Skip to Content

STEMbach

Visita á Facultade de Matemáticas

Facultade de Matemáticas

O alumnado do STEMbach visitou o día 7 de marzo a Facultade de Matemáticas. Recibiunos a decana da facultade, Elena Vázquez Cendón, e asistiron a un par de charlas do programa "Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas!" que intenta achegar, dun xeito desenfadado e sinxelo, para que se empregan e que son as Matemáticas:

Charla sobre cartografía

O pasado luns 25 de febreiro visitou o noso centro o doutor enxeñeiro de camiños Alberto Varela García, profesor colaborador doutor a tempo completo na Universidade da Coruña (UDC), no departamento de enxeñeiría cartográfica, xeodésica e fotogramétrica.
Nesta ocasión, impartiu unha interesante conferencia na que nos falou da importancia histórica do mapa, o seu desenvolvemento ao longo do tempo, e contou divertidas anécdotas relacionadas con algúns mapas e cartógrafos. Nunha segunda parte, explicou a súa importancia na sociedade actual, así como diferentes empregos profesionais e particulares que se lles poden dar aos mapas no contexto das novas tecnoloxías, con especial énfase na cartografía colaborativa de código aberto e as numerosas investigacións científicas e aplicacións da enxeñeiría nas que o emprego de mapas dixitais é relevante.

Charla Cartografía

Charla de Mayte Carrillo no STEMBach

O 14 de febreiro a sesión de STEMBach correu a cargo de Mayte Carrillo de la Peña, profesora titular no Departamento de Psicoloxía clínica e psicobioloxía da Facultade de psicoloxía da USC.

Charla Mayte Carrillo

Entre outros eidos, é unha especialista na investigación en tratamentos para a fibromialxia, foi investigadora principal en diferentes investigacións nesta temática e é autora de máis de 50 artigos de investigación. Por outra parte, ten amplos coñecementos en comunicación científica, e a súa intervención co alumnado STEMBach estivo relacionada con este aspecto: a charla versou sobre como realizar comunicacións científicas de calidade: que comunicar, por que publicar e difundir os resultados das investigacións, cando facelo, caloes son os medios ou cal é a estrutura dunha publicación científica.

III Congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSA

O alumnado do club de ciencias e do StemBach asistiu o día 11 de febreiro ao III Congreso da Axencia Espacial Escolar Galega NOSA celebrado no IES Miraflores de Oleiros.

Congreso NOSA

A tradición indica que os centros participantes neste proxecto (ademais do citado, o CPI O Cruce de Cerceda, así como os IES Maruxa Mallo de Ordes, Marco do Camballón de Vila de Cruces, Ferrol Vello desa localidade e o noso Arcebispo Xelmírez II de Santiago) van organizando por turno o congreso de cada ano.

Esta edición estivo amadriñada pola escritora Marilar Aleixandre. O desenvolvemento do Congreso consistiu, como vén sendo habitual, na presentación dos resultados do lanzamento da sonda espacial e os experimentos instalados na mesma (nesta edición correspondían á misión Marumasat III) e a comunicación dos obxectivos científicos que se pretenden lograr na seguinte edición.

Visita ao observatorio astronómico da USC (Campus Sur)

O alumnado de StemBach visitou o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, no que Pedro Pablo Campos, investigador no centro, exerceu de guía e explicou en detalle a estrutura do observatorio, as principais liñas de investigación coma o estudo de sistemas de estrelas dobres, e outros programas nos que colaboran.

Os estudantes puideron realizar unha visita ás instalacións e coñecer diverso material de medida utilizado polos investigadores nas súas tarefas.

Coma complemento a esta visita, os alumnos desfrutaron dunha sesión de observación dende o telescopio principal do observatorio, e que por mera casualidade rematou na observación en directo da caída dun bólido polo nordeste do ceo nocturno, complemento perfecto á visita realizada.

O encéfalo humano

O día 7 de febreiro visitounos a profesora titular da Universidade de Santiago Jannette Rodríguez Pallares,  realizou cos alumnos do STEM bach a actividade teórico -práctica : O encéfalo humano na saúde e na enfermidade.

Jannette e o seu equipo busca estratexias terapéuticas para a enfermidade de Parkinson. Falou cos nosos alumnos sobre esta enfermidade, o que se sabe dela e as liñas de investigacións nas que ela e o seu equio está a traballar. O alumnos puideron observar ao microscopio mostras de roedores con lesións da enfermidade de Parkinson.

 O encéfalo humano

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Práctica STEM bach. Extracción ADN

Dentro das actividades do STEM bach o departamento de Bioloxía e Xeoloxía preparou unha práctica de illamento de ADN procedente de tecidos vexetais e animais. O ADN é  a molécula máis valiosa da célula, encárgase de cifrar e almacenar toda a información necesaria para que unha célula adopte unha determinada morfoloxía e fisioloxía. Todo o que somos está almacenado  na secuencia de nucléotidos que compoñen as  moléculas de ADN, que a súa vez forman os cromosomas.

Na  práctica que realizaron os nosos alumnos,  comprobaron o efecto de diferentes compostos químicos e tratamentos físicos para a extracción e purificación do ADN de tomate, feixón e mucosa bucal.

Conferencia "Érase unha vez a Matemática Industrial"

Enmarcada dentro das actividades do STEMBach, o alumnado de 1.º de bacharelato asistiu o 24 de xaneiro á conferencia "Érase unha vez a Matemática Industrial" impartida pola profesora do departamento de Matemática Aplicada da USC María Elena Vázquez Cendón, esta profesora tamén é membro do Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial (ITMATI), do Instituto de Matemáticas (IMAT) e do Consello da Cultura Galega, ademáis de ser a actual decana da Facultade de Matemáticas. 

Visita ao CITIUS

O alumnado do STEMBach visitou o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) o día 23 de xaneiro. Recibiunos amablemente persoal do centro que nos acompañou á sala onde nos fixeron unha breve reseña do que é o CITIUS, a continuación as persoas encargadas de varios proxectos indicáronos en que consistía cada un deles: 

  • CAREBOT: Unidades Robóticas Intelixentes para a actividade asistencial ambulatoria.
  • ZFTool - Cuantificación da proliferación de células canceríxenas en peixe cebra.
  • DentiusBiofilm - Toolbox de Matlab para calcular a vitalidade bacteriana en biofilm oral in situ.
  • ATRIO-USC: Análise de textos e recuperación de información para minaría de opinións: recuperación de información e aprendizaxe automática
  • TLIX: Rede de tecnoloxías LiDAR e información xeoespacial

Visita a laboratorios de investigación da UDC en Ferrol

O día 21 de xaneiro o alumnado de STEM Bach do I.E.S. Arcebispo Xelmírez II de Santiago visitou o Campus da UDC en Ferrol (Esteiro) no que se atopan as instalacións da Escola Politécnica Superior (con titulacións como Enxeñeiría Industrial e Enxeñeiría Naval), o Centro de Investigacións Tecnolóxicas, a Facultade de Humanidades e a Facultade de Enfermeiría e Podoloxía, entre outras. Estas instalacións foron construídas en parte nas antigas construcións do Hospital da Mariña.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Visita ao laboratorio do NaFoMat

O 4 de decembro o alumnado do STEMBach visitou un dos laboratorios do Grupo de Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda, no departamento de Física Aplicada da USC.

Os profesores da USC José A. Rodríguez Añón e María Villanueva, así como outros membros do grupo, como o doutor Juan J. Parajó, foron os anfitrións no percorrido polas instalacións e os diferentes equipos dos que dispoñen.

Tamén deron conta das diferentes liñas de investigación nas que traballa o grupo, así como outras nas que se ten traballado, e explicaron algunhas das técnicas de investigación que empregan.

O alumnado puido ver algún dos equipos en funcionamento. Como actividade práctica, levouse a cabo a preparación dun xel sobre o que se levan a cabo diferentes experimentos para determinar as súas propiedades físicas, como a condutividade ou a estabilidade térmica.

Laboratorio do NaFoMat

Charla de medio ambiente

O 29 de novembro a sesión STEMBach consistiu nunha interesantísima charla a cargo do profesor José Rodríguez Añón, do grupo de Nanomateriais, fotónica e materia branda do Departamento de Física Aplicada (Facultade de física, USC).

O profesor Rodríguez Añón imparte docencia nos graos de Bioloxía e Física, así como en programas de Mestrado e no 4º Ciclo da USC, ten unha dilatada traxectoria como investigador en diversos campos da física aplicada, en campos como a microcalorimetría, os materiais poliméricos, a física de solos, os recursos e residuos forestais, o aproveitamento enerxético dos residuos sólidos, o deseño de mapas como ferramenta na prevención de incendios forestais, e ademáis realiza numerosas actividades divulgativas.

Na charla e posterior debate co alumnado analizáronse diversos factores en relación co medio ambiente e o cambio climático desde as perspectivas científica, social e económica.

O alumnado do STEMbach asiste ao acto de entrega do premio Stephen Hawking

Invitados polo IES Rosalía de Castro, o alumnado do STEMBACH e profesorado do noso centro asistiron ao acto de entrega do premio Stephen Hawking celebrado o martes 27 de novembro no salón de actos do IES Rosalía de Castro. Este ano o acto contou coa presenza do Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, unha autoridade mundial no campo da química supramolecular.

O IES Arcebispo Xelmírez II participa nas xornadas STEMBach

O 27 de novembro tivo lugar a inauguración da xornada formativa sobre o STEMBach no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago.

A conselleira de educación, Dna. Carmen Pomar, tivo unha breve intervención inicial e a continuación os asistentes puideron participar en diferentes actividades e charlas, nas que se abordaron cuestións de actualidade na ciencia, a presenza das mulleres na mesma, na actualidade e ao longo da historia, ou a presenza das pseudociencias nos medios.xornadas 

Presentación

Asistiron alumnos e profesores de diferentes centros nos que se imparte STEMBach, entre eles todas as rapazas e rapaces que cursan esta modalidade no noso centro.

O profesorado tivo tamén a ocasión de facer contactos con docentes doutros centros, así como cos coordinadores encargados nas Universidades de A Coruña, Santiago e Vigo da colaboración cos centros de secundaria.

Laboratorio de química no STEMBach

Nas sesións do 25 de outubro e do 8 de novembro o alumnado do STEMBach traballou no laboratorio de química diversas técnicas experimentais.

Na primeira sesión puxeron en práctica, entre outras actividades, diferentes técnicas de separación.

Laboratorio de química

O fío condutor da segunda xornada foi a análise de diferentes tipos de reaccións químicas. Nun dos experimentos, tentaron medir a cantidade de gas producida empregando unha técnica un tanto “rústica”…

Laboratorio de Química

Distribuir contido


by Dr. Radut