar durante tres días para así poder atender a todo o alumnado de infantil de catro e cinco anos.

Vanse realizar un total de cinco sesións para que todo o alumnado da EEI desa idade poida vir ata o instituto aprender a xogar da man do alumnado de 3º e 4º da ESO. Este, organizado por parellas, acolle a cadansúa parella de infantil para lle ir ensinando cada un dos xogos, ata un total de 23. O alumnado do instituto ten ademais o reto de explicarlles a actividade en galego e de manterse falando en galego coa rapazada xa que é unha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES.

Este venres viñeron  50 rapaces e rapazas nunha quenda entre as 11h e as 12,30h. Para o luns haberá dúas sesións doutros 50 membros do infantil en cada unha das quendas e o martes outras dúas, unha de 50 e outra de 25.    

                                                  

                                      

Desata a lingua 2019

O alumnado do IES do Milladoiro que se anotou para participar no Concurso de teatro radiofónico, tivo hoxe, xunto co alumnado do IES de Bertamiráns, a primeira das dúas xornadas formativas que ofrece o concello.

A sesión desenvolveuse desde as 11 ata as 13,15 da mañá na Casa de cultura do Milladoiro. Desde o noso IES acudiron oito grupos e un total de 23 rapaces e rapazas que foron atendidos por dous membros do Grupo “Ibuprofeno Teatro” (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).


Na primeira parte da mañá todos xuntos recibiron unha formación xenérica sobre o xénero do teatro lido. Alí insistíuselle ao alumnado en que seleccionasen ben o tema a tratar e tamén o xénero (comedia ou drama). Puxéronlles uns audios con pezas que participaron no concurso de teatro radiofónico da Radio Galega para que lles servisen de exemplo.

 

A continuación repartíronse en dúas salas para traballar a guionización cunha explicación máis detallada, dar asesoramento aos diferentes grupos nos seus respectivos guións e atender dúbidas sobre a actividade.

 A seguinte sesión de formación vai ser o vindeiro 6 de novembro xa no IES para practicar a locución dos textos que xa teñen que estar rematados. Vaise gravar na semana do 18 de novembro nos locais de Ames Radio.

LANGUAGE PLANNING

O  alumnado de  4º  de  ESO  e  de  1º  de  Bacharelato  asistiu á  montaxe  teatral  Language  Planning, baseada  na obra  Made in  Galiza de  Séchu  Sende. A  respresentación correu  a  cargo  de  Os  Quintilláns  Teatro  e  a  actividade  foi  organizada polo  EDLG  e  o  Departamento  de  Lingua  galega  en  colaboración  co  Concello. 

O  alumnado  foi  agasallado  cun  exemplar  de  Made  in  Galiza (publicado por  Galaxia) e  ao  final  da  representación  puido  manter  un  coloquio co  autor  e  tamén  cos  actores.

                                

Día Nacional das Linguas de Signos Españolas

Ao longo da semana do 14 de xuño celebramos no noso centro o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas.

Antón Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas 2019

A figura de Antón Fraguas foi homenaxeada no noso centro mediante os traballos realizados polo alumnado do EDLG e coa representación de Quen ten un mestre etnógrafo?

Final do Club de debate 2019

O IES do Milladoiro participou na final do certame de clubs de debate celebrada en Pontevedra o sábado 11 de maio.

Participación na final do Club de Debate

Un equipo do noso centro participa este sábado día 11 na final galega do Club de Debate. Ver.

Correlingua 2019

O alumnado de 1º ESO participou o 6 de maio na XXIX edición do Correlingua en Compostela. Baixo o lema "O galego é a fórmula" esta edición reuniu a máis de 1700 alumnos e alumnas de vinte centros educativos.

Participación no Club de Debate 2019

O mércores 3 de abril dous equipos do IES do Milladoiro, conformados por alumnado de 1º de bacharelato, baixo a coordinación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e da profesora Valentina Formoso, e coa colaboración do Concello de Ames, participaron en Santiago na fase comarcal do "Certame de debate 2019". O traballo de todas as tardes previas de formación e de preparación no instituto deron os seus froitos e competiron a un bo nivel, deixando unha moi boa imaxe e demostrando que con ganas e con esforzo se acadan resultados positivos, polo que lles transmitimos as nosas felicitacións.

Pero ademais, un dos equipos tamén veu recoñecido ese traballo polo xurado, que decidiu concederlle un 2º premio, que amais dunha importante dotación económica supón o pase para participar en maio, en Pontevedra, na fase xeral. Parabéns para eles!

Enlace á web municipal.

 

Carta de recoñecemento ao alumnado de 1º ESO C

A Escola de Educación Infantil do Milladoiro envíanos unha carta de recoñecemento e gratitude ao alumnado de 1º ESO C. Parabéns polo voso traballo ben feito!

Obradoiro de regueifas

Os regueifeiros Josinho Porto e Sara Marchena iniciaron na arte da regueifa o alumnado de 1º de ESO nunhas divertidas sesións celebradas o 25 de marzo grazas á colaboración do concello de Ames. Información sobre o concurso Enreguéifate: AQUÍ

Youtubeir@s

O luns 17 de marzo o alumnado de 3º ESO seleccionado polo EDLG tivo unha charla para coñecer o concurso Youtubeir@s e para animalo a participarOs premios Youtubeir@s teñen como finalidade ser acicate da creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego.

Do XIX ao XXI: Mani-FEST-acción simbólica contra as inxustizas

Rematamos as actividades de homenaxe a Rosalía cunha proposta que fixo a Asociación de Escritores da Lingua Galega: unha Mani-FEST-acción simbólica para mostrar como moitas das inxustizas sociais que reivindicaba Rosalía no século XIX continúan vixentes hoxe.

Lecturas e recitado: #RosalíaTaménÉNosa

Durante a semana do 18 ao 22 de febreiro o alumnado e o profesorado do IES leron a Rosalía na biblioteca.

Concurso de recitado de Rosalía

O pasado xoves, 21 de febreiro, tivo lugar no IES o concurso de recitado. O xurado, composto por dúas profesoras, Maruxa (Lingua Galega) e Mariló (Matemáticas), xunto con tres membros do alumnado (Sara Barreiro de 3º ESO e Lois Santiago e Laura Santos de 1º Bach.) decidiu outorgar os premios a:

1º Premio: Yago Cepeda (1º ESO C)

2º Premio: Andrea Abuín (2º ESO A)

3º Premio: Alejandro Seoane (1º ESO C)

Participación do IES na Gala de Rosalía que organizou o concello de Ames

21 de febreiro: Día da lingua inicial

O alumnado de 1º ESO que é membro do EDLG estivo traballando arredor do Día da Lingua inicial e participou na elaboración deste vídeo onde aclaran certas cuestións que vén ben que lembremos.

Rosalía tamén é nosa

Baixo o lema "Rosalía tamén é nosa" O EDLG do noso centro, en colaboración co departamento de Lingua Galega,  organiza diversas actividades para conmemorar o 24 de febreiro, data de nacemento de Rosalía de Castro.

Xornada de formación do Club de debate

O venres 8 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro,  o alumnado de 1º de Bacharelato pertencente ao Club de debate participou nunha xornada de formación co alumnado doutros institutos da área de Santiago.

Novo blog do EDLG

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega estrea blog cun vídeo sobre a paz lingüística realizado por eles. Podemos velo AQUÍ

Pensamentos de Castelao a Rosalía

Durante o segundo trimestre homenaxearemos no centro a dous persoeiros fundamentais para a nosa cultura a través de dúas efemérides: o aniversario do nacemento de Castelao (30 de xaneiro) e o de Rosalía (24 de febreiro). Entre outras accións, o EDLG  proporcionou a cada aula do centro unha planta de pensamentos con dous "pensamentos" (citas) de Castelao, previamente seleccionadas polo alumnado do grupo. A partir de febreiro esas verbas de Castelao serán substituídas por versos de Rosalía.

Publicacións do centro: Castelao maxistral. Propostas de traballo

O EDLG e o  departamento de Xeografía e Historia do noso centro elaboraron unha proposta didáctica para traballar a figura de Castelao e a exposición Castelao maxistral que vén de ser publicada por iniciativa de Nova Escola Galega. Ponse así a disposición de toda a comunidade educativa. Enlace: Castelao maxistral. Propostas de traballo.

Distribuir contido