INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

       
PROBAS LIBRES 2022-2023

                 

 

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2023-2024

 

Normalización Lingüística

Quen es e de onde vés? A importancia dos nomes propios

Quen es e de onde vés? A importancia dos nomes propios

A cargo do Equipo de Dinamización Lingüística organizouse o mércores 12 de abril un obradoiro para os rapaces de 1º de ESO sobre A importancia dos nomes propios . Foi impartido pola persoa idónea para tal fin, a investigadora Luz Méndez. Ela sabe chegar ós alumnos desa idade e enfocar o tema para ese nivel, como ninguén o sabe facer. Adecuou o relatorio contexto concreto dos nosos barrios  para sentírmonos perfectamente identificados

 Luz Méndez naceu en Ventosa (Agolada, Pontevedra) en 1965. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en Filoloxía Galega en 1988, e se doutorou en 2016. É membro do Seminario de Onomástica da RAG, da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e membro fundadora da Asociación Galega de Onomástica. Exerceu de  profesora na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo desde 1998 a 2005 e investigadora externa do Instituto da Lingua Galega. Na actualidade participa na elaboración do Dicionario de Apelidos Galegos.

Desde 1989 é Asesora Lingüística da Televisión de Galicia, onde tamén foi directora do programa de lingua Cazador de Palabras e coordinadora do proxecto Atlas Mundial Galego online.

Aínda que ten estudado e escrito sobre distintos ámbitos da filoloxía, a súa actividade investigadora principal céntrase na onomástica, campo en que se desenvolven os seus principais libros, artigos e edicións científicas.

Proba do éxito da súa intervención foi o enxame de mans levantadas co que houbo de pecharse o acto sen poder respostar máis que a media ducia das preguntas que os alumnos tiñan preparadas para a relatora ao respecto dos seus propios nomes e dos nomes das súas aldeas ou das dos seus avós

Terceiro Premio Minerva na categoría de poesía para para Candela Martínez Ferro de 1º de Bacharelato

Candela Martínez Ferro, alumna de 1º de Bacharelato do IES Lamas de Abade,  ganou o terceiro premio da cuadraxésimo novena edición do Concurso Minerva do IES Peleteiro na categoria de poesía. Onte, 14 de abril, recolleu o premio (250€ e medalla de prata) de mans do mantedor do acto, Ramón Villares Paz, catedrático de Historia da USC e membro da Real Academia Galega.

Se premes na  imaxe da galardoada poderás ver a entrega do premio e escoitar un dos tres poemas ganadores na voz da propia autora.

PARABÉNS!!!!

 

 

Celebración do Día Internacional da Muller

Tres alumnas de 3ºB ESO interpretaron unha canción das Tanxugueiras que xa coñecemos no instituto, Que non mo neguen, para celebrar o Día Internacional da Muller. Son Noa Rey Iglesias e Carla Ferro Castiñeiras, acompañadas á pandeireta por Laura Munín Rodríguez.

Queda moito por andar pero imos facendo camiño.

Se premes nesta imaxe poderás ver o vídeo.

Catro premios no Concurso de Viñetas da Deputación da Coruña

Nin un, nin dous, nin tres. Catro premios conseguimos no Concurso de Viñetas da Área de Igualdade da Deputación da Coruña. O tema deste ano era Novas Masculinidades e o obxectivo reflexionar e mudar mentalidades  e facer camiño cara a unha masculinidade alternativa máis igualitaria.

E iso foi o que representaron as alumnas ganadoras nas súas viñetas: masculinidades non hexemónicas, que buscan desaprender os roles de xénero adquiridos. Os homes de hoxe en día xa non teñen que ser fortes, independentes, heterosexuais, protectores, con excesivo control emocional... e sobre todo non viven afastados dos espazos de coidado, limpeza e atención a outras persoas.

As restricións sanitarias non permitiron (outr vez!) a realización dun acto de entrega dos premios que lles foron enviados ás alumnas ás súas cass. Trátase destas cinco alumnas de 3º de ESO (categoría de 12 a 14 anos) e de unha de 4º (categoría de 15 a 16 anos).

 1º premio para Valería García Ferro e Cristina Sixto Pereira de 3º A que conseguiron un IPAD PRO e unha colección de cómics.

                                 

                                     

 

2º premio para Noa Rey Iglesias e Norhaili Victoria Marzol Segovia de 3º B e A respectivamente que conseguiron un IPAD AIR e unha colección de cómics.

 

                

3º premio para Alejandra Quiñoy Miramontes que ganou un IPAD e a correspondente colección de cómics.

                                     

 

Por outro lado, Iria Estévez de 4º ESO A conseguiu un 2º premio: un IPAD AIR e, por suposto, unha colección de cómics.

                               

 PARABÉNS PARA TODAS E UN ORGULLO PARA O LAMAS DE ABADE!!!!

Por terceiro ano consecutivo, un alumno do Lamas consegue un premio no concurso de Mellor Xornalista de La Voz de Galicia.

Por terceiro ano consecutivo, un alumno do IES Lamas de Abade resultou premiado no Concurso Mellor Xornalista de La Voz de Galicia. Trátase de Julio Pérez Sánchez, alumno de 2º de bacharelato que conseguiu o terceiro premio da categoría xuvenil cun artigo sobre o uso do teléfono móbil na aula.

No ano 2018, David Furelos (2º ESO) conseguía tamén un terceiro premio por unha entrevista realizada a un fogueteiro da súa aldea. E no 2019 a ganadora foi Nerea Mera (1º ESO) cunha entrevista á súa bisavoa sobre as súas vivencias durante a Guerra Civil.

Este ano, a pandemia non permitiu a realización de ningún evento para a entrega de premios. que serán enviados aos respectivos colexios e institutos dos ganadores. Nin sequera se publicaron os textos premiados na sección de La Voz de la Escuela como viña sendo habitual nos últimos anos.

Para solucionar ese inconveniente, velaquí o artigo de Julio, que como bo xornalista escolleu un tema actual, relevante e mesmo polémico. Lembrade que o curso pasado o uso do teléfono móbil dentro do instituto foi unha cuestión moi discutida.

O móbil na aula: vantaxe ou desvantaxe?

Moitas persoas pensan que sería beneficioso poder aproveitar os novos avances tecnolóxicos que fan posible que teñamos nas nosas mans a fortuna de realizar miles de tarefas comodamente, tarefas que antes eran moito máis complexas e incluso inimaxinables.

Outras moitas persoas opinan que os móbiles nas aulas poden ser grandes distraccións e que poden traer poblemas de atención e de concentración, debido ás constantes notificacións que recibimos durante o día e á necesidade que sentimos de revisalas a miúdo; e influír negativamente no rendemento escolar.

Claramente estes deben ser factores a considerar, mais debemos ter en conta a realidade actual: a gran maioría dos adolescentes teñen un teléfono móbil. Isto podería ser unha vantaxe, xa que ademais eses teléfonos móbiles teñen acceso a internet. O sistema educativo debería poder ver os teléfonos non como un inimigo que hai que prohibir senón como un aliado na educación.

Hoxe en día, hai miles de plataformas educativas na internet que teñen como obxectivo facilitar a aprendizaxe do alumnado e así poder axudarlle ao profesorado. Un exemplo poderían ser as plataformas educativas que empregan a tecnoloxía da realidade aumentada para poder proxectar imaxes virtuais da vida real. Por exemplo, os alumnos poderían facer aparecer un sistema solar nos seus pupitres grazas aos móbiles ou incluso ver os diferentes sistemas que hai no organismo con todo tipo de detalles.

Ademais de ser unha grande axuda, podería reforzar a atención dos alumnas e alumnas xa que se concentrarían na parte educativa dos teléfonos.

En conclusión, creo que a utilización de teléfonos móbiles nas aulas, podería ser moi útil na aprendizaxe e sobre todo reduciría as distraccións xa que o alumnado tería a atención posta nos móbiles pero á vez estaría aprendendo e facendo dese xeito que a ensinanza sexa máis interactiva, máis adaptada á tecnoloxía actual, menos aburrida e incluso máis eficaz.

 

 

 

Entrega de premios do Certame de Banda Deseñada do IES Xelmírez I

O pasado venres, 11 de decembro, entregáronse os premios do VIII Certame de Banda Deseñada AX1 do IES Xelmírez I, no que resultou galardoada a nosa alumna Iría Estévez, hoxe en 4º da ESO, pero que estaba en 3º cando se pechou o prazo para a entrega das obras participantes. No mesmo evento, tamén se entregaron os premios do Certame de Ensaio Subersivo Guillermo Domínguez.

A pandemia non permitiu a celebración deste evento ata a actualidade, non obstante, non lle restou brillo nin prestixio. Así, contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade,  Román Rodríguez González, que pechou o acto, e tamén coa actuación do grupo Milladoiro, no marco da Xira Conmemorativa do seu 40 aniversario.

Ademais do premio en metálico, todas as obras recóllense nunha publicación exclusiva.  Parabéns para Iría e bos desexos para que siga ganado moitos premios.

Se premes na seguinte ligazón, accedes á páxina web do instituto que recolle varias fotografias do acto.

 

 

Entrega de premios do II Concurso de booktrailers

Por fin  puidemos entregar os premios ás ganadoras do II Concurso de Booktrailers: Lis Castro Vázquez e Rita Domínguez Lores, daquela alumnas respectivamente de 1º ESO A e 1º Bacharelato A. Aínda que o concurso se resolveu xa no mes de xuño como estaba previsto, non puidemos entregar os premios ata estes días.

  

 

As técnicas empregadas nos seus videos, que podedes ver premendo nas imaxes seguintes, son moi distintas pero ambas recollen perfectamente  a esencia dos libros que promocionan: O misterio dos fillos de Lúa  (de Fina Casalderrey) e Sen piedade (de Pedro Feijoo)

                                 

 O equipo de Dinamización Lingüística do instituto felicita as premiadas e anima a todo o alumnado a participar no concurso porque ás veces ganase.

 

 

II Premios á Calidade Lingüística do Proxectos de FP

O mércores, 11 de novembro,  entregáronse os II Premios a Calidade Lingüística dos Proxectos de FP á 9 alumnas, todas elas mulleres, de varios dos ciclos impartidos no noso centro: Angela Abelenda, Lidia Calo, Sandra Brenlla, Antia Villamediana, Nerea Sánchez, Aroa Sánchez, Laura González, Uxía León e Sandra Viadel.

 

 

 

Ademais do premio en metálico (100 € para cada proxecto ganador) e do diploma acreditativo, recibiron un libro, cortesía da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Se todas as premiadas eran mulleres, tamén as encargadas da entrega do premio o eran: María Dolores Picón, directora do instituto, Pura Galán, coordinadora dos equipos de Dinamización Lingüística da provincia da Coruña e Isabel Senra, inspectora do instituto .

 

O equipo de Dinamización da lingua galega do instituto destacou as escollas léxicas, a escrupulosa selección de contidos e, en xeral, a calidade de todos os proxectos presentados.

O acto tamén serviu para presentar a III convocatoria dos Premios á Calidade Lingüística do curso 2020/21 que se resolverán no outono do 2021 e que previsiblemente sexan xa a nivel autonómico, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística tanto na organización como na dotación económica.

 

Memorando

 

Se queres  ver a curtametraxe Memorando preme sobre a imaxe do cartel.     

 

                          

Segundo premio do Concurso de Banda Deseñada AX1 do IES Xelmirez

Parabéns para Iria Estévez, alumna de 4º da ESO, que ganou o segundo premio do VIII Concurso de Banda Deseñada AX1 convocado polo IES Xelmirez en colaboración coa Secretaria Xeral de Política Lingüística. Velaquí a portada e primeira páxina de "Breixo", obra que xira arredor da diversidade sexual e identidade de xénero, porque non abonda con debuxar ben, tamén hai que contar unha boa historia.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer