Skip to Content

STEMbach

Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

Finalidade

O bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) contribúe a favorecer no alumnado o afondamento no traballo nas competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e dos métodos científicos, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico e para desenvolver investigacións propias.

Proporciona un contexto organizativo no que o alumnado máis motivado para afondar nos seus estudos e o profesorado responsable das distintas materias podan acadar a excelencia nos coñecementos, cunha metodoloxía baseada na investigación como principio esencial, realizar prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que lles estimule para os futuros estudos universitarios.

Obxectivos específicos

O bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) contribúe a:

a)Promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilita a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria tendo en conta a perspectiva de xénero.

b)Favorecer unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica.

c)Facilitar no proceso de aprendizaxe do alumnado o desenvolvemento de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e oO emprendemento, a resolución de problemas, traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global.

d)Mellora das destrezas comunicativas e expresivas (orais e escritas), tanto nas linguas cooficiais como nas linguas estranxeiras presentes na etapa educativa, con énfase na comunicación e divulgación científica.

e)Traballar en contextos que favorezan un pleno desenvolvemento das competencias dixitais.

f)Proporcionar unha relación máis estreita entre o profesorado e o alumnado co fin da elaboración de investigacións de xeito conxunto, facilitando unha aprendizaxe do alumnado eficaz e cada vez máis autónomo.

Características xerais

1.O programa experimental do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) comprende dous cursos académicos que se corresponden co primeiro e segundo curso da etapa e terá unha duración mínima de dous cursos.

2.O alumnado incorporado a este bacharelato no primeiro curso ten asegurada a súa continuidade ao segundo curso no caso de promocionar.

3.O alumnado incorporado a este bacharelato cursa, a todos os efectos, unha das modalidades das reguladas no artigo 29 do Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

4.O currículo das materias dos diferentes bloques é o establecido no Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

5.A avaliación, promoción e titulación do alumnado deste programa réxese pola normativa vixente establecida con carácter xeral para esta etapa educativa no Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e a normativa que o desenvolve.

6.O principio metodolóxico básico do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Deste xeito o alumnado integrará como parte do seu desenvolvemento formativo competencias que lles permiten elaborar, expoñer e argumentar de forma razoada estes traballos resultado dunha metodoloxía científica.

 

O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades ou na de Ciencias-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

Así mesmo cursa unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

Máis información en STEMBach

Lanzamento da MARUMASAT V

Dentro do proxecto Marumasat, no que participa o IES Arcebispo Xelmírez II, este ano 2023 retomáronse as actividades ao máximo nivel: o 10 de maio lanzouse a V sonda estratosférica.

Viaxou ata Quiroga, e aquí tedes un avance do sucedido nesta inolvidable data.

 

 

Aquí está o enlace a un pequeno vídeo para abrir boca: https://1drv.ms/v/s!AhQmFdg3YAc8hLF9rvIukUZNsMbRPg?e=ZtB4dC.

 

A Universidade de Vigo publica a súa oferta de traballos STEMbach

A Universidade de Vigo, moi comprometida co bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía (STEMbach), vén de publicar a oferta de proxectos de investigación para este alumnado. Son nada menos que 120 proxectos, sumando os ofertados nos tres campus da Universidade (Vigo, Pontevedra e Ourense).

Participan 20 facultades e escolas e cobren todas as modalidades de bacharelato.

Pódense consultar os proxectos ofertados no seguinte enlace:

https://www.uvigo.gal/ven-uvigo/centros-secundaria/steam/stembach/proxectos-stembach

 

 

Os nove traballos de investigación do bacharelato tecnolóxico conseguiron un 10 no IES Xelmírez II de Santiago

J. G.

SANTIAGO / LA VOZ

Sandra Alonso

Docentes das universidades de Santiago e A Coruña orientaron os seus estudos e participaron na comisión que lles avaliou

10  abr 2021 . Actualizado ás 05:00  h.

Doce estudantes do bacharelato en ciencia e tecnoloxía ( STEMbach) do IES Xelmírez II conseguiron a máxima cualificación, un 10, na defensa pública dos traballos de investigación que lles esixen para conseguir este título. No xurado que lles cualificou participou o catedrático Anxo Carracedo e outros docentes universitarios. Acudiu ademais Celso Rodríguez, o delegado do reitor da USC para estes ensinos. «Para a  nosa  comunidade educativa  foi  unha honra poder contar con este profesorado», afirma Pilar  Tobar, directora do instituto, pioneiro en implantar estes ensinos en Galicia, ou en contar cun Club de Ciencia e un Espazo  Maker.

Sesión de comunicación científica no STEMBach

A sesión tivo lugar o 3 de decembro e versou sobre os motivos polos que é necesario difundir o traballo científico e os seus resultados, mesmo cando non son positivos, así como sobre a estrutura e elaboración dun artigo científico.

Tanto o alumnado de 1º curso como o de 2º curso do STEMBach estivo moi pendente da presentación da profesora Mayte Carrillo de la Peña, que compartiu con eles a súa visión sobre este importante aspecto (sobre o que ten impartido formación a profesorado universitario).

O campo principal da profesora Carrillo é a psicoloxía clínica, e en particular é unha investigadora de referencia en fibromialxia. Ten máis de 50 publicacións, múltiples comunicacións en congresos e leva dirixidas seis teses de doutoramento na súa xa longa traxectoria, desenvolvida por completo na USC.

Actividades do maratón de astropartículas

Os días 14 e 16 de outubro desenvolveuse no IES Arcebispo Xelmírez II a Maratón de Astropartículas (https://cienciaxelmirezii.wordpress.com/2020/10/25/maraton-de-astroparticulas/), un ciclo de charlas e actividades para o alumnado de 4º ESO (todo o alumnado) e 1º e 2º de bacharelato (de física e química e física, respectivamente) no marco da realización en Galicia desta actividade, grazas ao empeño da nosa compañeira Raquel Veira, do CPI O Cruce de Cerceda, e ao tesón da coordinadora da actividade, Mª Dolores R. Frías, que lidera este proxecto de divulgación financiado pola FECyT. Participou tamén alumnado do IES Rosalía de Castro (Santiago), co cal as actividades desenvolvérense en tres centros diferentes.

Presentouse o STEMBach 2020-21

Este mércores 8 de outubro realizamos a presentación do programa STEMBach. A pesar das dificultades desta situación, temos unha enorme ilusión por seguir desenvolvendo todas aquelas actividades e iniciativas que sexa posible. Iremos informando, e tamén... podes achegar suxestións ou ideas. Por que non?

Para comezar, debatemos sobre a planificación do curso e sobre os avances que se levan realizado nos traballos de investigación que lerán os compañeiros de 2º curso ¡Teñen moi boa pinta!

Tamén visualizamos o vídeo de promoción deste programa (https://youtu.be/UqnZ8aLf-b4) que preparamos para este inicio de curso. ¡Bótalle unha ollada e dános a túa opinión!

A alumna Uxía Noya premio do X Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

A alumna Uxía Noya, de 2º de Bacharelato, vén de conseguir o premio do X Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos. O traballo, titulado "A FRONTEIRA ENTRE O PÚBLICO E O PRIVADO NA SOCIEDADE DA REDE", foi realizado dentro dos proxectos do alumnado de STEMBACH e titorizado polas profesoras do centro Ana María Alonso e Pilar Figueroa, baixo a dirección das profesoras da facultade de socioloxía da Universidade da Coruña Montserrat Golías e Elvira Santiago. Parabéns a todas!

III Premio Stephen Hawking

A alumna de 2.º de bacharelato do noso centro, Alba Candal Parafita, acadou un terceiro premio na terceira edición do premio Stephen Hawking co traballo "Estudo sobre a validez de uso dun interferómetro de difracción por orificio para a colocación dunha placa metálica", tamén presentaron traballos os alumnos de 2.º de bacharelato, Martín Blanco Lagares e Gael Garabal Codesido, "Identificación dun fármaco neuroprotector para a dor neuropática de orixe iatroxénica" e Mª Belén Hernández Garabal, Rita S. León Lamelas e Andrea Rodríguez López, "¿Qué mutación tiene esta levadura y cómo podemos solucionarlo?".

O premio está organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, nel pode participar alumnado de 4.º ESO e 1.º e 2.º de Bacharelato, este ano o tema para o desenvolvemento dos traballos era "Exploración" e estaba coordinado por Teresa Rodrigo Anoro, física do Comité de Política Científica do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN)

Sesión STEM: Deseños de Investigación en proxectos científicos.

O xoves 16 de xaneiro de 2020 o alumnado de 1º STEMBACH tivo a fortuna de poder comprobar como se aplica na realidade científica o que aprenderan sobre “Deseños de Investigación en proxectos científicos”.
As doutorandas María Jesús González (Graduada en Bioloxía, investigadora no grupo de Metabolismo Molecular do CIMUS) e Noelia Samartín (Graduada en Psicoloxía, investigadora en Psicobioloxía na Facultade de Psicoloxía da USC) explicáronlles en que consistía a súa investigación (determinados aspectos das función metabólicas do fígado e posibilidade da redución da dor gracias a estimulación eléctrica transcranial en casos de fibromialxia, respectivamente) e como deseñaron dita investigación para que fose válida, rigorosa e os resultados contrastables.
É necesario mencionar que non só explicaron magnificamente o xa dito, senón que incluso se tomaron o traballo de adaptar as súas presentacións aos coñecementos técnicos do alumnado sobre os diferentes deseños de investigación para que lles fora máis doado comprender as investigacións e a súa estrutura.
O alumnado agradeceu  moito a súa cercanía e a súa disposición para explicar calquera dúbida. O profesorado, por suposto, tamén.
Cremos que a súa paixón pola investigación deixará pegada no noso alumnado.
Moitas grazas Chus e Noelia!

Visita: Laboratorios de psicobioloxía da USC

Visita o mércores 15 de xaneiro do alumnado de 1º STEMBACH e de Psicoloxía de 2BACH aos laboratorios docentes de Psicobioloxía da Facultade de Psicoloxía da USC.
Inicialmente, na Sala de Xuntas da Facultade, tiveron unha  excelente xornada de presentación das liñas de investigación das áreas de Psicobioloxía. Dita xornada estivo a cargo de:
-Presentación (Prof. Santiago Galdo Álvarez)
-NUTRIAGE (Profa. Elena Ameneda Losada)
-Consumo intensivo de Alcohol (Prof. Fernando Cadaveira Mahía)
-Fibromialxia (Profa. María Teresa Carrillo de la Peña)
-Deterioro Cognitivo Lixeiro (Prof. Santiago Galdo Álvarez)
Ditas charlas foron moi claras e instrutivas. Realmente constituíron todo un descubrimento do que se está a investigar neste ámbito de coñecemento dentro da USC. Tanto o alumnado como o profesorado asistente quedou impactado da amplitude e da relevancia dos temas expostos e de como a investigación vai claramente encamiñada a conseguir avances significativos.
A continuación o alumnado dividiuse en dous grupos e rotou para poder facer dúas prácticas nos laboratorios docentes, unha sobre medidas psicométricas de funcións cognitivas e outra sobre a actividade cerebral visionada a través de EEG na tarefa “go/no go”.

Sesións STEM: Matemáticas

17/10/2019: Matemáticas Que? e Para que?. Linguaxe matemática

Na primeira parte da sesión reflexionamos sobre o qué entendemos por coñecemento matemático, sobre cómo se interpretaron as matemáticas ao longo da historia, sobre as súas aportacións a outros campos da ciencia e da cultura e sobre a súa utilidade no progreso e no avance da sociedade. Tamén comentamos algúns artículos de prensa e outras publicacións que nos mostran en qué se aplican as matemáticas na actualidade e en qué traballan hoxe os matemáticos. Finalmente, proponse como actividade realizar un comentario crítico dalgunha das lecturas complementarias (impacto da investigación matemática na economía española, papel das matemáticas en investigacións médicas ou ciencia e sociedade)

A segunda parte da sesión adicámola á linguaxe matemática e aos distintos tipos de demostración en matemáticas, resolvendo exercicios...

28/11/2019: Cálculo numérico

Charla sobre métodos iterativos de cálculo numérico, que permiten obter a solución dun problema mediante aproximacións sucesivas, a través do uso de números e operacións matemáticas simples. 

Visita: CIMUS USC

O alumnado de STEMbach de 1º de Bacharelato e o da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato visitaron o CIMUS para coñecer parte do traballo de tres grupos de investigación: @UnisemSantiago (enfermidade de Párkinson), @GMXenomica (Trastornos do Neurodesenvolvemento) e ·#MolecularMetabolism (relación entre algunhas zonas do encéfalo e comportamento alimenticio).

Tanto o profesorado acompañante como o alumnado quedou moi satisfeito coa visita, non só polos temas tratados senón polas magníficas e interesantes explicacións. A maior riqueza do CIMUS son as persoas que traballan nel. O noso máis sinceiro agradecemento!

Sempre dicimos e mesmo e cumprímolo: voltaremos

Visita ao CIMUS

Visita ao CIMUS

Sesión STEM: Laboratorio de química

Na sesión do xoves 14 de novembro, tocaba outra práctica de química.

A proposta foi realizar un estudo acerca do rendemento da reacción do ácido acético dun vinagre comercial, de acidez coñecida, con bicarbonato sódico puro.

O alumnado preparou unha montaxe sinxela para recoller o ácido carbónico producido nunha probeta invertida, de xeito que se puidese medir o volume xenerado na reacción.

STEMbach Química

Para diferentes cantidades de vinagre, de volume coñecido, preparáronse diferentes mostras de bicarbonato, de masa coñecida, e recolleuse o gas.

No estudo, o alumnado debe correlacionar o volume obtido coas cantidades de reactivos empregadas e explicar a forma das gráficas obtidas, establecendo en que rango se obtén unha dependencia lineal.

Pasárono moi ben!!

Conferencia: Obesidad: ¿La clave está en tu cerebro?

O martes 12 de novembro estivo no noso centro Cintia Folgueira, investigadora postdoutoral no CIMUS (Centro de Investigación en Mediciña Molecular da USC), premiada este ano 2019 como autora da mellor tese doutoral en Endocrinoloxía e Nutrición pola Sociedade Española neste campo.

A doutora Folgueira compartiu co noso alumnado as liñas xerais e os principais resultados desta premiada investigación. Como complemento, destacou cales son os aspectos máis importantes nalgúns problemas asociados á nutrición nas sociedades desenvolvidas de hoxe, nomeadamente o sobrepeso e a obesidade, as súas repercusións en diferentes aspectos relativos á saúde e as innovacións que se están a investigar na prevención e tratamento dos mesmos.

A esta charla asistiu o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de bacharelato, así como o alumnado de 1º curso matriculado no STEM_Bach.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

Twiter

Distribuir contido


by Dr. Radut