Skip to Content

Conto de medo

Eu non creo en pantasmas, e ti?

Faltaba só unha semana para a festa do primeiro de novembro. A mestra contou aos nenos e nenas de cuarto a tradición do Samaín que celebraban os celtas:

- Os celtas crían que a noite do Samaín, as ánimas dos mortos volvían aos seus fogares; e para guialos e ademais escorrentar aos malos espíritos, deixaban diante das súas portas as caveiras dos seus inimigos cunha candea acesa no interior. De aí vén a tradición de baleirar as cabazas.

Cando saíron da clase todos o comentaban e acordaron preparar as súas cabazas.
- Bah! Iso son paparruchas! As pantasmas non esisten, nin as bruxas. Son contos de vellos para asustar aos nenos- exclamou Fuco con desprezo.
- Pois eu creo que deberías ter máis respecto polas tradicións antigas - comentou Olalla.
- Ala vós se credes neses contos!- espetoulles Fuco mentres marchaba.

Os rapaces e rapazas estiveron preparando toda a semana as súas cabazas; agás Fuco, que non quería saber nada daquelas tonterías.

A noite do Samaín Fuco voltaba da casa da súa avoa. Coma outras veces aquela noite contoulle algún dos contos de medo que ela sabía. Era unha noite escura e chea de néboa. Polas rúas non se vía ren.

Cando chegou ao portal da casa suspirou aliviado. Non era medoñento, pero non lle gustaba iso de non ver por onde pisaba. Ao abri-la porta,...Miaaaaaaaaaauuuu!, saiulle un bicho berrando a fume de carozo!!. Fiiiiu!! Só era o gato da veciña!
Chamou polo ascensor, pero... Non funcionaba! Tería que subir a “patitas” os cinco andares ata a súa casa. Foi cara ás escaleiras escuras e prendeu a luz... non acendeu! Carafio, non lle facía gracia ter que subir ás apalpadas os cinco andares!

Comezou a subir tanteando os escalóns cos pés para non tropezar. No primeiro andar... BLAM!! escoitouse un portazo!. Pegou un brinco. O corazón saltoulle no peito. Continuou e, co corazón todavía desbocado, alcanzou o segundo andar. De súpeto, escoitou unha música suave e estraña que saía de detrás dunha porta. Puxéronselle de punta os peliños da pel!. Apurou o paso para chegar máis axiña á casa.

Ao chegar ao terceiro andar viu ao fondo do corredor unha luciña aboiando no aire. Non parou a mirar que era e os seus pés case voaban cara arriba. Estivo a piques de aterrar no chan do cuarto andar ao trastabillar no último chanzo. Cando recuperou o equilibrio... algo semellante a unha saba caeulle enriba da cabeza!!. Quitouna a toda présa e subiu escaleiras arriba coma un foguete. Só lle faltaba un andar e as pernas abaneábanlle co medo.

Por fin chegou diante da súa porta, chamou ao timbre. Mentres esperaba que lle abriran, sentiu unha man que se pousaba no seu ombreiro e unha voz cavernosa dixo: “Fuco, vimos por ti!”

Mamasiña, que medo! Creu que os espíritos dos que se burlara viñan a buscalo!!. Xirou con cara de arrepío e atopouse... con cabazas de caras monstrosas, iluminadas, aboiando no aire. “Non me levedes, por favor!!” suplicou Fuco tremendo de medo.

De súpeto, acendeuse a luz. Diante del estaban os seus compañeiros escachando coa risa e sostendo cadansúa cabaza. Déranlle un bo escarmento e un susto de morte!! Todo fora unha broma, pero Fuco nunca máis se burlou do Samaín.

Cristina S.


page | by Dr. Radut