Skip to Content

Linguas clásicas

A voltas co exército romano

Varios compoñentes da Asociación de Recreadores de Galicia viñeron ó IES Elviña para explicarnos detalladamente a formación e evolución da impoñente máquina de conquista que foi o exército romano. E non se limitaron a isto: trouxeron abundante material de recreación e ensináronlle ó alumnado diferentes tipos de estratexia como a testudo, a cunnea, a domus... Rapaces e rapazas participaron animosamente no proxecto. 

Dende aquí reiteramos o noso agradecemento a Óscar, Paio e Río... Audaces Fortuna iuvat!

 

 

Antígona ante os xuíces

O pasado mércores 18 de outubro tivo lugar a representación da versión de Andrés Pociña Antígona ante os xuíces no IES Elviña. A obra estaba baixo a dirección de Ricardo Martín, antigo catedrático de Latín do Instituto e responsable do exitoso grupo de teatro Sardiña. 

O alumnado púxose unanimemente a favor da heroína grega que actuaba conforme ás leis internas e contra as leis inxustas da cidade. Resultou ser unha experiencia enriquecedora desde moitos puntos de vista.

Gañadora do concurso fotográfico Prósopon 2018

Cynthia Rodríguez Sagra, alumna do IES Elviña na Secundaria e no Bacharelato, foi a gañadora do primeiro premio ex aequo do Concurso Fotográfico Prósopon 2018. A súa instantánea foi tomada no teatro Colón durante a representación de Electra na pasada edición do Festival de Teatro Grecolatino organizado pola SEEC.

Prósopon 2018

Parabéns, Cynthia. Desexámoste todos os éxitos que mereces na túa nova etapa da viaxe a Itaca...

DÍA DA ROMANIDADE 2018

O IES ELVIÑA NON PARA!
DÍA DA ROMANIDADE 2018

Día da Romanidae

O pasado día 4 de setembro celebrouse o I Día da Romanidade na nosa cidade, xornada coa que se conmemora o legado común de todos os países de cultura latina. Para que non se diga, unha parte do profesorado de linguas do noso centro participou no acto que, por mor da festividade, organizouse no entorno da Torre de Hércules, dirixido por Ricardo Martín, excatedrático de latín do centro. Alí estiveron (testis pictura...) a nosa Puri magistra Latinae Graecaeque linguae e máis Alfonso (Gallaeci etiam latini!) e Sonia (barbarae linguae magistra, sed amica Latinorum). En fin, que, polo que se ve, o pasaron ben arreo. Máis fotos no flickr de Gallaecia viva AHC.

Visitamos o Castro de Elviña

O alumnado de 3º e 4º da ESO de Linguas Clásicas visitou o Castro de Elviña o pasado sete de maio. Levamos unha grata sorpresa ó comprobar as melloras efectuadas no seu coidado e conservación, e observamos que as súas dimensións estaban infravaloradas. Malia todo isto hai que lembrar que as partes escavadas constitúen unha ínfima parte do conxunto arqueolóxico e que queda moito por descubrir. 

 

 

O noso agradecemento á fotógrafa deste evento: Julia de 4º B.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut