Skip to Content

Linguas clásicas

Estudamos a anatomía da Torre de Hércules "in situ"

O alumnado de Humanidades do IES Elviña visitou o faro máis antigo do mundo en funcionamento: a Torre de Hércules. Tivemos a sorte de inspeccionalo por dentro tamén, revisando a estrutura orixinal e mesmo a antiga lucerna. Está situado nunha contorna privilexiada e disfrutamos dun día primaveral; iso si, acompañados de Eolo...

Inspeccionando o Castro de Elviña

Posto que non nos cansamos do Castro de Elviña que temos ó lado da casa, neste mes de abril o alumnado de Cultura Clásica volveu visitalo e disfrutar del. Seguimos pensando que ten moitas posibilidades que non acaban de ser aproveitadas porque é unha zona verde e un conxunto histórico que está nun lugar privilexiado. Ameazaba tormenta pero Xúpiter deixounos en paz e puidemos ata buscar un petroglifo...

 

Cita co teatro grecolatino

Neste curso 2018-2019 non faltamos á nosa primaveral cita no Teatro Colón o mércores 13 de marzo. Como ven sendo habitual, na sesión matutina representouse unha traxedia (Bacantes de Eurípides) e na vespertina unha comedia (Anfitrión de Plauto). Noite Bohemia foi a compañía encargada das dúas obras que fixeron as delicias do alumnado de Latín e Grego do noso centro. Procuraremos repetir a gozosa experiencia nos anos vindeiros...

Viaxe a Grecia 2019

      O alumnado de Grego de Bacharelato do noso centro, acompañado pola súa profesora, visitamos a Hélade na semana de Antroido nunha viaxe organizada pola SEEC de Galicia. Percorremos a sorprendente Atenas e o multiforme Peloponeso: o canle de Corinto, Micenas rica en ouro, Epidauro como centro terapéutico de Asclepio, Mesenia a sempiterna rival de Esparta, Pilos e o pazo de Néstor, Olimpia orixe dos xogos, Delfos e o seu oráculo...

Seguinco as pegadas dos antigos gregos clarificamos o noso mundo. Nesta viaxe polo berce da nosa civilización guiounos a luz do noso magnífico Hermes particular chamado Lefteris.

Rapazas e rapaces interactuaron no "eclesiasterion" de Mesenia coa lectura de poemas de Tirteo e de Pondal nun magnífico día case de primavera. Aprendemos e desfrutamos moito. Quedamos deslumbrados na nosa peregrinación pola beleza. Queda aquí unha mínima mostra gráfica...

Álbum: Actividades -> Viaxe a Grecia 2019

Odisea 2019

Este ano o concurso Odisea online versou sobre a ciencia e a tecnoloxía na antiga Grecia e na antiga Roma. Participaron douscentos cincuenta e dous equipos en Galicia e o IES Elviña quedou como finalista para o desempate. O noso centro foi a sede do desempate comarcal e viñeron os equipos gañadores de Monelos, María Casares e Fogar de Santa Margarita (ademais do noso). A final foi dunha dificultade extrema pero os participantes loitaron con enerxía e entusiasmo ata o final. Parabéns a todos eles e, en especial, as nosas Ahinoa e Azahara de cuarto de ESO, que foron excelentes guerreiras.

Distribuir contido


by Dr. Radut