Escoitar, Aprender e Compartir

Entroido 2024

Hoxe, venres 16 de febreiro, a climatoloxía permitiunos pechar a festa de Entroido por todo o alto cos tradicionais desfiles e coreografías do noso alumnado na pista deportiva. Moitas grazas a todas as persoas participantes no baile de disfraces pola vosa enerxía e atrevemento!

Pola súa banda, as nosas compañeiras e compañeiros de nocturno gozaron tamén da súa particular festa de Entroido a semana pasada co seu enterro de modular, en recordo dos ciclos presenciais perdidos, que agardamos que poidan resucitar.

Podedes picar na imaxe para acceder á galería de fotos.

 

 

O ALUMNADO DO IES CHAPELA NO PROGRAMA EDUMOB EN FRANCIA

O alumnado de 1º bacharelato: Gabriela Domínguez González e Andrés Rodríguez Cano xa están en Francia. Acompañados pola profesora Ángeles Alemparte, que foi a coordinadora do programa EDUMOB da Consellería de Educación, e xunto con outros compañeiros e compañeiras doutros centros, estes alumnos e alumnas participan no programa de intercambio nun instituto francés e asistirán durante un mes ao Lycée Jean Lurçat Bruyères de La Lorraine (Région Grand Est).

No mes de abril teremos aos alumnos/as franceses no noso centro, o que será seguro unha experiencia moi enriquecedora para todos e todas. Esperamos que Gabriela e Andrés o pasen moi ben e teñan moitas cousas que contar á volta! 

   

O equipo InnovaTechFP do IES de Chapela participou nunha sesión formativa do programa

As alumnas do 2º curso do CS de Documentación e Administración Sanitarias Sara Novo e Nerea Bueno, xunto coa profesora María del Mar Prieto, asistiron o pasado 18 de xaneiro á sesión formativa en técnicas de Design Thinking, que se desenvolveu no CIFP Manuel Antonio, como membros do equipo de InnovaTechFP. Deste equipo, que representa ao IES de Chapela no devandito programa, forman tamén parte os alumnos Adrián Blanco e Gonzalo Fernández, do mesmo ciclo formativo.

Convocadas as probas de acceso a ciclos formativos

Información sobre probas de acceso a ciclos formativos de grao medio: aquí.

Información sobre probas de acceso a ciclos formativos de grao superior: aquí.

XORNADAS DE PORTAS ABERTAS IES CHAPELA

MARISA VIDAL, PREMIO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA DE RELATOS

A nosa compañeira do departamento de Bioloxía MARISA VIDAL COLLAZO foi galardoada o día 20 de decembro co 1º premio do 11º concurso de relatos da deputación da Coruña: "#HoxeEscriboEn. Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña!. 

O concurso premia os relatos que visibilicen a riqueza cultural, paisaxística, natural, histórica, medioambiental... dos innumerables e máxicos lugares da provincia da Coruña.

O seu relato, referido ao concello de Ponteceso, ben merecido ten o 1º premio. Co título "Estou aquí", foi elixido por ser "un texto lírico que expresa con gran beleza os sentimentos e as emocións. O mar como parte da identidade e a evolución no tempo na paisaxe. Cabo Roncudo, a praia de Osmo, a praia de Arnela son os protagonistas deste sensorial relato" referido ao concello onde Marisa pasou a súa infancia.

O premio foi entregado polo deputado de Turismo: Xosé Regueira Varela e pola deputada de Cultura: Natividade de Jesús González Rodríguez. Invitámosvos a lelo xa que é unha marabilla. Parabéns.

   

 

 

Felices Festas

Escaparates de Nadal

O alumnado do módulo de Disposición e venda de produtos de Farmacia Modular elaborou nunha práctica na clase uns escaparates de Nadal, dous deles baseados no coidado da imaxe persoal e un deles na alimentación dos pequenos e pequenas, todo ambientado con ornamentación de Nadal apropiada para a época.

 

 

 

3º DE ESO PLANTANDO ÁRBORES

O LUNS 18 E O MARTES 19 O ALUMNADO DE 3º DE ESO FOI DE ANDAINA POLO RÍO PUGARIÑO ATA A MADROA PARA LEVAR A CABO UNHA IMPORTANTE INICIATIVA: PLANTAR ÁRBORES NUNHA ZONA DESPOBOADA CEDIDA POLA COMUNIDADE DE MONTES. CUNHA PANORÁMICA ESPECTACULAR SOBRE A RÍA E DA MAN DE ÁLVARO DIEGO FUENTES DA EMPRESA TARABELOS,  O ALUMNADO, A PESAR DAS BAIXAS TEMPERATURAS, FIXO UN BO TRABALLO PLANTANDO UN CENTO DE ÁRBORES DE VARIEDADES AUTÓCTONAS QUE FORON DOADOS POLO CONCELLO DE REDONDELA.

O IES CHAPELA na prensa (Faro de Vigo)

Kiosko prensa ibérica

PATINAXE NA PISTA DE XEO DE SAMIL

O ALUMNADO DA ESO E BACHARELATO ACHEGOUSE ATA A PISTA DE XEO DE SAMIL PARA PRACTICAR ESTE DIVERTIDO DEPORTE.

HOUBO ALGUNHA CAÍDA, ALGÚN QUE OUTRO TROPEZO, PERO MOITA DIVERSIÓN!

Distribuir contido