Viaxe a Valencia, proxecto "Grecia e Roma nas túas mans"

Durante os días 6, 7, 8 e 9 de abril, o alumnado de Latín de 1º e 2º de Bacharelato realizou unha viaxe de estudos a Valencia dentro do proxecto estatal de agrupación de Centros "Grecia e Roma nas túas mans", do que forma parte o MGB xunto cos centros IES 9 d’OCTUBRE de Carlet (Valencia) e o IES Sáenz de Buruaga de Mérida. Estiveron acompañados polos profesores Marisa Otero e Álvaro P. Vilariño.

O primeiro día tivo lugar unha visita guiada polo centro da cidade de Valencia: torres de Serrano, pazo da Generalitat, catedral, Lonxa, e outros monumentos e lugares de interese. O xoves achegámonos ata o Museo arqueolóxico de Alicante e o castelo de Santa Bárbara, e xa pola tarde, ao VilaMuseu de La Vila Joiosa. O venres foi o día dos Ludi Saguntini, onde despois de realizar varios obradoiros (latine loquendo, escritura) subimos ata o teatro de Sagunto para ver a representación dunha obra de Plauto, a Aulularia. Na baixada, parada na Domus Baebia, aula didáctica de Cultura Clásica. A tarde foi para a visita á praia da Malvarrosa e de novo o centro de Valencia. Despedimos a esta fermosa cidade o sábado, coa visita ao Oceanográfic e á cidade das artes e das ciencias.

Neste álbum de Flickr pódense ver as imaxes da viaxe.