Desenvolvemento do Programa Meteoescolas durante o curso 2020-21

O profesorado que coordina o programa Meteoescolas no noso centro quere facer balance do desenvolvemento de dito proxecto este curso facendo constar os seguintes agradecementos:

  • Ao alumnado de 3º de ESO e 1º BAC A pola profesional e sistemática recollida de datos meteorolóxicos ao longo de todo o curso (actividade que realizou cada día unha parella durante a 1ª hora de clase).
  • Aos alumnos Adrián Blanco e Daniel Ruibal de 1º de BAC A pola montaxe electrónica da estación de calidade do aire sacrificando os seus recreos do mes de maio.
  • Ao profesor Arturo Vizcarra por ceder altruistamente unha tablet que facilitou a recollida de datos por parte do alumnado na estación meteorolóxica manual.
  • Á profesora Patricia Pérez por colaborar co seu grupo dos mércores a 1ª hora na recollida de datos da estación meteorolóxica manual.

Respecto do desenvolvemento global do proxecto, inda que non se puido levar adiante nun curso tan complicado organizativamente o tratamento estatístico dos datos meteorolóxicos históricos que actualmente xa están dixitalizados (quedará pendente como obxectivo prioritario para o vindeiro curso), si que estamos moi satisfeitos por ter acadados dous dos obxectivos prioritarios deste curso:

  • Establecer unha rutina sistemática de rexistro de datos meteorolóxicos da estación manual do centro por parte do alumnado que permita seguir incorporando datos á web de Meteoescolas.
  • Incorporar un sistema automático de medición que permita rexistrar datos meteorolóxicos básicos (temperatura e humidade), con vistas a ser ampliado en vindeiros cursos (pluviometría e dirección e velocidade do vento).

En relación co anterior aproveitamos para informar que este curso o noso centro incorporouse á rede estatal de centros Educacont, da cal somos o primeiro centro de Galicia en participar. O obxectivo principal de dita rede é o estudo da contaminación na contorna dos centros escolares para o cal instalouse un sistema de control baseado en Arduino alimentado por enerxía solar, xunto cos seus correspondentes sensores e cuxos datos pódense consultar en tempo real nesta páxina.

meteoescolas_20-21.jpg