INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe definitiva de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade o día 22-05-2024

 

Normalización Lingüística

A porcentaxe de nenos castelánfalantes case duplica aos de galego

A porcentaxe de nenos castelánfalantes case duplica aos de galego

Segundo o Instituto de Estatística o 56,4% dos galegos ten como lingua preferente do país fronte a un 42,6% que ten o castelán. A perda de falantes é especialmente dramática nas zonas urbanas e entre a xente nova.

VIEIROS 15/04/2010

En 2003 o 43% dos galegos declaraban falar sempre a lingua propia. Cinco anos despois a porcentaxe de monolingües declarados é trece puntos menor (30%), o que significa practicamente a perda dun terzo deste tipo de falantes. Quen achega tan dramáticos datos é un organismo oficial que depende da Xunta de Galiza, o Instituto Galego de Estatística na súa Enquisa de condicións de vida das familias do ano 2008.

Pero a onde vai ese terzo de galegofalantes que se perde? Analizando as táboas estatísticas pode comprobarse que no período 2003-2008 aumenta oito puntos o número de persoas que empregando máis o galego tamén utilizan en menor medida o castelán (26,4%).

Pola súa conta, a poboación que emprega o castelán de xeito exclusivo aumenta cinco décimas con respecto a 2003 e sitúase, segundo o IGE, nun 20,1%. Tamén hai máis persoas que, empregando as dúas linguas, priorizan a castelán (22,5%).

En termos xerais, en 2008 un 56,4% das persoas que respostaron a enquisa afirman falar só galego ou máis galego ca castelán. O 42,6% falarían só castelán ou maioritariamente en castelán. Os datos de 2003 apuntaban a que un 61,2% da poboación falaba só ou maioritariamente en galego fronte a un 38,3% que facía o propio na lingua allea.

O galego perde por goleada entre os máis novos
Se xa é preocupante a caída de uso do galego en termos xerais, particularmente dramático é o emprego da lingua entre a xente máis nova. O 29,6% dos rapaces entre 5 e 14 anos empregan só o castelán, fronte a pouco máis dun 15% que o fan en galego. Tan só entre os maiores de 50 anos hai máis galegofalantes habituais que castelánfalantes.

Outro dato que revela a escasa normalización da nosa lingua é que só o 15% dos cidadáns escriben habitualmente en galego, fronte a case un 83% que o fai case sempre en castelán.

As familias galegofalantes case marxinais nas áreas urbanas

Nas grandes cidades a porcentaxe de galegofalantes habituais é moi minoritaria. Así en Ferrol só o 3,93% dos fogares ten como lingua habitual de todos os seus membros o galego; en Vigo, o 3,96%; na Coruña, o 5,34%; en Pontevedra, un 6,74%; en Lugo, un 10,45%; en Compostela, un 10,62%; e en Ourense un 13,59%.

As comarcas onde o galego é lingua habitual hexemónica son Costa da Morte, Bergantiños, Ordes, Arzúa, Melide, O Carballiño, O Ribeiro, Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Verín e Viana.

Podes ver aquí o informe completo do IGE

Podes premer no enlace para ver a nova en VIEIROS http://www.vieiros.com/nova/79153/a-porcentaxe-de-nenos-castelanfalantes-case-duplica-aos-de-galego

ENQUISA DO IGE

ENQUISA DO IGE

 Só un terzo dous habitantes dás sete urbes teñen non galego a súa lingua habitual, fronte ao 56% que se declaran galegofalantes non conxunto dá comunidade.

 Xesús Fraga

 VOZ DE GALICIA 18/4/2010

 Nas sete principais cidades galegas o castelán é a lingua que a maioría dous seus habitantes escollen para comunicarse habitualmente. Segundo a enquisa de condicións de vida dás familias que divulgou esta semana ou Instituto Galego de Estatística (IGE), as porcentaxes de cidadáns que teñen non castelán ou seu idioma cotiá supera ao galego en todas as localidades, agás Santiago. En Ferrol, ou 81% dous enquisados falan sempre en castelán ou máis castelán ca galego, porcentaxe que non caso de Vigo situar non 74%, e non dá Coruña, non 72%. En Pontevedra a proporción é do 68%, mentres que Lugo e Ourense achéganse a unha posición máis equilibrada, con 52 e 53%, respectivamente. Santiago é a única dás sete cidades nas que ou galego é maioritario, ou idioma habitual do 53% dous enquisados. Lestes datos corresponden ao ano 2008. Tomadas en conxunto, nas sete cidades falan galego de xeito frecuente algo máis dun terzo dous seus habitantes (36%), unha proporción moi por debaixo dá media dá comunidade, que, segundo vos datos do IGE, estaba non 56% non 2008, despois de baixar dunha porcentaxe do 61% non 2003. En termos numéricos, Vigo é a cidade con máis galegofalantes (67.200), pero tamén con máis castelanfalantes (204.300). Na Coruña empregan habitualmente ou galego 62.000 persoas, mentres que 167.500 exprésanse en castelán. Pero esta alta proporción de persoas que optan polo castelán non tradúcese nun descoñecemento do galego. De feito, as porcentaxes de enquisados que responderon «pouco ou nada» con respecto ao seu coñecemento dá lingua están arredor do 7%, aínda que é rechamante ou 12,8% de Vigo. As proporcións dous que din que saben falar galego tamén son altas, arredor do 82% nas sete cidades, habilidade que baixa cando chega ou momento de escribilo. En consecuencia, ou castelán é, por abafadora maioría, a lingua de preferencia na escrita, chegando mesmo ao 96,4% en Ferrol. En consonancia co seu predominio como lingua habitual, ou castelán é ou idioma non que moitos habitantes dás cidades aprenderon a falar. É maioría en Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo, mentres que en Santiago, Lugo e Ourense é ou galego a primeira lingua. Destes datos desprender que só un cuarto dous residentes nas sete cidades aprenderon a falar nos dous idiomas. Castelanización Historicamente, as cidades viviron un proceso de castelanización moi profundo vinculado á presenza do Estado e vos poderes, segundo ou sociolingüista Gabriel Rei-Doval, profesor dá Universidade de Wisconsin e autor do estudo A lingua galega na cidade non século XX (Xerais). Neste traballo, sostén que mudou considerablemente a identificación do galego como lingua rural e ou castelán como sinónimo de medio urbano. Na presentación do libro, Rei-Doval explicou que nos últimos trinta anos nas cidades avanzou considerablemente a percepción social do galego: «Quizais agora haxa menos falantes, pero vos que ou fan son máis leais e máis competentes». Para este experto, que haxa xente que non fale galego habitualmente non significa que estea en contra dá lingua.

Para ver a nova no xornal podes premer http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/04/18/0003_8425216.htm?idioma=...

Contra o 'decretazo', concertazo

Contra o 'decretazo', concertazo

Un total de 15 artistas participarán o vindeiro sábado 17 nun festival de música organizado por Queremos Galego.

Vieiros 09/04/2010

Berrogüetto, Ruxe-Ruxe, Luar na Lubre, Fuxan os Ventos, Os tres trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García MC, Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía Senlle, Zurrumalla e a Asociación de Gaiteiros Galegos. Este é o cartaz da resposta musical que a Plataforma Queremos Galego está a preparar en contra do “mal chamado decreto do plurilingüismo”. Será nun macrofestival musical que se celebrará o vindeiro sábado 17 de abril a partir das sete e media da tarde no Recinto Feiral de Pontevedra.

“A sociedade díxolle non ás políticas contra o galego deste goberno de moitas maneiras, agora dirémosllo cantando”, dixo Carlos Callón, portavoz da Plataforma, na presentación do concerto. Segundo explicou, o festival “está chamado a ser, polas súas dimensións organizativas e a calidade artística dos grupos e artistas participantes, un dos maiores fitos culturais da historia recente do país”. Ademais, agradeceu a desinteresada colaboración de todos os grupos, así como a súa “extraordinaria calidade” e as súas “mostras máis que exemplares de compromiso coa nosa lingua e cultura”.

As entradas xa se poden adquirir ao prezo de 10 euros en venda anticipada (12 euros na billeteira do recinto, o propio día do concerto) en máis de medio cento de locais colaboran na súa venda en todas as comarcas do país ou a través da web de Queremos Galego. Demostrarase así, nas palabras de Uxía Senlle que “a música, ademais de ser un espazo extraordinario para expresar reivindicacións xustas e lexítimas, é un vehículo idóneo para transmitir toda a forza, o amor e a vida da nosa lingua propia, o galego”.

Podes ver a información  en Vieiros premendo

http://www.vieiros.com/nova/79065/contra-o-decretazo-concertazo

A Biblioteca Nacional de Francia contará cunha sección de literatura infantil e xuvenil en lingua galega

A Biblioteca Nacional de Francia contará cunha sección de literatura infantil e xuvenil en lingua galega

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización, Iolanda Veloso, reuníronse coa responsábel dos fondos en galego.

VIEIROS 08/04/2010

O Concello de Vigo anunciou unha doazón bibliográfica á Biblioteca Nacional de Francia, en París, logo de se confirmar o interese do centro en crear unha sección de literatura infantil e xuvenil en lingua galega.

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, mantiveron esta cuarta feira unha xuntanza coa xestora dos fondos en galego desta biblioteca francesa, Marie-Isabelle Prado.

Domínguez asegurou que a inauguración desta sección "vai prestixiar a nosa lingua, a nosa creación literaria e difundir a nosa cidade", e informou de que unha delegación do Concello viaxará París coa dotación, integrada por fondos propios e outros achegado por editoriais do país.

Interese do centro parisiense

A iniciativa, explicou, partiu do Clube de lectura de francés da Biblioteca Central de Vigo, que se puxo en contacto coa parisiense, e que para "a súa sorpresa -engadiu Domínguez- mostraron moito interese por crear unha sección bibliográfica de literatura infantil e xuvenil en galego".

Pola súa banda, Iolanda Veloso salientou que o feito de que a Biblioteca Nacional de Francia se interese pola creación desta sección "demostra que o galego é unha lingua universal". Dende Normalización Lingüística, dixo, manterase un estreito contacto para incrementar os fondos, e destacou a importancia de que o galego sexa promovido "máis alá de Galiza".

Podes ver a información en VIEIROS premendo no enlace 

http://www.vieiros.com/nova/79047/a-biblioteca-nacional-de-francia-contara-cunha-seccion-de-literatura-infantil-e-xuvenil-en-lingua-galega

Abandonando a retórica… sobre o novo decreto do plurilingüismo, artigo publicado en Vieiros por Mariló Candedo

 Abandonando a retórica… sobre o novo decreto do plurilingüismo.

 Mariló Candedo

VIEIROS 26/03/2010

As últimas declaracións do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística non poden ser máis esclarecedoras sobre as intencións do novo decreto do plurilingüismo.

O Conselleiro de Educación declara que o 60% dos centros imparte máis da metade das materias en galego e que a sociedade o rexeita. Aínda que resulta difícil outorgarlles credibilidade a estas afirmacións, cando menos permiten considerar novos interrogantes sobre o futuro da nova norma que pretenden aprobar.

O primeiro que cómpre sinalar é que os centros que foron dando pasos a prol do noso idioma fixérono desde o máis escrupuloso respecto á legalidade vixente e á traxectoria previsible neste ámbito, logo do pacto lingüístico promovido polo goberno do PP e acordado no Parlamento en 2004. Ningunha das normas anteriores a este anteproxecto, decretos do 95 e do 2007, sustentado este no devandito PXNLG, lle estableceron límites á promoción do galego no ensino, máis aló dos que se derivan da obriga de acadar competencias suficientes nas dúas linguas oficiais.

Se, por primeira vez na historia da normalización lingüística, se optase por lle poñer límites a esta promoción, estarase obrigando a eses centros e ás comunidades educativas de referencia a renunciaren aos obxectivos normalizadores que inspiraron os seus proxectos lingüísticos e educativos. É dicir, se o que di o conselleiro é certo, a nova norma porá fóra de xogo máis da metade dos centros e comunidades educativas deste país. Parece evidente que, por primeira vez, estamos diante dunha norma regresiva para a protección e a promoción do galego, o que sería contrario ao estipulado na LNL de 1983.

A cuestión do rexeitamento social a estes proxectos e á legalidade que os ampara forma parte do mantra de “imposición lingüística” ao que volven sen pudor para agocharen tanto o seu desleixo dos compromisos adquiridos co conxunto da cidadanía, plasmados no PXNLG, canto a falta de apoios á nova proposta normativa. Convén matizar aquí que a alta porcentaxe manexada na primeira das afirmacións pon en cuestión a existencia dunha maioría social que rexeite tales medidas. De ser certo habería moito máis “ruído” nas comunidades educativas e os representantes dos distintos sectores (familias, alumnado e profesorado) coidaríanse ben de demandar algo que non conta co suficiente apoio social.

Sobre as representacións e os apoios sociais é sabido que, en relación coas “Bases” presentadas a finais do ano pasado, o dato máis claro é xustamente o consenso en contra do texto. Respecto da nova proposta só hai dous colectivos que parecen agora satisfeitos, GB e a Concapa. Parece ser que para o goberno e o partido que o sostén o seu apoio xustifica o cambio da norma, toda vez que representa a voz inaudible da “maioría silenciosa”.

