Igualdade

Igualdade

Minuto de silencio

 

O  pasado  venres, día 28 de  febreiro, o  alumnado que  forma parte de  Comité  de  igualdade  realizou  unha  convocatoria destinada  a  todos os  membros  da  comunidade  educativa   en  prol  da  eliminación  da  violencia  de  xénero.

 

Durante  o  acto  leuse  un  manifesto  no  que  foron lembradas  as  últimas  vítimas da  viloencia  machista e  logo  gardouse  un  minuto  de  silencio  que  rematou  nun  emotivo  aplauso por  parte  dos  asistentes.

Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

 

 

O  Día Internacional da  Muller  e  da  Nena  na  Ciencia  foi  celebrado hoxe, 11  de  febreiro,  no  noso  IES  coa  realización dun cartel por  parte  da  rapazada  do EDLG e  que  foi  colocado  na  parede  central  do corredor  do  Andar 0 xunto  con  algunhas  sinopses  biográficas  de importantes científicas.

 

 

 

Ao  mesmo  tempo, o  dpto.   de  Física  e  Química  organizou  a  actividade  Científicas  que  experimentan para  o  alumnado  de  2º  de  ESO:  o  alumnado tivo a  oportunidade  de   participar ao  longo  da  mañá na  realización  de  diversos  experimentos  dirixidos  por  catro   mulleres. 

 

                                            

As mulleres no mundo das TIC. Encontro con Cristina Rey

Ao abeiro do movemento 11febrero.org, nacido para conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, hoxe,  7 de  febreiro, visitou o noso centro Cristina Rey Fungueiro, enxeñeira informática. Mantivo un encontro co alumnado de 4º  de  ESO  e  de  bacharelato que  cursa  as  materias  de  TIC, Tecnoloxía e  Introdución  á  programación.  Nel  deu conta da súa experiencia profesional no mundo da tecnoloxía facendo fincapé na importancia de que as mulleres se acheguen a este ámbito laboral e na necesidade de erradicar calquera tipo de estereotipo. Ao  mesmo  tempo  puxo  en  valor  a importante tarefa  desenvolvida  por  mulleres    que  traballaron  no  ámbito  da  tecnoloxía  pero  que  son  moi  descoñecidas.

A  actividade  foi  programada polo  dpto. de  Tecnoloxía.

"O día que as mulleres gobernen o mundo todo será distinto"

Verónica, técnica  en  Igualdade,  estivo hoxe  no  centro para  dar  unha  conferencia  sobre  a  súa  especialidade, pero  non  veu  soa, acompañouna  a  súa   madriña,  Isaura. Entre  as dúas  intentaron que o  alumnado  reflexionase  sobre  cuestións  como  sexo  e  xénero  ou  machismo  e  feminismo.

 A  charla  levou  por  título O  día  que  as  mulleres  gobernen  o  mundo  todo  será  distinto  e  naceu  da  colaboración  entre o  recoñecido  grupo  de  teatro   Chévere  e  Promove, unha  consultoría  especializada  en  temas  de  igualdade integrada por  sete  mulleres.

Á áctividade asistiu  todo  o  alumnado  de  ESO  en  tres  sesións  diferenciadas e foi financiada  cunha  partida  especial  da  Consellería  de Educación, Universidade  e  Formación Profesional procedente  do  Pacto  de  Estado  contra  a  violencia  de  xénero.

O seguinte  enlace  dá  acceso  a  un  vídeo da actividade.

                                 

Literatura contra a violencia no 25N

Hoxe, 25 de novembro, celebrouse no noso IES o Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Desde hai un par de semanas o alumnado do EDLG, coa colaboración de alumnado de 1º de Bacharelato e mais de 4º ESO, estivo a preparar esta actividade. Ademais de preparar a cartelaría e mais as pulseiras que se repartiron en 1º ESO o pasado venres, léronse dúas obras que tratan o tema da violencia de xénero: en 4º ESO a novela Senllerias de Antía Yáñez e en 1º de Bacharelato o poemario Dos días escuros de Mª Carme Caramés Gorgal. Esta autora achegouse hoxe ao centro. En colaboración co biblioteca organizouse un encontro co alumnado de bacharelato que lera o citado poemario da autora. 

Igualdade

Hoxe  o alumnado de  1º  de  ESO  participou  nun  obradoiro  para  reivindicar  o  bo  trato  cara  á  muller  organizado  en  colaboración  co  Centro  de  Información  á  Muller (CIM)  do  Concello. 

Así  mesmo, ao longo  desta  semana  a  rapazada  do EDLG estivo  facendo pulseiras empregando  cordón morado  sobre o que  escribiron o  lema "Non ó medo, liberdade".

De  cara  ao  luns  25, Día  internacional  da  non violencia  contra  a  muller, propomos  facer  visible  a  nosa  repulsa  vestindo  algunha prenda negra (xersei,  camiseta, suadoiro, camisa...).

Obradoiro de Danza contemporánea para a igualdade

 

O  xoves  levouse  a  cabo o  Obradoiro  de  Danza  contemporánea para  a  igualdade, tal  e  como  estaba  anunciado. O  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato tivo  a oportunidade  de pór  en  prática técnicas  relacionadas  coa  expresión artística  da  danza  da  man  da  bailarina  e  coreógrafa  Xiana  Vilas. 

A  actividade foi  realizada  ao  abeiro  de  programa  IGUAL-SON  da  Secretaría  Xeral  de  Política  lingüística e organizada polo  departamento  de Música  en  colaboración co EDLG.

Danza contemporánea para a igualdade

 

 O  vindeiro  xoves  o  alumnado  de  Música  de  1º  de  Bacharelato  participará  nunha  actividade  de  danza  levada  a  cabo  por  Xiana  Vilas, coreógrafa  e bailarina.

 

A actividade está organizada polo departamento de Música en colaboración co EDLG ao abeiro do programa IGUAL - SON que a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove en execución do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para a educación en igualdade entre homes e mulleres, que introduce mensaxes positivas de rexeitamento de condutas machistas en desenvolvemento das actuacións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, NÓS CONTRA A VIOLENCIA.

ESCOLAS SEN RACISMO. AXENDA ESCOLAR FEMINISTA 2019-2020

O  venres  25  presentouse  por  parte da  Asamblea  de  Cooperación  pola  Paz (ACPP) o  programa Escolas sen  racismo ante  o  alumnado  de  1º  de  ESO.   No  mesmo acto tamén se presentou  a  Axenda  escolar  feminista  elaborada  para  o  curso 2019-2020 e á  qie  se  pode  acceder  a  través  deste  enlace.  O  centro recibiu  unha placa en  recoñecemento  ó  labor  desenvolvido.

Nova publicación do centro: "Mulleres traballadoras"

Como  resultado do proxecto  interdepartamental  levado  ao longo  deste  curso, presentamos  a publicación  Mulleres traballadoras, 

11 F_ Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O IES do Milladoiro participa na iniciativa 11 de febreiro, que busca conmemorar o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia poñendo a disposición dos centros educativos diversos recursos didácticos. Dentro deste programa,  o alumnado de 4º de ESO tivo a oportunidade de coñecer a científica Nieves Vidal, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia do CSIC de Santiago de Compostela e puideron escoitar a súa charla  Hai futuro para o noso bosque?

Guía de recursos para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.

Como continuación dos compromisos adquiridos ao desenvolver o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero, achegamos unha Guía de recursos

Charla informativa sobre o "Protocolo de igualdade, non discriminación e liberdade de identidade de xénero"

A ANPA Milla invita as familias do alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato a unha reunión informativa sobre o  "Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero" o martes 18 de decembro ás 19:30 no salón de actos do IES do Milladoiro.

Obradoiro de relacións igualitarias

Dentro das actividades organizadas arredor do 25 de novembro, Día internacional para a non violencia contra a muller, o departamento de Orientación do noso centro organizou un "Obradoiro de relacións igualitarias" para 4º ESO, realizado por membros da ACPP (Asemblea de Cooperación pola Paz). Por indisposición da ponente, o venres 30 de novembro só puido realizarse con 4º ESO A. Os restantes grupos participarán neste obradoiro en canto sexa posible.

Charla: Historia do feminismo

A profesora Sonia Fernández, pertencente á asociación Nova Escola Galega, deu unha charla sobre a historia dos movementos feministas ao alumnado de 4º de ESO e ao alumnado de HMC de 1º de Bacharelato. A charla tivo lugar o martes 27 de novembro, organizada polo departamento de Xeografía e Historia, dentro dos actos para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional para a non violencia contra as mulleres.

Obradoiro de igualdade e convivencia positiva

Dentro das actividades celebradas no IES do Milladoiro para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional para a non violencia contra a muller, o venres 23 tivo lugar un Obradoiro de igualdade e convivencia positiva promovido polo CIM do Concello de Ames.

Obradoiro de igualdade e bos tratos

Da man do proxecto Aleida - Conecta e de IGASEX3 comenza en novembro o  "Obradoiro de igualdade e bos tratos" que se desenvolverá ao longo do mes nas horas de titoría de 2º ESO.

Axenda escolar feminista 2018/2019

Para acceder ao documento, premer a continuación: Axenda escolar feminista

AXENDA ESCOLAR FEMINISTA

     A semana do 8 ao 12 de outubro procederemos a repartir en 1º ESO a Axenda escolar feminista, axenda escolar do curso 2018-2019, froito da colaboración  entre Agareso, ACCP, o IES do Milladoiro e outros centros que forman parte da Rede Galega de Escolas sen Racismo (IES Xulián Magariños, Negreira; IES G. Torrente Ballester, Pontevedra; IES Laxeiro, Lalín; CEIP López Ferreiro, Compostela; CEIP Apóstolo Santiago, Compostela e CPR Vilas Alborada, Compostela). Esta axenda inclúe a biografía de Filomena Fraga, veciña do concello de Ames, redactada por alumnado do noso instituto.

"HACKATÓN" POLA DIVERSIDADE

O pasado xoves, día 26 de abril, o alumnado de 2ºB da ESO, participante no proxecto EpD_LAB de AGARESO, tivo a ocasión de xuntarse en Silleda co de Vilagarcía, Boiro, Bueu e Viana do Bolo, os outros centros que forman parte do proxecto, para celebrar un "Hackatón" a prol da diversidade na sociedade, nas aulas e nos medios. 

Maleta da igualdade

O Departamento de Lingua Galega realizou co alumnado de 4º de ESO D unha actividade de busca de información e reflexión. Para ela,  utilizaron o contido da "Maleta da igualdade" da Consellería de Cultura e da Secretaría Xeral de Igualdade que a biblioteca do centro ten en préstamo ata o próximo martes 17 de abril.

 

Maleta da igualdade II

Maleta da igualdade

Do 21 de marzo ao 17 de abril a Biblioteca contará en préstamo coa "Maleta da igualdade" da Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Igualdade. Trátase dun conxunto de 42 obras de diversos xéneros que supoñen un recurso para traballar nas aulas temas como a corresponsabilidade, o empoderamento, os estereotipos, o feminismo, a violencia de xénero, a identidade, a historia das mulleres... Hoxe achegáronse a ela os primeiros grupos de 2º de ESO a través dun xogo de "Caza do tesouro".

Folga feminista no IES do Milladoiro: 8 de marzo

Máis imaxes: AQUÍ

Folga feminista no IES do Milladoiro

8 de marzo

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, inspirou diversas actividades realizadas por diferentes departamentos do centro.

 

8 de marzo

Obradoiro sobre sexualidade e relacións coercitivas

A partir do xoves 22 de febreiro, o alumnado de 3º de ESO participará nas horas de titoría no obradorio "Sexualidade e relacións coercitivas" impartido por IGASEX3.

Conmemoración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

O 11 de febreiro foi declarado pola ONU Día internacional da muller e da nena na ciencia. Para conmemoralo, o IES do Milladoiro acolleu o 19 de febreiro as científicas do Centro Oceanográfico de Vigo Olga Carretero e Elena Fagín, que falaron do papel das mulleres na ciencia nunha actividade organizada polo Departamento de Física e Química.

Obradoiro "Diversidade Cultural" para 1º de ESO

A partir do luns 19 de febreiro o alumnado de 1º de ESO asistirá nas horas de titoría ao obradoiro "Diversidade Cultural" impartido por IGASEX3.

Obradoiro "O BO TRATO"

O Centro de Información á Muller  (CIM) do concello de Ames leva a cabo no noso centro o obradoiro O bo trato desde o luns 23 de xaneiro. Está conformado por catro sesións: dúas impartidas pola formadora especializada en educación emocional, Aixa Permuy, e outras dúas impartidas polas titoras e titores de cada grupo. Dirixido ao alumnado de 1º da ESO dos centros de educación secundaria amesáns, o obradoiro busca ser un espazo de reflexión sobre as maneiras nas que as mozas e mozos viven as súas relacións persoais no día a día.

Obradoiro "DESMONTANDO PREXUÍZOS" - AGARESO

O alumnado de 2º de ESO A participará o martes 23 de xaneiro no obradoiro Desmontando prexuízos de AGARESO. O xoves 25 participará 2º ESO C e o martes 30 2º ESO D, E. A participación de 2º ESO B vai incluída no EPD_Lab.

Distribuir contido