Skip to Content

Animación á lectura

(clica sobre a imaxe para ver a información)

Mochilas viaxeiras

 

 A semana pasada comezaron a súa andaina as Mochilas Viaxeiras da nosa "biblio".  Xa que os pais e nais do noso alumnado non dispoñen de tempo para acudir á nosa biblioteca; é ela a que se achega ás casas, ás familias, para dar a coñecer unha pequena mostra dos seus fondos e facilitar o desfrute de compartir as lecturas en familia.

Cada mochila leva no seu "bandullo" unha selección de libros de diversos xéneros pensados para que comparta e disfrute toda a familia (álbum ilustrado, poesía, cómic, revista, dvd,...) e que permanecerá en cada casa durante uha semana.

Ao lote de libros acompaña tamén un caderno, que demos en chamar "o caderno viaxeiro", que será o diario de viaxe da mochila. Nel queremos que as familias comenten a súa experiencia e nos fagan chegar calquera suxestión que lles parezca de interese. Este curso a expereincia será piloto nun par de niveis; pero pretendemos que o vindeiro, esta actividade poida extenderse a todo o alumnado.

 

BOA VIAXE, MOCHILAS!!

Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar

 

Como remate das actividades do Día da Paz vimos unha película de debuxos animados "Historia de una gaviota y del gato que le enseñó a volar" . Esta película está baseada no libro do mesmo título que Luis Sepúlveda escribiu para os seus fillos pequenos, a quen prometera escribir unha historia sobre o mal que os humanos coidamos do noso entorno e os danos que podemos producir a outros seres vivos.

Despois de ver a película é moi interesante ler o libro para comparar e ver as diferenzas que hai entre as dúas versións dunha historia. Neste caso verás que algúns personaxes da película non están na novela e que o guión tamén está algo modificado.

Consulta a ficha do libro e anímate a ler e comparar. 

Lecturas para a Paz

 

A zona de exposición da nosa biblioteca acollerá durante un tempo Lecturas para a Paz, unha escolma de libros que contan fermosas historias con temas relacionados coa Paz. Historias que lembran o horror das guerras como "Guernica" ou "Comandante Hussi"; historias de inmigrantes e a súa dificil adaptación a novos países hostiles como "A lagoa das nenas mudas"; ou contos que nos axudarán a coñecer a outros pobos e os seus costumes, para comprendelos e aprender a convivir xuntos en Paz. Moitos deles teñen ademais fermosas ilustracións que añaden interese e disfrute á súa lectura. Non deixes de achegarte para coñecelos!!

Na "biblio" e nas aulas contarás cunha pequena guía sobre algúns destes libros que che poderá orientar sobre a súa temática.

CONTOS PARA A PAZ

 

 

O arco da vella é un dos símbolos máis coñecidos relacionados coa paz, a unión de tódolas cores dá orixe a un dos fenómenos máis fermosos da natureza, pero...coñeces a súa lenda?: LA LEYENDA DEL ARCOIRIS.

Para conseguir a Paz, non se trata de aillarse  e escapar do mundo axitado senón de...¿?: BUSCANDO A PAZ

Dous libros premiados

 

Chegaron á nosa "biblio" dous libros recén premiados que vos recomendo (se premes nos títulos terás máis información )

 Alfredo Gomez Cerdá recibiu o XIX premio Ala Delta co seu libro "Barro de Medellín" onde narra a historia da dura vida de dous rapaces dunha bisbarra marxinal na cidade de Medellín. A pesar da crudeza da situación a historia ten tenrura e o encontro cos libros abre unha luz de esperanza na mísera vida dos protagonistas.

Pilar Lozano Carbayo gañou o premio Edebé de literatura infantil co libro "!No es tan fácil ser niño!". Nel o protagonista conta en primeira persoa certos problemas que ten na escola con algún compañeiro.

Libros para este Nadal

 

Hei, colegas! non esquezades pedir este nadal algún libro, pero algún chulo, moi especial, que teñades moooooitas gañas de ler e disfrutar.

Nas librerías preséntanse moitas novidades durante estas datas, podedes botar unha ollada. Eu tamén quero recomendarvos algúns chulos que sei que vós gustarán (premede)

ESTAMOS DE MEDO

Ao fío da celebración do Samaín, e como nos gusta o medo a rabiar, decidimos adicar unha tempada a falar e escribir sobre o medo, a ler e contar historias que nos dan arrepios, a debuxar personaxes terroríficos para decorar a exposición que titulamos: "ESTAMOS DE MEDO"
Nas aulas falamos dos nosos medos e descubrimos que todos e todas temos medos comúns: á escuridade, a quedar sós, á treboada con tronos e relampos, ao dentista, aos cans ladradores, … Tamén descubrimos que é normal ter medo, é unha forma de protección, pero hai certos medos que é importante esforzarse por superalos.
A zona de exposición da nosa "biblio" acolleu libros e os diversos traballos que se fixeron nas aulas:
- Unha selección de libros da nosa colección, que contan historias de medo, saíron dos seus andeis para contar as súas historias aos que quixeron levalos en préstamo.
- Medo me dás: o alumnado de infantil fixo un gran mural onde aparecen tódolos monstros que levan dentro. Representáronse a si mesmos coma personaxes de terror: bruxas, ogros, demos,…poñendo as caras máis feas e arrepiantes que puideron!!
 - Ilustración: Debuxamos personaxes e esceas terroríficos para decorar as paredes da nosa exposición. Os infantís pintaron tres enormes personaxes arrepiantes: unha bruxa a cabalo da súa vasoira, un grandísimo dragón verde voando e un monstro redondo cunha fea lingua vermella…que medo!!
- Nun libro titulado “Seres fantásticos” atopamos seres mitolóxicos e escollemos para o noso taboleiro os máis arrepiantes. (Preme aquí para velos)
- Conta, conta, que arrepío!! : preparamos contos de medo, lendo os libros que nos propuxeron dende a "biblio", e os contamos nunha sesión arrepiante...á luz do candil
- Mamasiña, que medo!!: escribimos anécdotas reais ou pequenos contos co medo como protagonista.
- "Adiviñas monstruosas Imitamos o bo facer de Gloria Sánchez no seu libro, compoñendo sinxelas adiviñas.
 
Que pasada!! Un montón de actividades para poñernos os pelos de puntaaaaaaa!!!!!!

Le algún destes contos, o pasarás de ... medoooooo!!!!

Eu non creo en pantasmas , e ti?

El tesoro escondido

Comezamos un novo curso

Ola, colegas! Xa sei que voltades con moitas gañas de traballar e de acudir de novo á nosa biblioteca. Os libros levan un verán moi aburrido e están desexando que os veñades a sacar dos seus andeis!!

Este curso conseguiremos que a nosa biblioteca vaia medrando en ofertas, actividades e lector@s. Sei que se mercaron novos libros, Dvds, Cds...e que estanse a preparar un montón de actividades para que todos e todas participedes.

Lembrade que hai un buzón de suxestións para recollar todo o que queirades aportar, é moi interesante coñece-la vosa opinión, pois a biblioteca debe satisfacer aos seus lectores e lectoras.

Estade atentos á zona de exposición e a esta páxina porque vos esperan moitas novas!!

En abril, libros mil

 

O mes de abril é un mes cargadiño de auga e de libros, de conmemoracións en torno ao libro. Comeza o día 2 coa conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil e case remata o 23 coa celebración do Dia Internacional do Libro.

Como en anos anteriores no noso colexio ímonos sumar a estas celebracións con diversas actividades conxuntas; ademais das actividades que cada titoría poida realizar en torno ao libro.


Contacontos para o alumnado de infantil
O día 28 de abril o alumnado de infantil disfrutará dun contacontos con Carme Domech, integrante do grupo de títeres Cachirulo, que durante unha hora enfiará diversos contos para o deleite dos máis cativos.

Encontro con Agustín Fernández Paz. Exposición sobre o autor.
Ese mesmo día o escritor Agustín Fernández Paz terá un encontro co alumnado de primaria en dúas sesións; unha co alumnado de 1º, 2º e 3º cursos; e a outra co alumnado restante.

No expositor da biblioteca podemos ver unha exposición con información sobre o autor e unha selección das súas obras, para que o alumnado as poida coñecer máis a fondo, ademais das traballadas nas aulas. Tamén se poñerá a disposición dos interesad@s unha guía de lectura sobre estas obras, que se poderán coller na biblioteca.

Pequena exposición-lembranza de O Quixote.
Para lembrar o significado da obra de Cervantes nese día, no expositor da nosa “biblio” poderemos relembrar a historia de O Quixote cunhas divertidas ilustracións e pequenos textos.(preme aquí para vela)

Agasallo simbólico dun libro entre compañeir@s.
Recollendo a tradición dalgúns lugares de agasallar cun libro para conmemorar o Día do Libro, realizaremos nas titorías unha actividade semellante. Sortéase o alumnado de maneira que cadaquén teña un compañeir@ segredo ao que agasallar. Para o Día do Libro deberán escoller un libro da súa propia colección, presentarano na aula e agasallarán de maneira simbólica ao compañeiro/a que lle tocara en sorte (só será un préstamo que se deberá devolver ao remate da lectura).

Os Simpson

¡Xa chegaron!
Dende hai un tempo era un clamor popular e unha forte demanda por parte d@s lector@s da nosa biblioteca a presenza da colección de cómics de Os Simpsons entre os nosos fondos.
Por fin, a semana pasada, chegou un cargamento recén saído da imprenta para os nosos forofos “simpsonianos”.
Esta popular familia que comezou sendo un programa de dous minutos na televisión en 1987, converteuse só dous anos despois, nun dos programas máis exitosos da televisión en todo o mundo.
Presentamos esta colección con dous carteis nos taboleiros da nosa biblio que podes ver aquí: A familia e Personaxes.
Clica aquí se queres visitar a súa páxina web.
Distribuir contido


by Dr. Radut