Skip to Content

Participamos no lanzamento á estratosfera da cápsula MarumaSat III no IES Maruxa Mallo

Onte, luns 7 de maio, participamos no lanzamento á estratosfera da cápsula MarumaSat III. Este foi o terceiro lanzamento da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) creada polos IES Maruxa Mallo (Ordes), Miraflores (Oleiros) e Marco do Camballón (Vila de Cruces). Parte do alumnado do noso Club de Ciencia, ImAXIInacción, asistira xa o pasado mércores día 2 ao ensaio con globo cautivo e tamén colaborou no lanzamento e seguemento da sonda.

O noso interese no proxecto levounos a contactar co profesorado responsable do mesmo, ao que estamos enormemente agradecidos pola súa xenerosidade, xa que moi amablemente nos convidaron a asistir ao ensaio e ao lanzamento, a formar parte dos equipos de recuperación da cápsula e incluso a continuar cunha participación activa de futuro a través da análise de determinados datos de movemento que, a través dunha aplicación móbil, se rexistran durante o voo.

 

O lanzamento foi tal e como esperabamos, moi emocionante, pero a recuperación complicouse porque no momento da caida a sinal da sonda perdeuse e como consecuencia a cápsula está aínda sen localizar. Desde a NOSA fan un chamamento, ao que nos sumamos, para pedir a toda a poboación, e moi especialmente á que estea pola zona da Serra de Outes, onde se perdeu o sinal, que colabore na búsqueda da MarumaSat III que confiamos en que aparecerá nos próximos días. 

Como podedes ver nas imaxes, é unha caixa prateada e leva un paracaídas vermello, agradecemos difusión para ver se entre todos logramos recuperala. Con todo, tamén temos que decir que apareza ou non, a experiencia valeu moito a pena e o proxecto seguirá adiante para analizar os datos recollidos onte, para compartilos no III Congreso NOSA e para construir a MarumaSat IV que, sen dúbida, se lanzará o vindeiro curso. Parabéns, e graciñas de novo, aos promotores do proxecto por tan marabillosa experiencia.

Máis información | MarumaSat, CCEOU, IES Maruxa Mallo, IES Marco do Camballón, IES Miraflores



story | by Dr. Radut