Escolares

Intercambio - Échange IES Laxeiro - Lycée Champ-Blanc

Neste curso 2014-15, 24 alumnos do IES Laxeiro, de 4º ESO e 1º Bacharelato, teñen a oportunidade de participar nun intercambio cun grupo de 22 alumnos do Lycée Champ-Blanc (Le Longeron, Francia).

Este é o IX intercambio que desenvolvemos xunto con este centro educativo francés.

Neste caso decidimos estudar o tema das nosas lendas e tradicións.

Do 21 ao 28 de marzo acollemos en Lalín o grupo francés. Durante esa semana, os alumnos franceses viviron nas casas dos seus compañeiros de intercambio, asistiron a clases no IES Laxeiro e participaron en varias actividades relacionadas co tema central do intercambio.

Concretamente, visitamos a nosa vila e coñecemos os seus persoeiros ilustres; fomos á Coruña para traballar sobre as lendas relacionadas coa Torre de Hércules e sobre María Pita; e finalmente entramos en contacto co Camiño de Santiago, percorrendo o tramo que nos leva de Palas de Rei a Melide e visitando a zona vella de Santiago de Compostela.

Do 25 de abril ao 03 de maio, tocaralles aos alumnos do IES Laxeiro viaxar a Le Longeron.

Tamén residirán nas casas dos compañeiros de intercambio e participarán en diversas actividades organizadas polo Lycée Champ-Blanc: estudarán a dous persoeiros famosos desa zona de Francia, Jules Verne e Barba Azul.

Por suposto, terán a oportunidade de visitar as cidades de Nantes, Cholet, Tiffauges...

Se vos interesa esta actividade e queredes seguir o seu desenvolvemento, non dubidedes en visitar o sitio web que elaboramos entre todos: https://sites.google.com/site/champblanclaxeiro/echange-2014-2015

No IES Laxeiro tamén celebramos o Día de Rosalía

[24 de febreiro] Tamén no IES Laxeiro celebramos o Día de Rosalía.

Sumámonos á proposta da AELG de celebrar o Día de Rosalía cun vídeo para conmemorar e celebrar o Día de Rosalía.

-

No IES Laxeiro pintamos moito!

 

 

 

 

 

 

 

 Estamos de noraboa!

A nosa alumna Noelia Vázquez Val de 1º ESO C, resultou galardoada co 1º premio na categoría infantil do IX Concurso de Pintura Fefriga coa súa obra "A seitura".

Felicidades tamén a Anabel Ramos Bendoiro -de 3º ESO- polo seu 5º premio na categoría junior co seu traballo "Mountain Cow".

Obradoiro de televisión para a educación en valores con alumnado do IES Laxeiro

Remata en Lalín o obradoiro de televisión para a educación en valores con alumnado do IES Laxeiro

Teatrofórum e unha exposición son outras das actividades que continuarán a desenvolverse no marco do proxecto Escolas sen Racismo de ACPP e AgaresoObradoiro TV

19 de febreiro de 2015.- O obradoiro de televisión para a educación en valores promovido pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) remata hoxe no IES Laxeiro (Laxeiro). Esta actividade de educación e comunicación para o desenvolvemento encádrase no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos, e faise pública na xornada previa ao Día Mundial da Xustiza Social, que se conmemora mañá venres.

 

Mastigamos saúde...

O vindeiro luns 23 de febreiro continuaremos no Laxeiro co segundo periodo de reparto de froita durante os recreos para todo o alumnado do Centro; xa sabedes, a froita estará na entrada do pavillón A.

Trátase dun programa promocionado e subvencionado polo Fondo Galego de Garantía Agraria, (FOGGA), e desde o noso Centro queremos recordarvos a necesidade de manter unha vida sá que se consegue cunha boa alimentación acompañada de exercicio físico diario.

VISITA Á CATEDRAL DE SANTIAGO

 

 

 As alumnas de 2º de Bacharelato visitaron un ano máis a Catedral de Santiago. Acompañadas pola profesora de Arte viron, in situ, tanto a Catedral románica, as súas  bóvedas, a cripta e as diferentes fachadas, coma a de Praterías. As obras de limpeza e restauración do Pórtico da Gloria impedíronnos velo, así mesmo a restauración da Fachada do Obradoiro dificultou o pleno disfrute deste monumento, cumio do Románico, avance do Gótico, e esplendor do Barroco. Aínda así, a visita a Santiago  sempre vale a pena.

O Día da Ciencia en Galego no IES Laxeiro

Celebramos o Día da Ciencia en Galego (4 novembro) co motivo dos sensores, e fixémolo no entorno mais común destes, no mundo da Robótica! Os alumnos de 4º prepararon unha mostra de Robots LEGO.

Ver Vídeo >> Youtube

Ver Fotos >> Galería de Imaxes

Ver Fotos >> Blog

O Laxeiro no País das Matemáticas

Alicia no País das MaravillasO 24 de Outubro celébrase o Día das Bibliotecas Escolares. Este ano 2014 saliéntase o papel imprescindible da biblioteca escolar nos centros educativos para espertar o interese polas Matemáticas.

É por iso que o IES Laxeiro mergúllase de cheo no mundo matemático, facendo que durante 15 días o vocabulario empregado sexa o xeométrico, con exposición de libros  matemáticos, unha procura do tesouro, unha xincana matemático-literaria, lectura de poemas arredor das matemáticas, xogos matemáticos en todos os recreos, Concurso de fotografía matemática, guía de lecturas matemáticas...

Estas actividades servirán de ponte cara ao Día da Ciencia en Galego, cando estas actividades rematarán para dar paso a outras.

Así que a Biblioteca do Laxeiro procurará que todas as nosas Alicias vivan novas aventuras matemáticas.

 

Visita a nosa biblioteca ...

                                                                    ... onde a maxia acontece

 

Parabéns aos gañadores do Concurso "Mestre Laxeiro"

 

No seguinte enlace pódense ver as obras premiadas no X Premio de Pintura escolar "Mestre Laxeiro" organizado polo Museo Municipal "Ramón Mª Aller" durante o mes de maio. Parabéns polo 1º Premio a Iria Varela e polos accesit de Alejandro Zas, Ana García Lois, Antonio Diéguez, Brais Vázquez, Lara Varela, Sandra García e Zaira Míguez.

Distribuir contido