Skip to Content

Visita a laboratorios de investigación da UDC en Ferrol

O día 21 de xaneiro o alumnado de STEM Bach do I.E.S. Arcebispo Xelmírez II de Santiago visitou o Campus da UDC en Ferrol (Esteiro) no que se atopan as instalacións da Escola Politécnica Superior (con titulacións como Enxeñeiría Industrial e Enxeñeiría Naval), o Centro de Investigacións Tecnolóxicas, a Facultade de Humanidades e a Facultade de Enfermeiría e Podoloxía, entre outras. Estas instalacións foron construídas en parte nas antigas construcións do Hospital da Mariña.

Pódense ver fotos na seguinte ligazón Fotos

A visita estivo magníficamente organizada, e na mesma implicáronse moitos medios e un gran número de profesionais deste campo coa intención, sobresalientemente acadada, de amosar a oferta educativa do campus e as principais liñas de investigación que desenvolven os diferentes grupos.
Trala benvida, nunha presentación inicial explicouse esta oferta educativa e as estruturas das diferentes escolas e facultades, así como dos grupos de investigación presentes. Ao remate da mesma fíxose unha entrega de agasallos promocionais.
A continuación, realizouse a visita a diferentes instalacións: laboratorio de láser, laboratorio de enxeñeiría mecánica, canal de ensaios navais, e facultade de enfermeiría; en todos os casos, os profesores explicaron a experiencia investigadora dos grupos e os principais traballos que desenvolven na actualidade.
Tralo xantar na cafetería do campus, visitamos o laboratorio de robótica e os diferentes grupos expuxeron a orientación e a planificación das propostas que elaboraron para colaborar co alumnado de STEM Bach de cara ao desenvolvemento e defensa do traballo de investigación que realizarán o vindeiro curso.

 



page_ppp | by Dr. Radut