INFORMACIÓN ESO

       

 

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe definitiva de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade o día 22-05-2024

 

Normalización Lingüística

RESULTADOS DA ENQUISA SOBRE A LINGUA

A ENQUISA DA LINGUA NON ACLARA NADA

Pouco máis da metade dos pais opinou, a maior porcentaxe na privada

Logo dun gasto de 160 mil euros nunha iniciativa con moitas sombras no camiño, a enquisa só clarexa que os pais queren que se mellore o ensino do inglés.

 31/07/2007 vieiros

Nunha comparecencia na que o secretario xeral de Política Lingüística apareceu só, sen a compaña do conselleiro de Educación, Anxo Lorenzo debullou os resultados da enquisa sobre a lingua. De primeiras subliñou a participación, que considerou "dispar". Globalmente este dato elévase até o 58,7% das familias, se ben foi máis elevada nos ciclos de Educación Infantil e Primaria, onde chegou até o 70,1% e ao 75,7% respectivamente. Mentres, foi menor a participación en Educación Secundaria (38,4%) e en Formación Profesional (33,1%). Con todo, Lorenzo aclarou que, porcentualmente, foi moito máis elevada a participación nos centros privados, seguidos dos concertados e finalmente dos públicos.

Unanimidade só para o inglés
Cuns resultados que se ofrecen unicamente desglosados por ciclos educativos e non globais, a estatística que ofrece maior garantías e revela a unanimidade dos pais refírese ao inglés. A favor de que se impartan contidos neste idioma amósanse o 91,5% das familias de Infantil, o 75,2% das de Primaria, o 63% de Secundaria e o 63% de Formación Profesional. Cuestionado sobre as posibilidades que este desexo tería para converterse nunha realidade, Lorenzo adiantou a dispoñibilidade do goberno, se ben confirmou que este non pode ser un obxectivo a curto prazo.


Entre o bilingüismo e o castelán

En Educación Infantil, a meirande parte dos pais prefire que os seus fillos aprenda a ler e escribir en galego e castelán (53,2%). Con todo, suman outro 37% os que optan unicamente polo castelán, mentres que son o 8,7% os que a esta pregunta contestan "só galego".

En Primaria, á cuestión de "En que linguas preferiría que o seu fillo cursase as materias troncais?"deixa o seguinte resultado: o 37,6% todas en castelán; o 26,6% prefiren unhas en galego e outras en castelán; o 17% a maioría en castelán; o 12,5% todas en galego; e o 5,8% a maioría en galego.

En Secundaria, á mesma pregunta ofrece resultados parellos: o 33,8% optan por todas en castelán; o 23,6% unhas en galego e outras en castelán; o 19,8% todas en galego; o 14,7% a maioría en castelán; e o 7,7% a maioría en galego.

Nos ciclos formativos, a maioría dos consultados (un 52%) opta por un emprego das dúas linguas en todas as materias; o 25,1% opta por só galego; o 22,6% só castelán; e un 11% deixaron sen resposta esta cuestión.

Modificación do Decreto
Sen deixar máis dun cuarto de hora para as preguntas dos xornalistas, Anxo Lorenzo asegurou que as conclusións que se poden tirar desta consulta "non serán vinculantes" e insistiu unha e outra vez en que "isto non foi un referendo, senón unha consulta para pulsar a opinión das familias". Nesta liña, subliñou que o novo decreto sobre o ensino que se elabore será "plural, sen ningún tipo de imposición e reflectirá a diversidade lingüística presente en Galiza".

Con todo, non quixo adiantar data ningunha para a súa elaboración e precisou que nada se fará ao respecto en agosto, porque "son malas datas" para cuestións vencelladas co ensino, por mor dos períodos vacacionais. Así, deixou para setembro o inicio do proceso que, dixo, contará con todos os axentes implicados no ensino, aos que tamén se lles fará chegar o resultado da enquisa.

Contratación dunha empresa e custe
Lorenzo foi especialmente belixerante á hora de falar do custe que tivo este traballo. Confirmou, tal e como xa adiantara a Mesa pola Normalización, a contratación dunha empresa (Obradoiro Socioloxía) para a decodificación dos datos. Esta, á súa vez, subcontratou a outra compañía para alugarlle un lector óptico que permitise acelerar todo o procedemento. O secretario xeral de Política Lingüística asegurou que estas contratacións foron necesarias porque, do contrario, todo o proceso tería unha duración de máis dun ano e así "resolveuse nun mes".

Ademais, adiantou as cifras oficiais do custe que tivo a consulta. Segundo explicou, esta cantidade ascendeu finalmente a 160.995 euros, un montante económico que se repartiu entre a impresión da enquisa, a dixitalización dos datos ou a publicidade. Lorenzo recalcou que esta cifra supón 48 céntimos por alumno. Neste sentido acusou "a algunha organización" de dicir "mentiras e estupideces" ao respecto, "que nada teñen que ver coa realidade".

Unha enquisa chea de sombras
Máis alá de que o secretario xeral asegurase que os datos desta consulta non serán vinculantes, hai que subliñar a premura, tanto na súa elaboración (no comezo das vacacións, cos alumnos preparando exames...) como na súa presentación. A correspondente rolda de prensa convocouse o último día do mes de xullo, un venres, deixando pouco tempo para as posíbeis reaccións dos diferentes axentes sociais implicados no ensino.

Ademais do controvertido que foi todo o procedemento que agora nos leva a coñecer este resultado, a información que ofrece atende exactamente ás preguntas realizadas ás familias. Non hai, pola contra, ningún tipo de cruzamento de datos do que puideramos extraer outro tipo de conclusións, como a escolla preferente dos pais en función do rural ou urbano ou dos centros públicos ou privados, por exemplo. Ao respecto, Lorenzo asegurou que "estes son os datos que hai e non se buscarán máis".

Anxo Lorenzo xustificou a ausencia do conselleiro de Educación na presentación pública dos resultados asegurando que el é "o máximo responsábel da política lingüística do país" e polo tanto, "representante do goberno". Así, nunha exacta media hora de comparecencia, deixou a porta aberta a que cada quen extraia as súas propias conclusións e adiantou a súa: "a enquisa reafirma o carácter bilingüe da sociedade galega".

 Prema no enlace para saber máis http://www.vieiros.com/nova/75760/pouco-mais-da-metade-dos-pais-opinou-a-maior-porcentaxe-na-privada

V Curso de verán sobre dinamización lingüística «Traballando en lingua»

O V Curso de verán sobre dinamización lingüística «Traballando en lingua» ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo do mércores 15 ao venres 17 de xullo. Algunhas das sesións do curso serán abertas a todo o público interesado en asistir, como a do sociolingüista Miquel Strubell, a do xuíz Luís Villares e a da profesora Pilar Freitas. O curso inclúe ademais actividades paralelas abertas ao público, como a representación da obra de teatro Comedia bífida, ou a exposición Crónicas da represión lingüística.

[PROGRAMA COMPLETO E DEFINITIVO EN .PDF]

Entre o mércores 15 e o venres 17 de xullo ten lugar no Pazo da Cultura de Carballo o V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística «Traballando en lingua», que este ano se centrará na análise do compromiso individual aos argumentos para a defensa e promoción da lingua galega. O curso está organizado pola Universidade da Coruña, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co Concello de Carballo e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Nalgunhas das actividades do curso tamén colabora a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

A inauguración terá lugar o mércores 15 ás 10.15 h, e nela intervirán o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo Suárez; o deputado responsábel de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Xoán M. Sande Muñiz; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal Barral.

ALGUNHAS SESIÓNS ABERTAS AO PÚBLICO

Nesta quinta edición do curso participarán arredor de 80 persoas, maioritariamente expertos en normalización lingüística, mais debido á moi superior demanda de matrícula, algunhas das sesións faranse abertas ao público, para que todas as persoas interesadas poidan asistir. Estas sesións abertas serán as conferencias Razóns para defendermos as linguas ameazadas, do sociolingüista catalán Miquel Strubell (mércores 15 ás 11.00 h); Estado democrático e normalización lingüística, do xuíz e coordinador en Galiza de Xuíces para a Democracia, Luís Villares Naveira (mércores 15 ás 12.30 h); e Pegadas actuais da represión lingüística exercida sobre o galego ao longo do s. XX, da profesora Pilar Freitas (xoves 16 ás 10.00 h).

Ao longo dos tres días, ademais destes temas trataranse outros como a perspectiva individual na defensa dos nosos dereitos (a cargo de Beatriz Vilaverde e Miguel Moreira), o aproveitamento das redes de apoio á lingua por parte dos servizos de normalización lingüística (a cargo de Iolanda Gomis), ou a inutilidade das linguas (a cargo de Goretti Sanmartín). Ademais, haberá diversas sesións de traballo sobre temas como o bilingüismo e a conservación do idioma; a lingua e o ensino; o papel da irradiación lingüística; ou a integración no galego desde outras realidades.

OUTRAS ACTIVIDADES PARALELAS
Alén de todo isto, o curso inclúe outras actividades paralelas abertas a todo o público, como a exposición de Xan Leira Crónicas da represión lingüística (organizada pola Deputación da Coruña), que estará en Carballo entre o 16 e 31 de xullo e que se inaugura o xoves 16 ás 20.00 h coa participación de Evencio Ferrero, Xoán Sande, Belén Lendoiro e Xan Leira. A continuación, o mesmo xoves 16 ás 20.30 h, Nobicarelo Teatro representará a obra Comedia bífida, baseada no libro do mesmo nome de Manuel Núñez Singala. A asistencia a esta representación é libre e de balde até completar aforo.

 

Para ter máis información preme  http://www.ctnl.org/web/notic.php?ide=413&desc=esta_semana_ten_lugar_en_carballo_o_curso_de_veran_no_que_se_analizaran_o_compromiso_e_os_argumentos_para_a_defensa_e_promocion_da_lingua_galega

¿Conflito lingüístico?, artigo de Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez Gómez Secretarios xerais de CC. OO. e UXT

 ¿Conflito lingüístico?

Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez Gómez  

14/07/2009  VOZ DE GALICIA

 Comecemos por recoñecer que vivir nun país con dúas linguas non só non é un problema, senón que debe ser unha oportunidade. De feito, a inmensa maioría cidadá de Galicia conviviu sen problemas lingüísticos. E lla cidadanía vive allea ao aparente problema dá lingua, cabe pensar que ou enfrontamento é provocado voluntariamente pola dinámica electoral, coa finalidade de apañar uns poucos votos entre quen se mostra máis belixerante, sen importar que sexa á conta de interpretar a lexislación de maneira máis que torticeira.

O Estatuto de Autonomía establece como linguas oficiais dá nosa comunidade ou galego e ou castelán e, en consecuencia, ou dereito dúas seus cidadáns a coñecelas e usalas. Vos poderes públicos teñen, pois, ou deber de garantir vos dereitos dá cidadanía e facilitar ou coñecemento dous dous idiomas en igualdade de condicións.

Darlle ao galego non acceso á función pública un tratamento de lingua estranxeira non é unha boa maneira de garantir lestes dereitos. Ademais, as empregadas e empregados públicos selecciónanse polos principios de capacidade e mérito, sen que ou principio de igualdade se vexa comprometido polo feito de que se lle esixa ou coñecemento dá lingua propia de Galicia. Vinte e nove anos despois de promulgado ou Estatuto e establecida a oficialidade dous dous idiomas, ou tratamento diferenciado non acceso supón unha manifesta toma de postura preferente a favor dunha dás linguas. Igual consideración podemos facer non ámbito do ensino. A oficialidade dás dúas linguas vén dada polo Estatuto de Autonomía, polo que é un deber dous poderes públicos facilitar ou seu coñecemento, dándolles non ensino obrigatorio un tratamento igualitario. Serán logo vos cidadáns e cidadás adultos quen decidan cal queren usar.

A trampa dá «liberdade de escolla» implica a vontade expresa do poder público de renunciar ao cumprimento dunha obriga imposta polo Estatuto, que é facilitar ou coñecemento dás dúas linguas e, pois, un tratamento igualitario á hora de ensinalas. Non concibimos que, por exemplo, consúltese non ensino obrigatorio sobre que se estude ou non se estude matemáticas, entendendo que se trata dunha materia fundamental.

¿Como se pode nestas circunstancias falar de «harmonía», «amabilidade» e outras sutilezas aparentemente ben intencionadas? ¿Como podemos falar de consenso cando, de feito, pretenden impor as posturas máis radicais nunha dás direccións?

Sería desexable que retornase a cordura. UXT e CC.OO. cremos firmemente que ou galego nunca debería ter sido utilizado como un instrumento de confrontación ou fractura social, nin como bandeira exclusiva, diferenciadora ou elemento de discriminación. Deberiamos entre todos tratar de lograr que calquera modificación sobre ou decreto do uso do galego non ensino conte co consenso dá cidadanía e dous seus lexítimos representantes políticos e sociais.

Preme no enlace para ver a nova no xornal http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2009/07/14/0003_7846201.htm?idioma=galego

Cando os fonemas se transforman en metralla, artigo de R. Vilar en Vieiros

 

Cando os fonemas se transforman en metralla

R.Vilar  

O Goberno prepara a abolición do decreto de galeguización. Repasamos as claves de dous anos e medio de interesada “guerra lingüística”.

13/07/2009  VIEIROS

 

O bipartito chegou a San Caetano en 2005 cun compromiso: darlle máis presenza ao galego no ensino non universitario. Dende moitos anos atrás, numerosos estudos sociolingüísticos revelaban que a escola en Galiza non era, nin moito menos, un elemento galeguizador. Case un cuarto de século despois de aprobarse o Estatuto, a lingua propia, a pesar de gozar por vez primeira de certa protección legal, non facía máis que perder falantes, especialmente entre as novas xeracións.

En decembro de 2006 Vieiros publicaba en exclusiva o primeiro borrador de decreto de galeguización que propoñía a Consellaría de Educación. O texto era moi ambicioso, sobre todo se o comparamos cos termos actuais de debate. A proposta inicial contemplaba que se impartise na lingua do país, de xeito obrigado, entre o 56 e o 68% das materias (dependendo do nivel educativo).

A partir dese borrador comezaron unhas duras negociacións a tres bandas. Dun lado o PPdeG pedindo que se mantivese o modelo Fraga (que estabelecía como obrigado un terzo das materias en galego) e do outro o BNG, que demandaba unha forte aposta pola galeguización. No medio, o PSdeG, intentado xogar un interesado papel de árbitro.

Nin o modelo balear servía
Finalmente, e diante da oposición frontal dos conservadores, o bipartito acordou botar para adiante un decreto que, sendo moito máis favorábel para o galego ca o anterior, tamén lle deixaba unha pequena porta aberta ao PPdeG. A nova normativa fixaba que, como mínimo, se impartise no idioma do país a metade do horario lectivo. O decreto gardaba certas semellanzas co balear aprobado polo propio PP en 1997.

Mais dentro do PPdeG xa había voces que non estaban dispostas a ceder un milímetro a prol da normalización do idioma autóctono. Os conservadores, logo dun debate interno que apenas trascendeu á opinión pública, rexeitaron aprobar o decreto. Dende ese momento, o PPdeG comezou unha campaña, cada vez máis subida de tono. A estratexia, que coincidía con outras de carácter estatal, era clara: o bipartito quería importar modelos lingüisticos alleos de “imposición”.

Causa de fe

Moi ao pesar dalgúns sectores do PPdeG, a lingua converteuse nunha arma branca na precampaña electoral. Os novos protagonistas da dereita galega, especialmente a máis urbanita, fixeron causa de fe. A “dama de ferro” do PP vigués, Corina Porro, mandou un aviso a navegantes (tanto a adversarios como a propios) seis semanas antes dos comicios: “Se non se derroga o decreto de galeguización do ensino, eu marcho”.

Catro meses despois do 1 de marzo o PPdeG ten a maioría absoluta e  prepara un novo decreto que quere ter listo a finais de ano. Dentro das filas conservadoras o posicionamento non é tan unánime como poidera semellar cara fóra, aínda que case ninguén se atreve a enfrontarse aos sectores máis próximos a Galicia Bilingüe, que propugna a “libre elección” de materias, a segregación de alumnos por razón de idioma e a quen xa nin lle serve o modelo Fraga.

Coa boca pequena, son moitos os cargos do PPdeG que recoñecen que as enquisas aos pais foi o maior erro que cometeu polo de agora o Goberno. Na propia Consellaría de Educación buscan a fórmula para saír dun labirinto no que o PPdeG teima en perderse dende hai máis de dous anos e medio. Mentres a lingua serve de metralla, os datos sociolingüísticos seguen confirmando que ao galego achícanselle os espazos.

Podes ler a nova no xornal premendo http://www.vieiros.com/nova/75360/cando-os-fonemas-se-transforman-en-metralla

“A cultura galega é o tesouro que debemos coidar, acrecentar e transmitir,...", discurso de Ramón Villares

“A cultura galega é o tesouro que debemos coidar, acrecentar e transmitir, comezando polo impagable recurso da nosa propia lingua”, dixo Ramón Villares

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, chamou a atención sobre a necesidade de “coidar, acrecentar e transmitir ás novas xeracións o tesouro da cultura galega, comezando polo impagable recurso que supón a nosa propia lingua”. Así se expresou no acto co que a institución puxo o ramo ás actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) diante das primeiras autoridades de Galicia, encabezadas polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo e o Delegado do goberno, Antón Louro.  A seguir ofrecemos o texto íntegro do discurso de Ramón Villares.

(Discurso de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, pronunciado no acto que culminou  os actos conmemorativos dos primeiros 25 anos da institución).

“A convocatoria deste acto institucional foi feita para pór o ramo a unha xeira de actividades norteadas darredor do lema “crear cultura, imaxinar país”, que iniciamos no mes de abril do ano pasado, con motivo da celebración dos 25 anos da institución. Aínda que pareza un acto algo serodio, adiado por continxencias alleas ao propio Consello, quixemos que a súa celebración cadrase co aniversario da aprobación da Lei de creación da institución.
Debo, antes de máis,  agradecer a  xenerosidade coa que responderon a este convite as primeiras autoridades de Galicia e tantas persoas principais da cultura, alén dos membros que son, ou teñen sido, do propio Consello. A vosa compaña orgúllanos e tamén  nos obriga a continuar unha laboría na que moito se empeñaron tantos  dos nosos devanceiros.

Pensamos o formato do acto como unha ocasión para expresar o recoñecemento a moitas persoas que fixeron posible esta institución e así se quixo reflectir coa intervención de tres ilustres membros da mesma, F. Díaz-Fierros, Victor V. Portomeñe e A. Zulueta, cuxa boa disponibilidade moito agradezo. E, alén desta lembranza, o acto tamén debe servir para arborar algunha reflexión sobre a situación na que nos atopamos e  para fixar algúns retos para o futuro.

As persoas que fixeron posible a existencia desta institución, desde os seus fundamentos, foron ben delas. Dado que a súa mención expresa demoraría moito, a lembranza duns poucos nomes pode ser representativa daquel conxunto. É o caso do profesor Filgueira Valverde quen, como conselleiro de cultura no primeiro goberno autonómico, foi o verdadeiro inspirador da Lei que creou o Consello da Cultura.  Tamén o de Victor Vázquez Portomeñe, quen asumiu as competencias de Cultura cando esta institución botou a andar e presidiu a súa sesión constitutiva. E, naturalmente, o nome de Ramón Piñiero, que foi eleito primeiro presidente do Consello, ao que achegou todo o caudal de lexitimidade que a súa figura atesouraba.
Moitas outras persoas achegaron o seu quiñón á facenda colectiva en que se foi convertendo o Consello. De todas elas,  non podo deixar de mencionar os nomes dos catro presidentes que me precederon como cabezaleiros da institución, Ramón Piñeiro, X. F. Filgueira Valverde, Carlos Casares e Alfonso Zulueta. Tres deles non poden estar entre nós, pero contamos coa presenza dalgúns dos seus familiares máis directos.

O acto debe tamén dar azo para unha breve reflexión sobre a situación na que nos atopamos. Unha  diagnose nada orixinal pero non por iso menos certeira sería a seguinte:  o sector cultural galego mudou moito durante este cuarto de século, cunha clara diversificación sectorial e unha modernización de linguaxes e soportes. Foi a resposta precisa para unha sociedade de masas, case universalmente alfabetizada, que multiplicou a súa capacidade de consumo de bens culturais. Neste sentido, a cultura galega está hoxe a considerable distancia da situación que tiña a principios dos anos oitenta,  lonxe do resistencialismo e dun certo enxebrismo e moito máis próxima ás correntes dominantes da cultura global (ou, cando menos, occidental).
A cultura non camiña de forma aillada do resto da sociedade. Leva o paso con moitos outros sectores produtivos e, dunha forma análoga,  está sometida á incidencia das políticas públicas que para ela se deseñen. Se é certo que a Galicia autonómica experimentou unha radical transformación económica, social e territorial, é claro que nesa mudanza global cómpre colocar a cultura, un sector que foi  decisivo na configuración da autonomía galega, pero tamén no seu posterior desenvolvemento e asentamento e, desde logo, na mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
Esta constatación serviu de alicerce para organizar as actividades dos 25 anos, tanto nos distintos Foros de debate celebrados durante o ano pasado, como a través  da exposición Galicia 25. Unha cultura para un novo século, que desde finais de 2008 está en itinerancia polas cidades galegas. “Crear cultura, imaxinar país” foi o lema que zurciu aquelas actividades, un xeito de poñer en diálogo a nosa cultura cos grandes retos da cultura de hoxe, desde as novas tecnoloxías, o multilingüismo ou as vangardas artísticas ata o medio ambiente, o valor dos bens culturais ou os retos da gobernanza multinivel no que cada vez se moven máis claramente as sociedades actuais. Os textos daqueles foros están en proceso de edición e penso que constituirán un referente intelectual para os vindeiros anos.

Na escrita, na música, na ciencia, nas artes plásticas, na banda deseñada, no cinema ou na arquitectura, posúe Galicia nomes de homes e mulleres que permiten decir que a cultura galega ten hoxe cultivadores que a colocan nunha posición comparable con outros sistemas culturais. Teño a convicción de que cada época histórica ha ser medida polo labor dos seus creadores e artistas, dos seus  emprendedores da cultura e das institucións que os acollen. Pode hoxe calquera galego ignorar moitas cousas do seu pasado, mesmo dos máis grandes señores que na historia galega ten habido. Pero penso que será máis dificil que se esqueza de nomes como os do Mestre Mateo e de Martin Códax, de Domingo de Andrade e de Martin Sarmiento, de Rosalía Castro e de Curros Enríquez, da Pardo Bazán e de Eduardo Pondal, de Ramón del Valle-Inclán e Alfonso Castelao, de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, de Luis Seoane e de Alvaro Cunqueiro…., de mesmo xeito que no futuro se han de recordar os nomes dos máis sobranceiros escritores,  artistas e científicos do noso tempo. A razón é ben sinxela: a cultura é o fío esencial que sostén a urdime da memoria da tribo.

Lembranza,  reflexión e, tamén,  retos para o inmediato porvir. A institución forma parte esencial do entramado institucional do réxime creado pola autonomía e, por tanto, a súa evolución irá de forma acompasada con aquel, no sentido de asesorar, avaliar,  proxectar e promover os valores culturais do pobo galego. A condición de ser unha institución de alta asesoría en materia cultural foi exercida polo Consello cando para elo foi demandado ou, nalgúns casos, por iniciativa propia. 
Pero alén diso,  o Consello pode participar máis activamente na implementación das diferentes políticas públicas en materia cultural. Non hai ningunha vontade de intrusismo nen de intervencionismo en áreas que son privativas dos poderes executivos. Pero unha cousa é ter capacidade de decisión e outra é analizar, avaliar e propoñer medidas que logo os gobernos han de executar. Temos o exemplo da avaliación nas políticas de ciencia e tecnoloxía, que ben se poderían estender ao campo da cultura.
Ademais de asesorar e de avaliar, tamén no campo da promoción exterior de Galicia pode desenvolver o Consello unha tarefa importante do que algúns autores califican como de “diplomacia cultural”. Se nós pertencemos a unha nación-cultura, a aposta neste sentido debe ser explícita e, desde logo, cooperativa con outras institucións. O Consello da Cultura marcou desde hai anos o obxectivo de ter presenza exterior, nomeadamente no seo das colectividades de emigrantes, que agora está virando cara a outros lugares, como son algunhas universidades ou centros de excelencia internacional onde debe estar presente a cultura galega. E neste vieiro queremos seguir.

O mandato orixinario de creación do Consello foi o de preservar e promover os  “valores culturais do pobo galego”. O mandato segue en todo o seu vigor, pois non ten data de caducidade. Eses valores son moi numerosos, pero deben ser entendidos como unha herdanza comunal, que non admite partillas. A cultura galega é moi plural. É peza esencial desa cultura a súa lingua e literatura, pero tamén a paisaxe e o territorio, o enorme e valioso patrimonio histórico e cultural ou a súa urbanización difusa, para non entrar noutras miudanzas. Son estes valores  os que nos dotan de identidade cara dentro e cara fóra.
Sen ter que abusar da coñecida frase risquiana de que “ser diferente é ser existente”, porque hoxe as diferenzas non son excluíntes, cómpre recordar que ter identidade ou, dito en termos máis instrumentais, ter unha imaxe ou “marca-país” é un dos bens intanxibles máis dificiles de lograr. A cultura galega é un deses intanxibles, un tesouro como os que na tradición popular se supoñía que gardaban os mouros. Este é o tesouro que temos que coidar, arrequecer e transmitir ás novas xeracións, a comezar polo impagable recurso que supón a nosa propia lingua.  

 Quero rematar retornando ás palabras iniciais de recoñecemento e de gratitude.
Durante todos estes anos, o Consello da Cultura gozou de apoios institucionais e persoais sólidos. Os distintos gobernos autonómicos, cuxos presidentes foron os presidentes de honra do Consello, así como os parlamentarios de todos os grupos políticos, nas diferentes lexislaturas autonómicas,  foron solidarios coa institución e contribuíron a dotala de fortaleza administrativa e de valor simbólico na súa función de asesoramento en materia cultural e de promoción exterior da cultura de Galicia. Moitas institucións provinciais e locais, así como empresas e fundacións privadas e, desde logo,  todas as corporacións que forman parte do plenario do Consello, contribuíron asemade a este labor de afirmación da institución como un referente cultural.
Todos os que no pasado traballaron e colaboraron co Consello, desde os seus presidentes e membros do Plenario,  ata o seu cadro de persoal laboral e administrativo, son os grandes protagonistas desta viaxe e os merecentes de eloxios e parabéns. Aos que agora nos tocou a sorte de estar ao frente da institución, só nos cabe a posibilidade de manifestar a gratitude pola herdanza recibida e proclamar a vontade de deixar algún benfeito para os que nos han de suceder.
Gratitude que faigo extensiva a todos os presentes, por teren acudido á nosa chamada e pola confianza que a súa presenza nos outorga para o mellor goberno desta institución. Dixen”.

 Preme no enlace para ver máis  http://consellodacultura.org/?p=953#more-953

Nace unha plataforma a prol da lingua con vocación de pluralidade, artigo publicado en Vieiros

  • 'QUEREMOS GALEGO'

Nace unha plataforma a prol da lingua con vocación de pluralidade

O primeiro obxectivo será o de impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular que defenda os dereitos lingüísticos dos galegofalantes.

 

08/07/2009, VIEIROS

 O rexeitamento á actual política lingüística do goberno galego une e os diferentes colectivos que, dun ou doutro xeito, defenden o noso idioma queren traballar de xeito coordinado. Ese é o motivo polo que se está a fraguar o nacemento dunha nova plataforma social, Queremos Galego, unha entidade que pretende xuntar forzas na defensa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. A asemblea inicial celebrouse este luns en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que asistiron medio cento de asociacións e colectivos de diferentes ámbitos (políticos, sindicais, culturais, ecoloxistas, organizacións de cooperación, centros sociais...), ademais de participacións individuais.

Logo desta primeira toma de contacto, a cita constitutiva quedou fixada para o vindeiro martes 14 de xullo, cando se conformará oficialmente a plataforma, se dotará dun organismo executivo ou se tomarán decisións sobre os propios criterios de organización e traballo. Con todo, sobre a mesa xa quedaron propostas e ideas que, con toda probabilidade, se converterán nos obxectivos a curto prazo da entidade. O primeiro destes retos será o de botar a andar a recollida de sinaturas para defender no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que garanta o dereito do uso do galego nos diferentes ámbitos sociais, fundamentalmente alí onde este puidera ser conculcado, como por exemplo no eido administrativo. Con todo, os termos exactos desta ILP quedaron sen concretar, á espera da constitución da propia plataforma.

Vocación de pluralidade
A intención coa que nace esta nova entidade é a que representar a heteroxeneidade e a pluralidade dunha sociedade civil que, neste momento en que percibe certa agresión sobre os dereitos lingüísticos, decide unirse e traballar conxuntamente. Con todo, até o de agora, os que tomaron parte na primeira xuntanza informativa eran fundamentalmente colectivos vencellados ao mundo nacionalista. Dende a Mesa pola Normalización Lingüística, asociación que está a liderar o proceso, Fran Rei explica: "o noso propósito é integrar, na medida do posíbel, a todos aqueles que se queiran sumar á defensa do galego; queremos atopar puntos de colaboración con entidades politicamente máis distantes porque é necesario, porque a percepción social de que o galego está en perigo é común".

Queda agora por ver cal é a acollida que esta iniciativa ten neses outros colectivos, fundamentalmente en aqueles máis próximos á órbita socialista. "Nós convidamos a entidades do máis diverso e moitas delas, aínda que non acudiron á xuntanza inicial, si nos amosaron o seu interese", comenta Rei, quen informa de que se lles trasladará o contido dos acordos iniciais e confía en que se sumen cantas máis organizacións mellor.

 

Para ler a información no xornal preme no enlace  http://www.vieiros.com/nova/75314/nace-unha-plataforma-a-prol-da-lingua-con-vocacion-de-pluralidade

 

 

"É posíbel e necesario desactivar prexuízos lingüísticos no ámbito empresarial" artigo do Xosé González en Vieiros

XOSÉ GÓNZÁLEZ, PRESIDENTE DO FORO PEINADOR

"É posíbel e necesario desactivar prexuízos lingüísticos no ámbito empresarial"

Dez compañías punteiras do país comprométense a introducir de xeito gradual o galego na súa actividade.

24/06/2009 Vieiros 

Son Itelsis e Egatel (grandes empresas galegas do sector das telecomunicacións);Tuconsa (construción); Travibus Noroeste (agrupación provincial de transporte público); Progando (subministro de pensos); Vulcano (estaleiros de construción naval); Fegatur (entidade que reúne aos negocios de turismo rural); Celtic Estores (empresa que fabrica seis milleiros de estores diarios); Pórtico Audiovisuais (produtora); e Academia Postal (encargada da formación dos futuros funcionarios da administración pública).

Estas dez empresas aceptaron este ano a invitación do Foro Peinador para sumárense a un proxecto que contempla a introdución gradual do galego na súa actividade empresarial. O acto formal foi a sinatura dun convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, un acordo que contempla a promoción da nosa lingua nas súas relacións internas e externas. Na documentación, nas páxinas web, na sinalización, na documentación administrativa, nos actos sociais da entidade ou en actuacións formativas: o galego comezará a ser unha lingua máis de referencia nos seus actos comunicativos.

No seu conxunto, segundo explica o presidente do Foro Peinador, Xosé González, estas dez compañías suman unha cifra nada desprezábel de máis de sete mil traballadores. De aí a importancia da iniciativa, xa que, ademais, contempla a promoción do galego entre o cadro de persoal. "Celebraranse actos específicos para facer copartícipes aos traballadores", explica González, "como por exemplo parar a produción durante unha ou dúas horas para explicar cal é o significado de galeguizar".

O galego: activo empresarial
Mais, unha das grandes conquistas deste proxecto, que o Foro Peinador leva reeditando dende hai tres anos, é a conversión da lingua en activo empresarial, nun elemento de interese para o sector económico. En tempos nos que o galego se está a converter nun elemento de discordia, preguntámoslle a González pola disposición empresarial a sumárense a iniciativas coma esta. "É evidente que no empresariado aínda perduran moitos prexuízos ideolóxicos e lingüísticos", explica ao tempo que recorda que aínda hoxe é un gran problema que a nosa lingua se cinxa case exclusivamente aos círculos literarios e estritamente culturais.

A fórmula que ofrece Xosé González, cunha ampla traxectoria no traballo da normalización ás súas costas, é "fuxir da crispación" na que actualmente se enmarca toda a información e o debate vencellado co galego. "Nun contexto de conflito, un sector tan afastado da lingua e da cultura como é o empresarial é lóxico que o pense varias veces antes de sumarse a iniciativas a prol do galego", explica, "a receptividade que nos atopamos, con todo, nin é milagreira nin pésima". Para González, a clave está nas formas: "nós actuamos como interlocutores para desactivar os prexuízos lingüísticos neste ámbito empresarial; é unha tarefa que non pode vir da man das administracións, nin de entidades políticas ou ideoloxizadas, senón de colectivos coma o noso". Así, o Foro Peinador sumou nos últimos anos, aos poucos, unha rede empresarial de compañías dispostas a actuar en defensa do galego.

 

Podes ver a nova na edición do xornal premendo en  http://www.vieiros.com/nova/75002/e-posibel-e-necesario-desactivar-prexuizos-linguisticos-no-ambito-empresarial

Nova Escola cualifica de fraude a enquisa sobre a lingua, artigo publicado en Vieiros

Nova Escola cualifica de fraude a enquisa sobre a lingua

Entende que o goberno busca un resultado prefixado de antemán e critica que non exista a posibilidade de optar por un ensino todo en galego.

16/06/2009 Vieiros 

 

Nova Escola Galega sumouse ás diferentes organizacións, colectivos e profesionais que nos últimos días amosan a súa oposición ao proceso de consulta que sobre a lingua no ensino deberán contestar os pais con nenos en idade escolar. Este movemento de renovación pedagóxica considera "unha fraude de dimensións escandalosas a consulta ás familias" e entende que o goberno busca un único resultado, "prefixado de antemán".

Ademais, lamentan que o cuestionario non permita optar pola posibilidade de que os nenos aprendan soamente en galego: "é obvio que as posíbeis opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis". Asemade, recordan que esta consulta se articula sobre "unha metodoloxía acientífica e un proceso global que non ofrece garantías suficientes para a protección de datos das persoas consultadas".

Reproducimos aquí o seu comunicado:

NOVA ESCOLA GALEGA, quere denunciar publicamente a fraude que se está cometendo nestes días coa pretendida consulta ás familias sobre os idiomas que debe empregar o ensino. Unha consulta realizada sen o máis mínimo rigor científico nin metodolóxico da que cabe esperar un só resultado, o que desexa con vehemencia o goberno galego, comprometido con grupúsculos minoritarios que o elevaron ao poder, logo de facer da cuestión lingüística un instrumento de confrontación social.

Recorda NOVA ESCOLA GALEGA que ao comezo das preto de tres décadas do proceso de normalización, nunca se puido albiscar sequera que chegariamos ata aquí coas mouras perspectivas que se anuncian para a lingua dende o actual goberno da Xunta. Non parecería lóxico pensalo, habendo como había un consenso amplo no tocante á lingua que, con maior ou menor intensidade, se recollía na Constitución (1978), no Estatuto de Autonomía (1981) e na Lei de
Normalización Lingüística (1983), así como no Plan Xeral de Normalización da lingua galega (2004).

O actual goberno galego anuncia como medida "estrela" do seu mandato a derrogación inmediata do decreto en vigor, mesmamente cunha ignorancia total dos procedementos legais ao respecto, e como primeiro chanzo desta desfeita dá noticia dunha enquisa -consulta- aos pais e nais sobre a presenza da lingua na escola. Nos moitos anos que levamos no mundo do ensino non lembramos ningunha outra ocasión -e houbo motivos abondo- en que se utilizase este instrumento para saber a opinión de toda ou parte das comunidades educativas, abrindo ademais unha vía paralela, e distorsionadora a respecto do traballo e das decisións dos seus órganos representativos, democraticamente elixidos. Cabería preguntarse se a Consellería considera que esas diferentes representacións non son suficientes para que poidan asumir as decisións relativas á escolarización, tal e como veñen facendo ata agora cos proxectos lingüísticos dos centros. Por que se produce, logo, unha consulta que ignora absolutamente estes órganos de goberno? Por que exclusivamente para a lingua?

Moitos son os interrogantes que se podan plantear sobre a orixe e necesidade da enquisa-consulta. Velaquí algúns:

-Descoñece o goberno galego os principais indicadores sobre uso e presenza do galego no ensino?
-Pretende delegar a súa obriga de dotar o sistema educativo dos contidos curriculares oficiais tomando como referente substantivo a opinión das familias recollida nesa pseudoconsulta?
-É sensato focalizar a nova armazón lexislativa, anunciada con perspectiva de consenso e de continuidade, cunha "fotografía" do 2009, realizada nun momento de especial confrontación sobre a lingua?
-Onde está a responsabilidade do Parlamento e do Goberno?

Semella evidente que a partir dunha consulta, fraudulenta desde a súa mesma concepción e perversa desde o uso que se lle outorga ao concepto democracia para conseguir un obxectivo definido de antemán, procúrase que o resultado dea pé e sustento a unha modificación normativa de rebaixa no uso do galego no ensino. Esta constatación aparece probada se se ten en conta que o texto dos cuestionarios utilizan de maneira nesgada a terminoloxía de materias "troncais", furtándoselles ás familias a posibilidade de poder optar por un ensino todo en galego -agás as áreas das segundas ou terceiras linguas-. Non existe tal posibilidade na enquisa presentada. Pola contra, si existe na práctica, a posibilidade de optar por un ensino todo en castelán. Esta é, xa que logo, a tan proclamada liberdade lingüística?

Cómpre indicar tamén que as persoas que opten por marcar a casa de "Galego" (Ed. infantil e FP) ou "Todas en galego", en realidade ao que se están referindo é só ás chamadas materias "troncais". É dicir, que neste caso só estaremos optando polo que recolle xa o decreto en vigor. Calquera outra resposta supón necesariamente un retroceso no uso do galego como lingua vehicular.

Desde un punto de vista estritamente pedagóxico, a enquisa tamén é indefendible. Como se pode formular a posibilidade da aprendizaxe da lectoescritura en máis dunha lingua na educación infantil? Ou como se pode falar de materias "troncais" en educación primaria? Descoñecen que nestas etapas teñen unha importancia vital áreas que para eles parecen ser de segunda categoría? E que pasa cos demais contidos de educación infantil que non son de lectoescritura e non figuran na consulta? ¿Ignoran as propias leis educativas que sinalan as competencias como eixes curriculares e a globalización necesaria nestas etapas? ¿Como se formula sequera a posibilidade de que poida haber diferenza entre a lingua vehicular utilizada e a dos materiais curriculares ou probas orais e escritas?

É obvio que o resultado da consulta ás familias está cantado de antemán. É obvio que se lles pregunta por aspectos nimios referidos a como diminuír a presenza do galego do ensino. E é obvio que as posibles opcións de resposta non desexadas polo goberno, non se ofrecen, sen máis. Unha metodoloxía e un proceso global para a realización da consulta que cae polo seu propio peso. Neste contexto é certamente inexplicable que a dirección desta iniciativa gobernamental recaese nunha persoa en absoluto allea aos procesos de investigación científicos, e con grande prestixio no mundo da sociolingüística que ate agora defendía a necesidade compensar a lingua máis débil, tamén no marco escolar.

NOVA ESCOLA GALEGA esixe ao goberno que abandone xa ese argumento insultante de que todos e todas os que defendemos a lingua somos dun partido ou dunha ideoloxía determinada.

A lingua é de todos e todas, e a todas e a todos nos compete e nos obriga.

 

Ver a nova no xornal premendo no enlace

http://www.vieiros.com/nova/74821/nova-escola-cualifica-de-fraude-a-enquisa-sobre-a-lingua

En Galicia, ¿en galego? , artigo de Lourenzo Fernández na Voz de Galicia

Lourenzo Fernández 

En Galicia, ¿en galego?

16/06/2009 Voz de Galicia

 

 Linllo a Manuel Portas, un experto sociolingüista galego. A min tamén paréceme «triste, contraproducente e condenable ou papel dalgún descerebrado que gasta a única neurona en atentar contra ou coche e pintar nas paredes dá portavoz de Galicia Bilingüe». Exprésao perfectamente. Non merecemos a división social que está xerando unha proposta electoral demagóxica e impracticable. Refírome, claro, ao intento de reducir a presenza do galego na escola indo na dirección contraria ao lema aquel que encheu de adhesivos os parabrisas dos autos hai corenta anos. Non é sensato meter a vaca non maínzo para empezar a gobernar. Esquecendo aos dá neurona solitaria, o certo é que antes des cen días xa temos un Waterloo que aínda rematando en empate está a provocar dános sociais innecesarios. Vos que poñen escola, vos docentes, están molestos en diversos graos, uns choídos porque se queira facer dá educación, máis unha vez, ou centro dá solución de todos vos problemas sociais, mesmo dos que como este dá lingua non o eran; outros enfadados porque consideran a proposta de segregación por linguas -máis ou menos velada- un atentado contra valóresvos de integración que alicerzan de 30 anos para acó a escola na democracia: integración social, cultural, de xénero, de alumnos con necesidades especiais, de inmigrantes; outros, en fin, encabuxados porque se cuestione a escola como vía de capacitación na lingua propia do país que definen as leis e asentou a convivencia. A maioría non quere, con razón, que a escola sexa a cerna de batallas políticas e ideolóxicas.

Os xestores dos centros tamén andan molestos porque ademais de atender cumpridamente ás circulares ordinarias, facer horarios, atender pais, estudantes, docentes, procurar recursos e engraxar todos os mecanismos para que un centro funcione ben, han de encargarse de canalizar e custodiar un inquérito que se está a converter nun plebiscito. E nas familias discutirase, máis ou menos, sobre como responder e mesmo sobre quen ten dereito -familias extensas nas que vos avós son tan importantes a falla de garderías- a cubrilo. O asunto pode ter interese quererse converter Galicia nun laboratorio social para algún reputado científico social norteamericano. De non ser ese ou obxectivo, non alcanzo a comprender onde leva.

Os partidarios de avanzar non uso do galego como lingua viva -xunto cos demais idiomas necesarios non mundo de hoxe- só podemos sentirnos enganados cun inquérito que confunde nas preguntas e limita nas posibilidades. Dadas as preguntas, as respostas poden permitir que o 100% dás materias se imparta en castelán pero non que o 100% poida impartirse en galego. ¿U-la igualdade? Aínda bo é que todo este rebumbio provocado veña revelar unha ficción para tantos pais e nais que durante anos aturaron que a escola seguira sendo na práctica un instrumento desgaleguizador dous fillos que eles educaban en galego -ás estatísticas remítome. Pon as cousas non seu sitio, ao descubrir que eles tamén son suxeitos de dereito -aínda vía apartheid - ou ben que é hora dá ata agora negada galescola privada. Xa mo dicía unha veciña: ¿que mal lles fará o galego, ho?

 

Para ver a nova no xornal preme no enlace

http://www.lavozdegalicia.es/opinion/2009/06/16/0003_7788028.htm?idioma=galego

 

O Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña únese á defensa da lingua, artigo publicado en Vieiros

O Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña únese á defensa da lingua

Súmase ao da Universidade de Santiago pedíndolle á Xunta que garanta a presenza do galego no ámbito da educación.

15/06/2009 Vieiros

 Se hai uns días era o Departamento de Galego da Universidade de Santiago de Compostela quen pedía ao presidente da Xunta que recapacitase sobre os camiños que está a tomar a política lingüística do goberno, agora únese á moción o Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña. Nun comunicado remitido ao presidente da Xunta, á presidenta do Parlamento, ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística exixen que o goberno "tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posíbel vivir en galego".

Reproducimos aquí o comunicado:

O Consello de Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:O Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega e, nomeadamente, polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, cuxa orientación é retirala da función pública e diminuír a súa presenza no ensino non universitario, a pesar de ser unha obriga legal a promoción tanto do seu uso normal na sociedade como o seu emprego especificamente neste ámbito. A adopción de medidas como a supresión da proba en galego para acceder á administración é socialmente moi negativa, xa que poderá dar entrada na función pública a funcionarios descoñecedores dunha das dúas linguas oficiais, co que o atendemento en galego a quen o así desexar non está garantido. Canto á situación do galego no ensino non universitario, un ámbito en que tamén cumpriría intervir para ampliar o seu uso como lingua da docencia, observamos con perplexidade a aposta por confinalo a espazos marxinais e rituais, no canto de defender a necesidade de se actualizar e modernizar servindo de canle de expresión a todo tipo de coñecementos, incluíndo neles os científicos, tecnolóxicos e de maior prestixio social. A decisión de realizar unha consulta ás familias sen desenvolver unha potente campaña informativa previa e sen posuír o visto e prace dos/das profesionais do ensino e do alumnado resulta de dubidosa legalidade, mesmo sen entrarmos a analizar o contido e a formulación dunhas preguntas que distan moito de seren neutrais.Con estas accións, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estase transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos preconceptos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social e de abandono de usos.
No tocante ao ensino non universitario, como docentes universitarios e desde unha perspectiva académica, consideramos que a Xunta de Galicia incorre nunha grave irresponsabilidade ao lles trasladar a pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos. Para alén diso, xulgamos imposíbel que se garanta o coñecemento e o uso do galego reducindo a xa escasa docencia en galego e contrariando o espírito da Lei de normalización lingüística. Por outra parte, o decreto vixente na actualidade a este respecto estaba fundamentado na defensa dos principios e das medidas incluídas no Plan xeral de normalización da lingua galega, un texto aprobado por unanimidade das forzas políticas con representación no Parlamento galego.
De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial do noso país, instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns e das cidadás a seren atendidos/as en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posíbel vivir en galego. Animamos tamén o goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.Facemos, pois, en primeiro lugar, un chamamento ao Goberno da Xunta para que rectifique o seu comportamento contra a lingua do País. En segundo lugar, animamos a todo o pobo galego a defender o idioma dos nosos devanceiros, conservándoo e enriquecéndoo co uso diario en todos os ámbitos e en toda situación.

Podes ver  o artigo en Vieiros premendo o enlace

http://www.vieiros.com/nova/74807/o-departamento-de-galego-portugues-da-universidade-da-coruna-unese-a-defensa-da-lingua

 


Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer