Skip to Content

Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía

Finalidade

O bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) contribúe a favorecer no alumnado o afondamento no traballo nas competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e dos métodos científicos, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico e para desenvolver investigacións propias.

Proporciona un contexto organizativo no que o alumnado máis motivado para afondar nos seus estudos e o profesorado responsable das distintas materias podan acadar a excelencia nos coñecementos, cunha metodoloxía baseada na investigación como principio esencial, realizar prácticas para coñecer as aplicacións reais da ciencia e a técnica, así como adquirir unha formación actualizada e autónoma que lles estimule para os futuros estudos universitarios.

Obxectivos específicos

O bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) contribúe a:

a)Promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilita a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria tendo en conta a perspectiva de xénero.

b)Favorecer unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica.

c)Facilitar no proceso de aprendizaxe do alumnado o desenvolvemento de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e oO emprendemento, a resolución de problemas, traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global.

d)Mellora das destrezas comunicativas e expresivas (orais e escritas), tanto nas linguas cooficiais como nas linguas estranxeiras presentes na etapa educativa, con énfase na comunicación e divulgación científica.

e)Traballar en contextos que favorezan un pleno desenvolvemento das competencias dixitais.

f)Proporcionar unha relación máis estreita entre o profesorado e o alumnado co fin da elaboración de investigacións de xeito conxunto, facilitando unha aprendizaxe do alumnado eficaz e cada vez máis autónomo.

Características xerais

1.O programa experimental do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) comprende dous cursos académicos que se corresponden co primeiro e segundo curso da etapa e terá unha duración mínima de dous cursos.

2.O alumnado incorporado a este bacharelato no primeiro curso ten asegurada a súa continuidade ao segundo curso no caso de promocionar.

3.O alumnado incorporado a este bacharelato cursa, a todos os efectos, unha das modalidades das reguladas no artigo 29 do Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

4.O currículo das materias dos diferentes bloques é o establecido no Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato.

5.A avaliación, promoción e titulación do alumnado deste programa réxese pola normativa vixente establecida con carácter xeral para esta etapa educativa no Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato e a normativa que o desenvolve.

6.O principio metodolóxico básico do bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) é fomentar o pensamento científico e o enfoque práctico de indagación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación. Deste xeito o alumnado integrará como parte do seu desenvolvemento formativo competencias que lles permiten elaborar, expoñer e argumentar de forma razoada estes traballos resultado dunha metodoloxía científica.

 

O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades ou na de Ciencias-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.

Así mesmo cursa unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.

O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.

Máis información en STEMBach



bloque | by Dr. Radut