Skip to Content

Visita á Facultade de Matemáticas

Facultade de Matemáticas

O alumnado do STEMbach visitou o día 7 de marzo a Facultade de Matemáticas. Recibiunos a decana da facultade, Elena Vázquez Cendón, e asistiron a un par de charlas do programa "Matemáticas: habelas hainas, seguimos contándochas!" que intenta achegar, dun xeito desenfadado e sinxelo, para que se empregan e que son as Matemáticas:

  • "Coñecemos os números", impartida polos doutorandos Cristina Lois e Óscar Otero, na que se falou da necesidade de ampliar os distintos conxuntos numéricos para poder realizar todo tipo de operacións, fixeron fincapé neses números que non poden expresarse como división de dous números enteiros, os números irracionais.
  • "Ecuación do amor", impartida pola doutora Lucía López, é ben sabido que do amor ao odio hai un pequeno paso pero, podemos realmente predicir a evolución do amor (ou do odio) nunha relación? Sería posible coñecer de antemán se unha relación está destinada ao fracaso? Nesta charla falouse destas e doutras cuestións, aproveitando esta escusa para falar de amor, de matemáticas e do amor polas matemáticas. 

Finalizadas as charlas o alumnado poido resolver dúbidas sobre o Grao en Matemáticas.

A semana anterior (na sesión do día 28 de febreiro) o alumnado asistiu no instituto a unha charla sobre métodos iterativos de cálculo numérico, que permiten obter a solución dun problema mediante aproximacións sucesivas, a través do uso de números e operacións matemáticas simples. Puideron observar como se poden realizar aproximacións do número pi e de raíces cadradas de calquera número positivo sen calculadora.

O xoves 28 de Marzo e 4 de Abril dedicárona á resolución de problemas en Matemáticas. Afondaron no que é un problema matemático e como abordalo, buscaron pautas, exploraron diferentes estratexias, atoparon relacións con coñecementos previos e experimentaron a satisfacción de chegar á solución.

Traballaron en grupos de dous e resolveron cinco problemas que logo cada grupo expuxo ao resto da clase. Así, descubriron tamén as vantaxes do traballo cooperativo, aprenderon a presentar resultados, melloraron a comunicación oral e tiveron a oportunidade de aportar, entre todos e todas, novos enfoques ás resolucións.

Este adestramento serviralles para cando, en breve, inicien o seu propio proxecto de investigación.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos



page_ppp | by Dr. Radut