O Secretario Xeral de Política Lingüística acaba de reafirmarse no criterio do equilibrio de ambas as linguas, inamovible no enunciado actual da norma e no futuro, malia que as probas de avaliación de competencias en idiomas, que se prevén para as etapas de primaria e secundaria, constaten unha redución do coñecemento en galego. Non é sorprendente a afirmación, toda vez que a propia norma proposta despreza calquera dato obxectivo procedente de estudos sociolingüísticos sobre o uso do galego no ensino, ou sobre a perda de falantes, ou sobre as competencias lingüísticas en ambas linguas baixo modelos de discriminación positiva, ou de inmersión, na lingua máis necesitada de protección. Non se precisan máis datos que os procedentes da clarividencia destes gobernantes e da maioría silenciosa que os apoia. Dicía Bertold Brech que “quen descoñece a realidade é simplemente un ignorante, pero quen coñecéndoa a agocha ou a deforma é un miserable…”

Evidentemente, a norma proposta non nace para resolver un problema educativo ou social, senón para volatilizar calquera oportunidade de normalización para a lingua propia.

Non pretendo dar ideas, pero se a tradición é razón suficiente para o reparto das materias do currículo por linguas, a opinión dos pais ou nais cada catro anos é un criterio superior ao traballo de planificación lingüística asentada en criterios pedagóxicos dos propios centros escolares, e a liberdade lingüística lle dá cobertura á ignorancia, non acabo de ver a transcendencia que ten a presenza dun sociolingüista como responsable da acción política neste ámbito. Dígoo en aras das esixencias derivadas da austeridade.

Mariló Candedo Gunturiz é presidenta de Nova Escola Galega.

Podes ler o artigo na edición dixital do xornal premendo http://www.vieiros.com/columnas/opinion/1160/abandonando-a-retorica-hellip-sobre-o-novo-decreto-do-plurilinguismo

Atar o galego en curto, artigo de Henrique Monteagudo publicado no País

ATAR O GALEGO EN CURTO 

 Henrique Monteagudo

26/03/2010 EL PAIS

Despois dun ano de tirapuxas e de semanas de ruxerruxe, temos xa proxecto de decreto do bilingüismo para o ensino. Aínda que o conselleiro de Educación declarou que hai marxe para modificacións, todo semella apuntar a que estas só serán as estritamente formais que poida suxerir o Consello Consultivo, que deberá emitir un informe de carácter xurídico, legalmente preceptivo pero non vinculante. A sorte está botada. En sucesivas entregas, iremos debullando os aspectos máis relevantes deste proxecto, unha análise que encetamos arestora.

- De mínimos garantidos a máximos permitidos

O que se debuxa no novo decreto é un modelo do 50% entre o galego e o castelán, pois a implantación do inglés como lingua vehicular queda relegada ao limbo da boa vontade. Sendo así, estariamos ante un modelo bilingüe puro, e diso se chufan o presidente da Xunta, o conselleiro responsable e os voceiros do Partido Popular. Doutra banda, boa parte dos analistas independentes sinalan que, diga o que dixer a propaganda oficial, a aceptación dese modelo por parte do PP debe interpretarse como un repregamento da agresiva escalada contra o galego alentada nos últimos anos por Núñez Feijóo e o seu equipo; por tanto, dalgún xeito, constituiría unha vitoria da ampla mobilización social en defensa do idioma. Os sectores sociais e políticos (especialmente da educación privada e concertada) que se alzaron contra o decreto de 2007, que establecía un mínimo de 50% de uso do galego no ensino, finalmente terán que aceptar esa porcentaxe como referencia legal.

Esa análise pon de manifesto unha parte da verdade, pero non se pode pasar por alto que o novo decreto impón uns límites ríxidos ao uso do galego, e isto constitúe unha novidade moi importante, profundamente negativa e que non tardará en revelarse como unha fonte de graves conflitos. A lexislación lingüística para o ensino que se veu promulgando desde o comezo da autonomía seguía un criterio inverso, que consistía na fixación de mínimos para o galego, uns mínimos que se foron ampliando gradualmente (primeiro unha materia, despois un terzo e ultimamente a metade do currículo); ao tempo que daba vía libre para os centros educativos que estaban en condicións de superar eses mínimos, sen establecer ningún tope legal. Esta filosofía de mínimos resultaba perfectamente congruente co horizonte de progresiva implantación do galego que sinala a Lei de Normalización. Un horizonte que o proxecto recentemente publicado, claramente regresivo, vén mudar de xeito radical, abrindo deste xeito unha inquietante perspectiva.

- A invención da realidade paralela

A que responde esta nova orientación limitativa da Xunta con respecto ao galego, que fai presaxiar graves problemas no porvir? Que necesidade había de pórlle topes ao idioma que o Estatuto de Autonomía declara "lingua propia" deste país? Para xustificar a súa campaña contra o galego, Feijóo e o Partido Popular tiveron que inflar ao máximo o globo da imposición. Esta noción ten unhas implicacións moito máis fondas do que puidera parecer a primeira vista, pois presupón unha reformulación radical da problemática lingüística do país, que implica apagar ou desfigurar aspectos fundamentais da realidade, e manipular preconceptos implantados no imaxinario colectivo durante séculos de marxinación.

Poñamos un exemplo. Flamante aínda no seu novo cargo, o conselleiro de educación aseguraba que el non percibía que en Galicia existisen prexuízos contra o galego. Máis recentemente, o propio conselleiro, ao día seguinte da presentación do novo proxecto, sentenciou que "vivimos nunha sociedade onde non falamos da desigualdade" entre o galego e o castelán. Eles saberán porque non falan desa desigualdade, pero o certo é que iso non fai que esta sexa menos real do que infelizmente é. O conselleiro nega puras evidencias, coma a persistencia de arraizados prexuízos contra o galego (pregúntenlle a Rosa Díez), e a inocultable posición privilexiada do castelán nunha serie de aspectos decisivos, desde a clase social aos medios de comunicación.

Pero se a realidade tanxible e comprobable é negada, no seu lugar propálase un artefacto denominado imposición del gallego. Un día alguén nos terá que explicar como é que un idioma pode ser imposto no país en que non só ten recoñecemento oficial senón que está declarado legalmente como "propio". Imponse o castelán en Valladolid? O francés en Xenevra? O portugués en Lisboa? Outra peza, non menor, das manobras de falsificación da realidade, é toda a latricaría profusamente publicitada sobre a inmersión lingüística. Este termo expresa de forma moi significativa a parcialidade do punto de vista de quen fala: para os/as estudantes galegofalantes, recibir a súa docencia en galego consiste en tanta inmersión como para os castelanfalantes de Madrid ou Segovia recibiren as súas clases en castelán. Ter unha porción substancial das súas clases en galego será inmersión para os alumnos castelanfalantes de Galicia; pero, como argumentamos e argumentaremos de xeito reiterado, o modelo de ensino preferentemente en galego ten resultados lingüísticos e educativos beneficiosos para todos.

- O problema lingüístico: do diagnóstico ao tratamento

No fondo, a raíz do problema está no seguinte: a lexislación e tradición de política lingüística en Galicia, desde o Estatuto aos nosos tempos, está fundada nunha determinada visión da realidade, ou máis concretamente, nunha determinada formulación do problema lingüístico; a partir desa diagnose, prescribíase unha solución. Tal diagnóstico consiste en constatar o maltrato histórico que o galego sufriu por parte do Estado español, e como ese maltrato o abocou a un proceso de substitución lingüística que o sitúa no camiño dunha lenta pero inexorable extinción. A solución prevista para ese problema consistiu no seu pleno recoñecemento como lingua propia de Galicia e oficial das súas institucións, e na imposición aos poderes públicos dun "mandato de normalización", que os obriga a soster políticas para a súa defensa e promoción.

Pero de 2007 a esta parte, a dirección do Partido Popular de España e de Galicia distanciáronse radicalmente desa diagnose, formulando o problema dun xeito totalmente contraditorio con ela. O que había que resolver non era a discriminación do galego, pola contra, o problema era a imposición do galego; o remedio non podía ser outro que a súa deslexitimación social, desoficialización e desprotección. A isto se aplicaron e nesas estamos.

Rematamos anotando un feito ao noso entender moi significativo. O pasado mes de febreiro, o Parlamento de Galicia rexeitou polo voto do PP unha proposta institucional que lle presentara o Consello da Cultura. Tratábase de crear unha comisión parlamentaria para discutir, coa participación dos diferentes sectores atinxidos e oíndo a opinión de expertos, sobre a orientación futura da política lingüística, tentando restaurar o amplo consenso preexistente. Será que a cuestión do idioma non merece uns meses de deliberación pública? Galicia está condenada a partir de agora a políticas lingüísticas impostas por maiorías exiguas? O Partido Popular deixou que se perdese unha oportunidade preciosa para reconducir o asunto dun xeito racional. No seu lugar, o goberno impón unilateralmente un decreto que ameaza ser derrogado polo próximo goberno. E o próximo curso, o conflito trasladarase aos centros de ensino. Seguimos no mal camiño.

Podes ler o artigo na edición dixital do xornal premendo http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Atar/galego/curto/elpepuespgal/20100326elpgal_23/Tes

Un decreto que se contralexisla

Un decreto que se contralexisla

Xabier P. Docampo

XORNAL DE GALICIA 20/03/2010

Imos ver. Os nosos gobernantes e os que os apoian espernexan cando algúns os alcumamos inimigos do galego ou glotocidas que lexislan para acadar a súa desaparición, cando menos, nalgúns ambientes sociais. E farían ben en se ofenderen se isto non fose algo que se pode demostrar sen dificultade. E a iso vou dedicar este espazo. Calquera o poderá entender, e se non é certo o que digo, desafío o señor conselleiro de Educación ou o señor presidente a que demostren o contrario.

Vexamos. Acaba de se facer público o chamado “Decreto para o plurilingüismo”, e no Capítulo III, dise:

“Artigo 4.- Principios. Os principios a partir dos que se elabora este decreto son os seguintes: 1. Garantía da adquisición dunha competencia semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia”.

Para iso é para o que se fai o decreto e para o que se establece unha distribución das materias por linguas vehiculares, galego unhas, castelán outras. Pero no mesmo capítulo e no seu artigo 12, inclúen este punto:

“3. En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior (Lingua castelá e Lingua galega) e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo.”

O que fai totalmente inútil o uso dunha lingua como vehicular na materia para o fin que se di perseguir, que era o de conseguir que os alumnos e alumnas teñan en galego unha competencia lingüística semellante á do castelán. Haberá unhas materias que se explicarán en galego, pero o alumnado non terá que facer uso oral nin escrito, se non quere, desa lingua (“procurarase” ten ben pouco valor normativo), e mesmo poderá ter os seus libros de texto en castelán. Por tanto, nada fará, nin falar nin ler nin escribir, para chegar a esa competencia. A non ser que a adquira por ciencia infusa. Vemos pois como o mesmo decreto lexisla en contra do que di, porque, se por un lado se poñen medidas para acadar esa competencia, por outro establece os mecanismos persoais para que se poidan incumprir legalmente esas medidas. Ao final o único que practicará o idioma no que se dá a materia será o profesorado, que se supón que xa non lle fai falla.

Sabemos ben que en realidade este decreto está feito para que os fillos e as fillas de certas familias galegófobas, os negacionistas aos que os nosos gobernantes entregaron a súa alma, non teñan nunca contacto coa lingua galega máis aló dun cativo coñecemento da súa gramática e da historia da súa literatura. Os que nos gobernan están presos dun neocentralismo que aborrece calquera diferenza e quere impoñer a uniformidade no Estado español.

Por iso eu afirmo que o señor conselleiro de Educación e, principalmente, o señor presidente da Xunta son dous declarados inimigos da lingua propia de Galicia. Isto non é máis que unha actuación inmoral de engano, de mentira, de proceder falsario. Saben que hai trampa, vémola todos, eles tamén. Saben que non ten sentido facer un decreto para meter dentro a posibilidade de incumprilo. Saben que os tribunais deixaron ben clara a improcedencia de reclamar para os alumnos a liberdade de usar nas aulas de forma oral e escrita a lingua da súa preferencia. 

Coñecen perfectamente a sentenza 1084/2007 do TSXG e saben que o seu decreto será recorrido perante os tribunais, pero o seu cinismo chega a tal punto que non lles importa, só queren gañar tempo en facer dano ao galego, que eles identifican como o seu inimigo. Cando teñan que retirar ese apartado unha boa parte do dano estará feito. 

Pódese advertir con claridade a malevolencia, no seu sentido etimolóxico –para seguir a moda de advertir en que sentido se usa cada palabra–, desta artimaña pensada co único obxecto de ir corroendo o futuro da nosa lingua. Como deixou escrito alguén, hai uns días, nun foro dos negacionistas, de facer do decreto o principio do final da normalización lingüística.

Podes ler o artigo na edición dixital de Xornal de Galicia premendo

http://www.xornal.com/opinions/2010/03/20/Opinion/decreto-contralexisla/2010032012354600320.html

A Liberdade e a insolencia do poder

A Liberdade e a insolencia do poder

Xabier Vence Deza

 XORNAL DE GALICIA 20/03/2010

Á memoria de Pepín Vidal Beneyto, animador de Rebeldía Crítica. “Ô Liberté, que de crimes on commet en ton nom!” (Oh Liberdade, cantos crimes cometemos no teu nome!), Madame Roland.

A dereita abandeira todo discurso simplista de laissez-faire na súa batalla por esborrallar as conquistas sociais. Botar man dos baixos instintos do individualismo antisocial, baixo a primaria ideoloxía de “cada un fai o que lle dá a gana”, conduce a unha sociedade selvática na que a ausencia de regras que delimiten os dereitos de cada un é o mellor pasaporte para o exercicio do poder sen condicións por parte dos que teñen algunha posición de poder na sociedade. A liberdade de acción sen regras protectoras dos máis febles conduce ao poder absoluto dos ricos, dos propietarios do capital, do poder político. Serviliza os desposuídos porque, en ausencia de regras, até a máis mínima necesidade ou aspiración ha pasar polo filtro de quen detente o poder e a capacidade para exercelo de xeito arbitrario.

A inversión perversa do significado das grandes palabras como “Liberdade” é clave nesa persistente batalla de adoutrinamento ideolóxico:” Liberdade” para despedir; “Liberdade” para escoller idioma (o español claro!); “Liberdade” para escoller colexio (para os que teñen posibles!); “Liberdade” para especular onde se queira e construír como se queira; “Liberdade” para apropiarse dos bens públicos e da natureza...

Coa técnica da inversión dos conceptos e dos valores –que só o poder e o control dos medios de adoutrinamento de masas permiten– converten en “imposicións” as conquistas sociais e as regras que limitan o exercicio libre do poder por parte dos poderosos. Non é precisa moita retranca para ver o pouco que separa as súas proclamas e o auténtico delirio:

Os contratos indefinidos son unha imposición sindical e legal que converte en ríxido o mercado de traballo. A regulación da xornada laboral é unha imposición sindical e legal que limita a xestión da man de obra e os horarios de atención aos clientes. Os sindicatos impoñen aos traballadores condicións que estes deixarían libremente en mans dos empresarios. As normas medioambientais impoñen limitacións á libre iniciativa dos empresarios.

Os nacionalistas galegos están empeñados en impoñer aos galegos os seus sinais de identidade históricos. Os nacionalistas galegos queren impoñer a necesidade de aprender o idioma galego negando o sacrosanto dereito á libre iñorancia. Os nacionalistas queren que as normas legais impoñan o respecto aos dereitos dos galego-falantes. Porén, non existe imposición do español por parte do Estado español, este tan só garante a nosa liberdade de aprender e usar o idioma que de xeito natural e espontáneo todo o mundo mundial desexaría usar. Os nacionalistas galegos están empeñados en impoñer o idioma galego nos medios de comunicación cando todo o mundo sabe que foron os galegos os que decidiron libremente que todas canles de televisión públicas e privadas madrileñas, todas as radios públicas e privadas madrileñas, todas as cabeceiras de xornais e revistas madrileñas, etc., se produzan e difundan por toda Galiza en español; tamén os galegos decidiron que todos os xornais editados en Galiza naceran e medraran ao longo de décadas en que os galegos decidiran que o seu idioma estivese prohibido. E á cabeza deles Castelao, que adicou o seu Alba de Gloria a España e o español, como Feijóo sabe.

Podes ler o artigo na edición dixital do Xornal de Galicia premendo

http://www.xornal.com/opinions/2010/03/20/Opinion/liberdade-insolencia-do-poder/2010032000295300602.html

Rexeito dos directores de colexios ao decreto do galego

Rexeito dos directores de colexios ao decreto do galego

VOZ DE GALICIA 20/3/2010

A Federación de Asociacións de Directivos do Ensino Público de Galicia sumouse ao rexeitamento ao anteproxecto do decreto do galego. Os directores dos centros públicos non estaban de acordo co primeiro borrador que se deu a coñecer en decembro, e o texto presentado a semana pasada cultivou practicamente as mesmas críticas.

Os responsables de colexios e institutos recordan que as bases do currículo educativo debe decidilas a Administración e non os centros. Recordan ademais que a lingua usada no ensino non teñen que impola nin os pais nin os alumnos, e que a representación das familias nos colexios «está perfectamente definida na lexislación actual, e non significa falla de democracia ou participación na vida escolar».

Finalmente, os directores confían en que a Administración teña en conta a súa opinión, «feito que ata ou momento non aconteceu», e en que se retire o anteproxecto por atentar contra a autoridade do profesor e deixar aos equipos directivos «abandonados á súa sorte».

Podes ler a artigo na edición dixital da Voz premendo

http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/03/20/0003_8367665.htm?idioma=galego

Carta aberta a don Anxo Lorenzo, artigo de Xabier P. Docampo publicado en VIEIROS

Carta aberta a don Anxo Lorenzo

Xabier P. Docampo 
VIEIROS 15/03/2010

(Cómplice necesario da afrenta que se lle vai facer á lingua galega)

Sr. Lorenzo: Acabo de ler as súas desafortunadas declaracións en Faro de Vigo e La Opinión. Por certo, constato que ou fai estas declaracións á prensa en castelán ou non é capaz de esixir, como cómpre tendo en conta o seu cargo, que sexan publicadas en galego; se cadra, ten que facer méritos para lle demostrar  a ben sabemos quen, que xa é un bo converso. Logo de lelas, debo dicirlle que vostede mente; ou sexa, di algo que sabe que non é certo co ánimo de enganar aos galegos e ás galegas. E antes de continuar, voulle demostrar que isto é así.

Di vostede que “El problema es que no existe cobertura legal para obligar a nadie a hablar o escribir en gallego. Esto ya lo advirtió el Consello Consultivo en 2007”. Vostede coñece, é imposíbel que o ignore, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, rexeita o ditame do Consello Consultivo de Galicia e declara que é perfectamente legal que “Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.” Por non falar das numerosas ocasións en que o Tribunal Constitucional avalou a pertinencia desta utilización nas aulas, como vía para a súa aprendizaxe.

Dicir o contrario é mentir e, por aquilo de que quen fai un cesto fai un cento se lle dan varas e tempo, dedúcese que dun mentireiro pouco máis podemos agardar que mentiras.

Di vostede “La ley no permite obligar a hablar gallego”. Pode, daquela, a lei obrigar a aprendelo nas clases de galego? Pode obrigar a lei a aprender a táboa de multiplicar? O que se aprende e usa na escola ten que estar explicitamente escrito na Constitución? Se a competencia nunha lingua só se adquire utilizándoa, como a han adquirir logo? Acaso por ciencia infusa? Son vostedes un fato de mentireiros e uns trapalleiros. Entregaron a súa alma ás minorías negacionistas cunha obscenidade escandalosa.

O seu decreto está envolto na mentira, na falsidade dos datos e das expectativas. Está feito sabendo que os alumnos e alumnas de familias castelán falantes nunca acadarán unha competencia mínima en galego. Está, pensado desde os privilexios de clase, feito para satisfacer os desexos antigalegos dun sector dos pais do alumnado do ensino privado (o de concertado non é máis que un uso indebido de medios públicos, mentres obriguen por vía de achegas “voluntarias” a pagar unha cantidade mensual complementaria).

Sr. Lorenzo, vostede, ao se facer reo voluntario da política etnocida do Sr. Feijoo, saberá canto lle pagou a pena botar pola xurreira abaixo unha carreira profesional merecente de todo respecto. Agora só fica para vostede a indignidade de ser, en complicidade con Falange Española de las JONS (vostede escribiu este decreto ao ditado do que eles demandaron en Compostela en febreiro de 2009), quen pasará a historia como a persoa que defendeu o maior ataque legal contra a lingua propia de Galicia desde Francisco Franco (que tamén era “gallego y de Falange”).  Lamento moito ter que dicilo, pero a súa traizón cóbreo de indignidade. O seu cometido e desexo non foi nunca, agora o entendo, o de estabelecer un marco legal que substituíse ao mesmo decreto 124/2007 que defendeu publicamente; vostede foi encargado de lle dar unha aparencia científica e legal á mentira, o engano, a traizón. Non teño xa que escoller ningún cualificativo para lle aplicar, dedúcense doadamente do seu proceder.

Pero, de todos os xeitos, permítame que lle diga que aínda podería recuperar en boa parte a dignidade perdida (só os que nunca a tiveron non poden recuperala). Dimita. Abandone o barco onde xa só fican ratas. Déixeos sos. Dígalles que vostede non pode amparar semellante barbaridade, que non pode traizoar unha institución que, antes ca vostede, ocuparon outros e, uns máis e outros menos, todos foron facendo cousas, sempre avanzando por pouco que fose. Dígalles que non quere ser lembrado como único responsábel de Política Lingüísitca que fixo retroceder o galego nos seus dereitos. Que o fagan eles se queren, non se suicide socialmente, regrese á comprensión dos seus que, máis tarde ou máis cedo, sempre han entender que foi capaz de ter dignidade á última hora. Destes só pode agardar que o deixen tirado na cuneta (estilo falanxista) cando pensen que xa non lles serve. É difícil, pero mentres non estea o decreto no DOG sempre estará a tempo de merecer o respecto dos galegos e das galegas de hoxe e de mañá.

Despois xa nunca o poderá ter. Máis tarde ou máis cedo o seu decreto tamén será derrogado, cambiase por outro e deste só ficará a ignominia.

En calquera caso, non siga a mentir, que nin vostede nin eu nacemos onte.

Podes ler o artigo en VIEIROS premendo

 http://www.vieiros.com/columnas/opinion/1144/carta-aberta-a-don-anxo-lorenzo

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer