Skip to Content

En abril, libros mil

 

O mes de abril é un mes cargadiño de auga e de libros, de conmemoracións en torno ao libro. Comeza o día 2 coa conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil e case remata o 23 coa celebración do Dia Internacional do Libro.

Como en anos anteriores no noso colexio ímonos sumar a estas celebracións con diversas actividades conxuntas; ademais das actividades que cada titoría poida realizar en torno ao libro.


Contacontos para o alumnado de infantil
O día 28 de abril o alumnado de infantil disfrutará dun contacontos con Carme Domech, integrante do grupo de títeres Cachirulo, que durante unha hora enfiará diversos contos para o deleite dos máis cativos.

Encontro con Agustín Fernández Paz. Exposición sobre o autor.
Ese mesmo día o escritor Agustín Fernández Paz terá un encontro co alumnado de primaria en dúas sesións; unha co alumnado de 1º, 2º e 3º cursos; e a outra co alumnado restante.

No expositor da biblioteca podemos ver unha exposición con información sobre o autor e unha selección das súas obras, para que o alumnado as poida coñecer máis a fondo, ademais das traballadas nas aulas. Tamén se poñerá a disposición dos interesad@s unha guía de lectura sobre estas obras, que se poderán coller na biblioteca.

Pequena exposición-lembranza de O Quixote.
Para lembrar o significado da obra de Cervantes nese día, no expositor da nosa “biblio” poderemos relembrar a historia de O Quixote cunhas divertidas ilustracións e pequenos textos.(preme aquí para vela)

Agasallo simbólico dun libro entre compañeir@s.
Recollendo a tradición dalgúns lugares de agasallar cun libro para conmemorar o Día do Libro, realizaremos nas titorías unha actividade semellante. Sortéase o alumnado de maneira que cadaquén teña un compañeir@ segredo ao que agasallar. Para o Día do Libro deberán escoller un libro da súa propia colección, presentarano na aula e agasallarán de maneira simbólica ao compañeiro/a que lle tocara en sorte (só será un préstamo que se deberá devolver ao remate da lectura).



page | by Dr. Radut