De concerto en Culleredo

Abrimos a fiestra para amosar o talento do noso alumnado. O pasado martes 19 de novembro ás 19:30 horas unha das nosas alumnas de 3º de ESO participou no Concerto para intérpretes de violoncello que se ofreceu no Auditorio Gustav Mahler do Conservatorio de Música de Culleredo. Unha representación do profesorado do noso centro acudiu presto e xeneroso para dar pulos á solista, quen, facendo honor á ousadía que adoita ser norma da xuventude, actuou co aplomo dunha profesional auténtica, segundo testemuñaron os deleitados cronistas.
Baixo a mirada atenta -e seguramente severa- da súa mestra Ruslana Prokopenko e coa compaña ao piano de Damián Hernández, interpretou obras de Tchaikovskij, Goltermann, Eccles e Aratiunian nun programa de entidade no que compartiu escenario con outras xóvenes promesas galegas -e galegas de adopción- da interpretación deste fermoso instrumento que agocha nas súas cordas as verbas senlleiras da humana emoción.
Noraboa á intérprete polos seus logros xuvenís, que fan esperar o mellor para o futuro, e noraboa tamén a quen a alenta o seu labor (os seus fachendosos pai e nai, moi especialmente).
