INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe provisional de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade

 

Normalización Lingüística

LIBRO RECOMENDADO

   O libro recomendado para o mes de xuño é "A esmorga" de Eduardo Blanco Amor

LIBRO RECOMENDADO

 

O libro recomendado para o mes de maio é "Os Eidos" de Uxío Novoneyra.

 

"Vai polo monte o camiño

outeando como un louco

polos caborcos do val

i as poxas do taramouco.

 

Cruza solo a serra toda

sin levar outra compaña

que a gran presencia do ceo

sobre o silencio da braña.

 

Eu no sein pra onde vai

méntral'o quedo mirando.

Sólo sein que eilí se compre

o soño que estoun soñando..."

LIBRO RECOMENDADO

 

O libro que recomendamos para o mes de abril é "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros. Foi Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009. Nel cóntase a historia de diferentes personaxes, Manuel, Lola e Eusebio, Aysel, a señora Filomena, Ana e tantos máis que coinciden cada mañá na cafetería de Patricia.

"- Avó, e ti onde dormes?

- Onde todos os avós.

- No cemiterio?... Debe ir frío aló.

- No cemiterio. Claro.

-Onda a avoa.

- Non, ela non. Ela está no ceo.

- Con Duque?

- Que Duque?

- Duque, o astronauta. Sae na televisión e anda polo espazo cun escafandro.

- Supoño. E onde anda o tal Duque hai estrelas?

- Claro.

- Pois nunha delas está a avoa."

LIBRO RECOMENDADO

 

O libro recomendado para este mes de marzo é "Millo verde" de Xosé Fernández Ferreiro. unha historia descarnada que acontece nun  instituto de Vilagrande do Sur. 

"Cando aquela mañá o profesor Xosé Mauel Ortiz Cancela levaba aproximadamente media hora dando a súa clase de lingua galega ós alumnos de Cou no instituto Concepción Arenal de Vilagrande do Sur, entrou na aula un bedel quen, logo de pedir o correspondente permiso, se acercou ao ensinante para lle dicir, en voz baixa, que nas porta do edificio había dous policias que preguntaban por el. "Queren falar con vostede", advertiu o home. O rostro do profesor mudou de cor e de actitude, mais tratou, o mellor que puido, de amosarse sereno ante os alumnos...."

 

 

LIBRO RECOMENDADO

 

 O libro recomendado para o mes de febreiro é "A fiestra valdeira" de Rafael Dieste. Editado en 1927, é un clásico do noso teatro. Nesta comedia de remate ledo, veremos como se ensarilla a vida de Don Miguel, xunto coa súa dona, a señora Balbina e a súa filla, Adelaida, na vila mariñeira de Rianxo.

"Na casa de don Miguel, vello de boa planta que foi mariñeiro na sua mocedade e fixo despois fortuna no Brasil. A sua indumentaria -traxe azul, botinas longas e esguías, camisa ocre de punto con corbata do mesmo tecido, e boina que até na casa leva posta- recorda, o mesmo que as suas estreitas patillas wagnerianas, a moda mariñeira do seu tempo. Non lonxe dunha grande fiestra por onde se ve a ribeira, as lanchas coas velas ou as redes postas a secar, o peirán vello e os montes abuados por unha brétema levián -galope azul da outra banda do mar-, palica don Miguel co Señor Baldomero, antergo e sabio mariñeiro que hai moitos anos foi coíl á escola. Os dous sentados en cadeiras cómodas -pero non preguiceiras- que deixan ceibe o corpo de és a cabaza, según convén aos seus lanzales movimentos espresivos, de pausada amplitude ou con enérxicos repentes, a estilo mariñeiro..."

LIBRO RECOMENDADO

 

 

 O libro recomendado para o mes de xaneiro é "No ventre do silencio" de X.L. Méndez Ferrín. Novela ambientada na Compostela dos anos cincuenta na que o autor reconstrúe a memoria dunha época dominada polo escurantismo, o cheiro a incenso e o fanatismo político. Parodia e superación do xénero da estudiantina, é tamén unha novela de iniciación, de aprendizaxe nun tempo de silencio.

 

"Aquilo debeu de ocorrer polo tempo no que en Santiago ardían os buzóns de correos; ou sexa, antes de que os da Centuria, comunmente chamados os Centurións, botasen o cantullo no aceite fervendo da churrería e máis ou menos na época en que todo o mundo comentaba o incidente do guateque na de Heloísa Castiñeiras Vaz.

Santiago, daquela, estaba cheo de fendeduras. Nas rúas podían abrirse laños que, en calquera intre, darían en afondar até se converteren en abismos dos cales tranquilamente era capaz de que fumegasen fétidas solfataras tornasoladas. Non todos estaban no segredo, pero os verdadeiramente coñecedores..."

LIBRO RECOMENDADO

O libro recomendado para o mes de decembro é "Merlín e familia" de Álvaro Cunqueiro. Esta obra é un dos clásicos da nosa literatura. Felipe de Amancia, paxe do mago Melín, lévanos cos seus relatos a un universo fascinante e engaiolador no que se mestura o mundo cotián co mito.

"Quizabes millor que decila fora pintala, a selva de Esmelle, que cai á man dereita, vindo pra iste reino pola banda de León. el, o camiño que eu levei deica o campo dos Trobos, adréntase rubindo volta a volta pola fraga de Eirís, que é tan mesta: o camiño vai un pouco a rentes do río, e cando gana o chan,..."

LIBRO RECOMENDADO

 

O libro recomendado para o mes de novembro é "A represión lingüística en Galica no século XX" de María Pilar Freitas. Nun momento en que desde algúns sectores minoritarios da sociedade se pide a derrogación da Lei de Normalización Lingüística e, en nome da liberdade, se pretende revogar o decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, ou mesmo se propón lexislar para protexer o castelán fronte á imposición das outras linguas españolas, este libro vén demostrar que se houbo unha lingua reprimida e perseguida en Galiza, esta foi o galego.

"No ano 2006 cumpríronse setenta e cinco anos da proclamación da II República e setenta do comezo da guerra civil, e con tal motivo foi declarado Ano da Recuperación da Memoria Histórica polos Parlamentos español e galego. Con este traballo queremos achegar un pequeno gran de millo que coadxuve a (re)escribir a historia cultural máis recente de Galiza..."

LIBRO RECOMENDADO

 

O libro recomendado para o mes de outubro é "O triángulo de Óscar Wilde" de Xerardo Agrafoxo. Nel atoparás nove relatos tensos e vibrantes nos que se mestura o cine coa literatura e a plástica, poderás viaxar á Toscana, visitar Sicilia, pasar por Cornualles e outros lugares sen saires da túa casa.

"O e-mail de Adriana chegou puntual á cita. Unhas calculadas frases, peneiradas por un sorprendente lirismo, nas que se deixaba translucir a súa personalidade. A soñada espera, durante o primeiro mes de verán que anunciaba a celebración da capitalidade cultural na súa cidade de residencia, levárao nas semanas anteriores a reler con interese diferentes mapas..."

LIBRO RECOMENDADO

O libro recomendado para o mes de setembro é "Herba Moura" de Teresa Moure, premio Xerais de novela do ano 2005.  Con esta obra engaiolante viaxaremos ao século XVII, alí atoparemos a Descartes, á raiña Christina de Suecia ou a Hélène Jans, meiga residente en Amsterdam, vivindo con eles unha historia de amor e amizade.

"Nesta primavera Estocolmo semella non dar acordado do seu letargo invernal. Aínda non apareceron os paxaros, nin moito menos as flores ou as bolboretas, que as árbores continúan lucindo núas e mesmo se diría que aos días lles custa medrar logo dun inverno tan cru como o que caeu por estas benditas terras de setemtrión. Está anoitecendo na praza de Stortoget...."

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer