INFORMACIÓN BACHARELATO

INFORMACIÓN FP

RESERVA E ADMISIÓN CURSO 2024-2025

Publicada a listaxe definitiva de admisión

no taboleiro do IES Lamas de Abade o día 22-05-2024

 

“A cultura galega é o tesouro que debemos coidar, acrecentar e transmitir,...", discurso de Ramón Villares

“A cultura galega é o tesouro que debemos coidar, acrecentar e transmitir, comezando polo impagable recurso da nosa propia lingua”, dixo Ramón Villares

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, chamou a atención sobre a necesidade de “coidar, acrecentar e transmitir ás novas xeracións o tesouro da cultura galega, comezando polo impagable recurso que supón a nosa propia lingua”. Así se expresou no acto co que a institución puxo o ramo ás actividades conmemorativas dos seus 25 anos (1983-2008) diante das primeiras autoridades de Galicia, encabezadas polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo e o Delegado do goberno, Antón Louro.  A seguir ofrecemos o texto íntegro do discurso de Ramón Villares.

(Discurso de Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, pronunciado no acto que culminou  os actos conmemorativos dos primeiros 25 anos da institución).

“A convocatoria deste acto institucional foi feita para pór o ramo a unha xeira de actividades norteadas darredor do lema “crear cultura, imaxinar país”, que iniciamos no mes de abril do ano pasado, con motivo da celebración dos 25 anos da institución. Aínda que pareza un acto algo serodio, adiado por continxencias alleas ao propio Consello, quixemos que a súa celebración cadrase co aniversario da aprobación da Lei de creación da institución.
Debo, antes de máis,  agradecer a  xenerosidade coa que responderon a este convite as primeiras autoridades de Galicia e tantas persoas principais da cultura, alén dos membros que son, ou teñen sido, do propio Consello. A vosa compaña orgúllanos e tamén  nos obriga a continuar unha laboría na que moito se empeñaron tantos  dos nosos devanceiros.

Pensamos o formato do acto como unha ocasión para expresar o recoñecemento a moitas persoas que fixeron posible esta institución e así se quixo reflectir coa intervención de tres ilustres membros da mesma, F. Díaz-Fierros, Victor V. Portomeñe e A. Zulueta, cuxa boa disponibilidade moito agradezo. E, alén desta lembranza, o acto tamén debe servir para arborar algunha reflexión sobre a situación na que nos atopamos e  para fixar algúns retos para o futuro.

As persoas que fixeron posible a existencia desta institución, desde os seus fundamentos, foron ben delas. Dado que a súa mención expresa demoraría moito, a lembranza duns poucos nomes pode ser representativa daquel conxunto. É o caso do profesor Filgueira Valverde quen, como conselleiro de cultura no primeiro goberno autonómico, foi o verdadeiro inspirador da Lei que creou o Consello da Cultura.  Tamén o de Victor Vázquez Portomeñe, quen asumiu as competencias de Cultura cando esta institución botou a andar e presidiu a súa sesión constitutiva. E, naturalmente, o nome de Ramón Piñiero, que foi eleito primeiro presidente do Consello, ao que achegou todo o caudal de lexitimidade que a súa figura atesouraba.
Moitas outras persoas achegaron o seu quiñón á facenda colectiva en que se foi convertendo o Consello. De todas elas,  non podo deixar de mencionar os nomes dos catro presidentes que me precederon como cabezaleiros da institución, Ramón Piñeiro, X. F. Filgueira Valverde, Carlos Casares e Alfonso Zulueta. Tres deles non poden estar entre nós, pero contamos coa presenza dalgúns dos seus familiares máis directos.

O acto debe tamén dar azo para unha breve reflexión sobre a situación na que nos atopamos. Unha  diagnose nada orixinal pero non por iso menos certeira sería a seguinte:  o sector cultural galego mudou moito durante este cuarto de século, cunha clara diversificación sectorial e unha modernización de linguaxes e soportes. Foi a resposta precisa para unha sociedade de masas, case universalmente alfabetizada, que multiplicou a súa capacidade de consumo de bens culturais. Neste sentido, a cultura galega está hoxe a considerable distancia da situación que tiña a principios dos anos oitenta,  lonxe do resistencialismo e dun certo enxebrismo e moito máis próxima ás correntes dominantes da cultura global (ou, cando menos, occidental).
A cultura non camiña de forma aillada do resto da sociedade. Leva o paso con moitos outros sectores produtivos e, dunha forma análoga,  está sometida á incidencia das políticas públicas que para ela se deseñen. Se é certo que a Galicia autonómica experimentou unha radical transformación económica, social e territorial, é claro que nesa mudanza global cómpre colocar a cultura, un sector que foi  decisivo na configuración da autonomía galega, pero tamén no seu posterior desenvolvemento e asentamento e, desde logo, na mellora da calidade de vida dos seus habitantes.
Esta constatación serviu de alicerce para organizar as actividades dos 25 anos, tanto nos distintos Foros de debate celebrados durante o ano pasado, como a través  da exposición Galicia 25. Unha cultura para un novo século, que desde finais de 2008 está en itinerancia polas cidades galegas. “Crear cultura, imaxinar país” foi o lema que zurciu aquelas actividades, un xeito de poñer en diálogo a nosa cultura cos grandes retos da cultura de hoxe, desde as novas tecnoloxías, o multilingüismo ou as vangardas artísticas ata o medio ambiente, o valor dos bens culturais ou os retos da gobernanza multinivel no que cada vez se moven máis claramente as sociedades actuais. Os textos daqueles foros están en proceso de edición e penso que constituirán un referente intelectual para os vindeiros anos.

Na escrita, na música, na ciencia, nas artes plásticas, na banda deseñada, no cinema ou na arquitectura, posúe Galicia nomes de homes e mulleres que permiten decir que a cultura galega ten hoxe cultivadores que a colocan nunha posición comparable con outros sistemas culturais. Teño a convicción de que cada época histórica ha ser medida polo labor dos seus creadores e artistas, dos seus  emprendedores da cultura e das institucións que os acollen. Pode hoxe calquera galego ignorar moitas cousas do seu pasado, mesmo dos máis grandes señores que na historia galega ten habido. Pero penso que será máis dificil que se esqueza de nomes como os do Mestre Mateo e de Martin Códax, de Domingo de Andrade e de Martin Sarmiento, de Rosalía Castro e de Curros Enríquez, da Pardo Bazán e de Eduardo Pondal, de Ramón del Valle-Inclán e Alfonso Castelao, de Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco, de Luis Seoane e de Alvaro Cunqueiro…., de mesmo xeito que no futuro se han de recordar os nomes dos máis sobranceiros escritores,  artistas e científicos do noso tempo. A razón é ben sinxela: a cultura é o fío esencial que sostén a urdime da memoria da tribo.

Lembranza,  reflexión e, tamén,  retos para o inmediato porvir. A institución forma parte esencial do entramado institucional do réxime creado pola autonomía e, por tanto, a súa evolución irá de forma acompasada con aquel, no sentido de asesorar, avaliar,  proxectar e promover os valores culturais do pobo galego. A condición de ser unha institución de alta asesoría en materia cultural foi exercida polo Consello cando para elo foi demandado ou, nalgúns casos, por iniciativa propia. 
Pero alén diso,  o Consello pode participar máis activamente na implementación das diferentes políticas públicas en materia cultural. Non hai ningunha vontade de intrusismo nen de intervencionismo en áreas que son privativas dos poderes executivos. Pero unha cousa é ter capacidade de decisión e outra é analizar, avaliar e propoñer medidas que logo os gobernos han de executar. Temos o exemplo da avaliación nas políticas de ciencia e tecnoloxía, que ben se poderían estender ao campo da cultura.
Ademais de asesorar e de avaliar, tamén no campo da promoción exterior de Galicia pode desenvolver o Consello unha tarefa importante do que algúns autores califican como de “diplomacia cultural”. Se nós pertencemos a unha nación-cultura, a aposta neste sentido debe ser explícita e, desde logo, cooperativa con outras institucións. O Consello da Cultura marcou desde hai anos o obxectivo de ter presenza exterior, nomeadamente no seo das colectividades de emigrantes, que agora está virando cara a outros lugares, como son algunhas universidades ou centros de excelencia internacional onde debe estar presente a cultura galega. E neste vieiro queremos seguir.

O mandato orixinario de creación do Consello foi o de preservar e promover os  “valores culturais do pobo galego”. O mandato segue en todo o seu vigor, pois non ten data de caducidade. Eses valores son moi numerosos, pero deben ser entendidos como unha herdanza comunal, que non admite partillas. A cultura galega é moi plural. É peza esencial desa cultura a súa lingua e literatura, pero tamén a paisaxe e o territorio, o enorme e valioso patrimonio histórico e cultural ou a súa urbanización difusa, para non entrar noutras miudanzas. Son estes valores  os que nos dotan de identidade cara dentro e cara fóra.
Sen ter que abusar da coñecida frase risquiana de que “ser diferente é ser existente”, porque hoxe as diferenzas non son excluíntes, cómpre recordar que ter identidade ou, dito en termos máis instrumentais, ter unha imaxe ou “marca-país” é un dos bens intanxibles máis dificiles de lograr. A cultura galega é un deses intanxibles, un tesouro como os que na tradición popular se supoñía que gardaban os mouros. Este é o tesouro que temos que coidar, arrequecer e transmitir ás novas xeracións, a comezar polo impagable recurso que supón a nosa propia lingua.  

 Quero rematar retornando ás palabras iniciais de recoñecemento e de gratitude.
Durante todos estes anos, o Consello da Cultura gozou de apoios institucionais e persoais sólidos. Os distintos gobernos autonómicos, cuxos presidentes foron os presidentes de honra do Consello, así como os parlamentarios de todos os grupos políticos, nas diferentes lexislaturas autonómicas,  foron solidarios coa institución e contribuíron a dotala de fortaleza administrativa e de valor simbólico na súa función de asesoramento en materia cultural e de promoción exterior da cultura de Galicia. Moitas institucións provinciais e locais, así como empresas e fundacións privadas e, desde logo,  todas as corporacións que forman parte do plenario do Consello, contribuíron asemade a este labor de afirmación da institución como un referente cultural.
Todos os que no pasado traballaron e colaboraron co Consello, desde os seus presidentes e membros do Plenario,  ata o seu cadro de persoal laboral e administrativo, son os grandes protagonistas desta viaxe e os merecentes de eloxios e parabéns. Aos que agora nos tocou a sorte de estar ao frente da institución, só nos cabe a posibilidade de manifestar a gratitude pola herdanza recibida e proclamar a vontade de deixar algún benfeito para os que nos han de suceder.
Gratitude que faigo extensiva a todos os presentes, por teren acudido á nosa chamada e pola confianza que a súa presenza nos outorga para o mellor goberno desta institución. Dixen”.

 Preme no enlace para ver máis  http://consellodacultura.org/?p=953#more-953

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer