Skip to Content

2017/18

III Premio Ofelia Devesa de Educación Activa. Ceremonia de entrega de premios e vídeos gañadores

 

O luns 11 de xuño tivo lugar no IES Arcebispo Xelmírez II a cerimonia de entrega dos premios Ofelia Devesa de Educación Activa 2017-2018, que continúan con obxectivo, nesta III edición, de promover a investigación, a divulgación e a creatividade entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato. Durante a gala de entrega de premios, proxectáronse no salón de actos do centro os videos presentados polo alumnado participante, antes de comunicar os nomes dos gañadores e proceder á entrega de diplomas.

Xunto coas alumnas e os alumnos premiados, na imaxe sobre estas liñas, de esquerda a dereita: Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil na Universidade Complutense de Madrid, exalumno do Instituto Arcebispo Xelmírez e promotor do premio; Manuel Dios Diz, concelleiro de educación e cidadanía de Santiago de Compostela; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña e Ana M. Alonso Rodríguez, directora do centro.

Graduación da promoción 2012-2018

O pasado venres 18 de maio, celebramos o acto de Graduación do alumnado de 2º de Bacharelato, da promoción 2012-2018. Deixámosvos a foto de grupo coas titoras de recordo. Parabéns!

Participamos no lanzamento á estratosfera da cápsula MarumaSat III no IES Maruxa Mallo

Onte, luns 7 de maio, participamos no lanzamento á estratosfera da cápsula MarumaSat III. Este foi o terceiro lanzamento da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) creada polos IES Maruxa Mallo (Ordes), Miraflores (Oleiros) e Marco do Camballón (Vila de Cruces). Parte do alumnado do noso Club de Ciencia, ImAXIInacción, asistira xa o pasado mércores día 2 ao ensaio con globo cautivo e tamén colaborou no lanzamento e seguemento da sonda.

"Derrocando o estigma: implicacións do Trastorno Obsesivo Compulsivo", recibimos a visita de María Tubío Fungueiriño

O pasado venres 20 de abril, o alumnado de psicoloxía de 2º de bacharelato recibiu a visita de María Tubío Fungueiriño, psicóloga doctoranda que investiga no grupo do CIMUS "Genomics and bioinformatics". A investigadora impartiu unha charla titulada "Derrocando o estigma: implicacións do Trastorno Obsesivo Compulsivo".

Charla do neto do sindicalista galego Marcial Villamor para o alumnado de Valores Éticos e Historia do mundo contemporáneo

O pasado xoves 12 de abril, recibimos no centro a visita de Manuel Marcial San Martín Villamor; neto de Marcial Villamor, sindicalista veciño do barrio de Sar  (Santiago de Compostela) que foi asasinado no ano 1937.

A nosa experiencia no UniStem Day 2018 na Facultade de Medicina da USC

O pasado venres 16 de marzo o alumnado das materias Psicoloxía e Bioloxía de 2º de Bacharelato participou no UniStem Day 2018 que se celebrou na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, acompañado polos profesores Cecilia, David e Marita.

Participamos nos actos da XXIII entrega do Premio San Clemente Rosalía-Abanca

O Premio de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente convertiu na súa XXIII edición aos alumnos e as alumnas en protagonistas á hora de conceder un premio literario, xa que o seu xurado estivo composto por estudantes de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago e doutros centros de Galicia. Xosé Monteagudo, Fernando Aramburu e Ralf Rothmann foron os galardonados, en lingua galega, castelá e extranxeira respectivamente.

O día da cerimonia de entrega, o pasado 1 de marzo, os estudantes foron tamén os protagonistas do evento, compartindo mesa e mantel cos escritores premiados no Hostal dos Reis Católicos no marco dunha grande festa. Na imaxe sobre estas liñas disfrutan dese momento Cristian Mirás, Eva Álvarez Sánchez, Noa Ínsua Amigo, Daniel Martínez Castro, Eva Carollo Brea, María García Caamaño e Yadhira González Sabel, alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato do Xelmírez II, acompañados pola directora do centro Ana María Alonso.

Uxía León 3º premio de narración na XLVI edición dos Minerva

Parabéns á nosa alumna Uxía León Fernández polo 3º Premio acadado na XLVI edición dos Premios Literarios Minerva, pola súa narración titulada "Itinerante".

 O acto literario de entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves 5 de abril, ás 17:00 h, no salón de actos do Colexio M. Peleteiro. Nel actuará como mantedora a escritora e académica da Real Academia Galega Dª Fina Casalderrey

Alumnado de ESO e Bacharelato participa na V Olimpíada Filosófica de Galicia

O pasado venres, 16 de febreiro, alumnas e alumnos do noso centro participaron na V Olimpíada Filosófica de Galicia que se celebrou na Facultade de Filosofía da USC. O alumnado de 3º e 4º ESO participou na categoría de "Dilemas Morais" e o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato na categoría de "Disertación Filosófica"

Alumnado de 3º e 4º ESO recibiu a visita de Xoana Pintos Barral para falar de mulleres e ciencia

Nos últimos días, con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia o pasado 11 de febreiro, oímos falar moito do traballo de Xoana Pintos Barral. investigadora da USC especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico. Xoana é autora da tese de doutoramento "As mulleres nos estudos experimentais da Universidade de Santiago : 1910-1960" e creadora da exposición "Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC" que temos esta semana no vestíbulo do noso centro. 

Construíndo no vestíbulo cúpulas de Leonardo

 

Entre esas actividades que nos gusta amosar e compartir con toda a comunidade educativa está a desenvolvida polo departamento de Matemáticas do centro na semana do 22 ao 26 de xaneiro. O alumnado dos distintos cursos da ESO construíu, coa axuda do profesorado da materia, diferentes estruturas das famosas cúpulas autoportantes de Leonardo e, como podedes ver nas imaxes, a experiencia foi moi enriquecedora e divertida.

A exposición "Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC" chega ao Xelmírez II

O pasado venres 16 chegou ao noso centro a exposición "Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC" no marco das actividades que estamos realizando co gallo do Día Internacional da Muller e a Ciencia. 11 de febreiro, ao longo de todo o mes.

Celebracións de entroido 2018

O pasado venres ademáis de celebrar o Día Internacional da Mulle e a Nena na Ciencia, tamén tivemos un tempo para os disfraces e os doces. Como cada ano, profesorado, persoal non docente, alumnas e alumnos, nas últimas horas da mañá, participaron no xa tradicional desfile de entroido no que se outorgan os premios aos disfraces elixidos. Tamén houbo actividades deportivas e concurso de sobremesas coa correspondente degustación.

Actividades para conmemorar o 11 de febreiro, "Día Internacional da Muller a a Nena na Ciencia"

 

Como moitos de vós xa sabedes o próximo domingo 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e no Xelmírez II organizamos ao longo de todo o mes varias actividades para conmemoralo. Hoxe o alumnado de Bacharelato recibiu a visita de Beatriz Fernández Domínguez, física nuclear da Universidade de Santiago de Compostela, coa charla "Do corazón da materia ao interior das estrelas". 

Visita de Pilar Brocos e experimentos con auga no Club de Ciencia (La Voz de Galicia)

Distribuir contido


by Dr. Radut