Skip to Content

Normalización

III CONCURSO "COMIDAS DE OUTONO" NO IES ELVIÑA

COMIDAS DE OUTONO NO IES ELVIÑA

 00 
 

INGREDIENTES

287 rapaces e/ou rapazas
42 profesores, profesoras e persoal do centro de ensino
50 m2 de instalacións do IES Elviña
100 pratos de cartón (contra o cambio climático)
cubertos varios
unha chea de ricos entrantes, postres...
40 Kg de orixinalidade e gañas
50 Kg de bo humor
e 2 toneladas de paciencia familiar (benditas nais...!)

 

PROCEDEMENTO

Póñanse os rapaces, os profesores os pratos e a chea de ricos entrantes e postres cos cubertos no soto das instalacións do IES Plurilingüe Elviña ás 12:10 horas do día 30 de novembro. O bo humor e a paciencia familiar xa se dan por feitos, tratándose das familias e do alumnado máis rumboso da Coruña (que ninguén se nos enfade, xa dixemos que temos bo humor). Axítese todo ben e déixese acougar vinte minutos.

Et voilà! Bon appétit!
Xa temos preparadas as comidas do outono do IES Elviña

010203
040506

 

III Concurso de "comidas de outono"

     Como xa ven sendo tradicional no noso centro o Departamento de dinamización da lingua galega organiza a finais de novembro unha xornada lúdica adicada ao pracer da mesa autumnal, a saber, o Concurso de comidas de outono, que xa vai pola súa terceira edición. Xa se sabe que o de gañar só é unha fermosa honriña para un par de privilexiados; aquí o importante é compartir, pasar un bo chisco xantando as creacións culinarias d@s compañeir@s (e dos demais membros da comunidade escolar, que tamén adicaron a súa tarde a preparar as súas delicatessen).
     E iso foi o que pasou: alegría para a rapazada (sobre todo, pero non só) no segundo recreo e unha xornada para lembrar.

111009


    Nesta ocasión fixéronse máis de 30 receitas, desde as tradicionais castañas cocidas (máis otoñal non se pode) ata as delicias de cenoura e cabaza que fixeron as ídem da populosa concurrencia. Un ano máis, o chocolate saiu triunfante, coa receita de gulosas galletas de Fernando (2º ESO), que levou a palma.

Arturo-receitaArturo
Arturo

    Unha mención especial para Arturo Piñeiro, que deixou abraiado a todo o mundo coa súa Biosfera de outono con aires de vainilla e menta. E abofé que estaban ben saborosos eses ventos con sabores de novembro. Bravo, Arturo!

SAMAÍN, 2018

araña

 

 

Títulocaveira

Samaín

     Cando a xornada comeza, aínda entre as abafantes néboas da mañá, van chegando os rapaces á sinistra biblioteca do IES Elviña (as teas das arañas e as persianas baixadas dan conta do abandono do lugar). En fin, que se unha biblioteca xa é de seu arrepiante no noso país, imaxínense vostedes o sentimento de afogo e terror no día dos defuntos...
    Grazas á colaboración dos diversos departamentos, o espazo puido engalanarse para tan fúnebre ocasión: testemuñas tácitas os esqueletes que saíron dos armarios para escoitar as historias de aparecidos e asasinatos que leron os rapaces (Esconxurados quedaron sapos, demos, cabras e bruxas!). En fin, que chegou o Samaín e foise un ano máis, sen que o sangue chegase ao río... pero si ao fío cortante dos coitelos e dos vampirescos cabeiros que luciron as pantasmas voadizas que percorrían os pasadizos do castelo, quero dicir, os andares do instituto...

040708
050109
1013

DÍA DAS LETRAS GALEGAS (II). HOMENAXE DO IES ELVIÑA A MARÍA VICTORIA MORENO

letras galegas     Coma homenaxe a María Victoria Moreno, á que se adica o Día das Letras Galegas 2018, os nosos compañeiros de Lingua galega e do Departamento de Dinamización da Lingua galega fixeron no centro varias actividades conmemorativas e traballos co alumnado. 

O alumnado de varios cursos da ESO leu o libro Mar adiante e realizou unhas actividades de creación inspiradas nesa obra. As actividades dos rapaces foron expostas nos taboleiros de exposición do centro para seren contemplados por toda a comunidade. Poden verse aquí as fotografías da actividade e no enlace, os traballos dos rapaces.

010205
0304

Enlace cos traballos dos rapaces

Ademais, dentro das mesmas actividades de celebración do Día das Letras, filmouse este vídeo, traballo conxunto de alumnado, profesorado e persoal do centro, inspirado na obra da nosa autora extremeña. Parabéns a todos os que participaron na súa elaboración. Sirva como lembranza da autora na xornada institucional das nosas letras.

CERTAME DE CLUBES DE LECTURA ESCOLARES (CENTRO ÁGORA)

AZAHARA, campioa no Concurso de microrrelatos do Grupo DADO

     O pasado martes 17 de abril celebrouse no Centro Ágora o encontro anual do Grupo Dado (Asociación de clubes de lectura dos centros de ensino coruñeses). No mesmo acto, unha celebración destinada principalmente aos rapaces e rapazas dos institutos que adican tempo fóra do seu horario lectivo á literatura e ás actividades dos clubes, fíxose reconto tamén do traballo dos coordinadores e das actividades levadas a cabo polos diferentes clubes. Ao longo do acto, actuaron os seleccionados nos distintos concursos convocados pola Asociación. O IES Plurilingüe Elviña pode presumir de contar con dous seleccionados finalistas na categoría de microrrelatos: Samuel Rey Morón (2º ESO A) co título "Un mar sen fondo" e Azahara Merlo (3º ESO A) co traballo "Cos ollos pechados". Azahara, ademais, resultou gañadora do Primeiro premio na súa categoría de idade. O seu traballo pode lerse xa na páxina do Club de lectura do noso centro Elvilendo. Noraboa á gañadora e, por suposto, a todos os participantes.

Club-01club-02
Distribuir contido


by Dr. Radut